24/3/08

Octopus, Galician Style

Isto tíñao Markus, un antigo compañeiro dos meus tempos no Servizo de Teledocencia da Universidade de Vigo, hoxe posto na súa frase do Messenger e, como entenderedes cando o vexades, non me puiden resistir a poñelo no meu blog.


O homiño este afástase un chisco da nosa maneira de servilo e, ademais, non ten perdón porque, para que non lle dea aquel aos tiquismiquis, lle quita ao polbo o mellor que ten (as puntas) pero nótaselle que polo menos estivo pola nosa terra e que fala de primeira man, e non de oídas.


Xa vedes, nada máis e nada menos que o The New York Times, falando do noso polbo á galega. Juanillo, compañeiro, vai a haber que poñer en práctica dunha vez por todas a idea esa que tiñamos David, ti e máis eu, non cres? :·P


19/3/08

Pais

A min, para servos sincero, nunca me gustaron un carallo os días do pai, nai, etc. Se cadra si un chisco máis o día dos namorados pero, aínda así, moléstame toda a mercadotecnia que se desprega á busca e captura do consumidor. Si, si... o consumidor es ti, amigo, non mires cara aos lados. Ti e máis eu.

Hoxe, sen embargo, que disque é o día do pai, vou a celebralo aquí á miña maneira. Para gloria de Blogspot, que igual ten algunha que outra visita máis a conta do meu post, e desgraza dos Cortes Ingleses e Marses & Spencerces que non terán o pracer de sequera cheirar a miña tarxeta.

Eu, como non podía ser doutro xeito, falarei aquí de meu pai. Non sei se lle parecerá ben ou mal, pero xa mo contará por vídeo conferencia cando o lea aquí no blog porque... si, lestes ben, o bo do Albela senior está feito un fiera do internet e a computadora: conéctase para buscar coches de segunda man no Google, vai a clases de informática á biblioteca de Vedra, manda correos electrónicos, busca lugares no Google Maps, mira vídeos no YouTube, conéctase ao Messenger para chatear e falar e ver ao seu fillo emigrado...

Todo isto, acompañado case sempre por miña nai, coa que o pasado 11 de marzo cumpriu nada máis e nada menos que 35 anos de matrimonio e que, salvo cando Albela vai ás clases (ás que ela non vai) se lle pon sempre ao lado cando el fedella no ordenador, non vaia a ser que, con iso de chatear, se lle ocorra buscar moza cibernética (por moito que quixera, nunca ía a atopar unha mellor que ela).

E é que, falando de cifras redondas como a do seu aniversario, meu pai ten a inmensa sorte de, aos seus 60 aniños recén cumpridos, seguir aprendendo cousas e pasándoo coma un neno pequeno cando aprende. Se é o suficientemente listo, e eu creo que meu pai o é, darase de conta disto agora que o escribo eu aquí (se non se decatara el xa antes) e aproveitarao. El, que cando era un mozo se apuntou ao curso de electrónica a distancia “Radio Maymo” e aprendeu como funcionaban as válvulas e os transistores, e como estes facían funcionar radios e televisións, despois de toda unha vida de traballos ten aínda por sorte a saúde, o entendemento e as ganas para se pelexar co último en tecnoloxía. O mellor regalo que pode ter hoxe non llo vou a facer eu, senón que el mesmo se debería de facer ese regalo: decatarse do moito que ten aínda, non gastar o tempo en parvadas, e aproveitar cada minuto coma se fose o último.

Porque, se algún defecto ten meu pai, é ser cabezota e negativo, e perder o tempo e o sentido, gastar horas, días, semanas... inutilmente, cavilando sobre temas o deberan de preocupar o xusto. Isto igual non lle gusta que o escriba, pero que se aguante, porque vaille a facer ben lelo, analizalo, entendelo e corrixilo. Porque este homiño de Dios, con todo o listo que é, que igual che amaña un coche que unha instalación eléctrica, ou que te deixa abraiado coa facilidade e a soltura coa que manexa a masa ao facer o pan, é capaz de se amargar ata a enfermidade con tonterías que, se as analizas, poden ser para se preocupar 5 minutos ou para botar un día preocupado e punto, pero non para remoer nelas durante semanas.

O defecto, hai que dicilo no seu descargo, creo que lle ven de familia. Eu, pola miña parte, intentarei que non transcenda esta xeración de Albelas. E, se podo, intentarei que os meus fillos teñan de min o mesmo marabilloso recordo que teño de meu pai: con catro ou cinco anos, indo a durmir a sesta os dous xuntos nos días de verán; quedándome durmido coas fantásticas historias que para min se inventaba; e roubando ás caladas do moble bar, ao erguernos, aquelas saborosas cereixas do licor (dúas para el e unha para min) que colliamos cunha culler dun grande frasco de cristal.

Feliz día do pai, rapás.

15/3/08

Un día en Londres

Son as 23:34h e estou no Oxford Tube (un autobús) camiño de Oxford. Hoxe erguinme algo máis tarde das 5:30h para poder coller o autobús a iso das 6:30h, así que agardo que o cansazo, aínda que poida minguar a calidade da miña narración, polo menos non a impida.

Collín o autobús tan cedo porque hoxe vin a Londres para unhas conferencias sobre desenvolvemento de software: o QCon. As conferencias estiveron realmente interesantes. Había unha morea delas simultáneas, polo que tiven que escoller as que me parecían en cada momento máis interesantes e asistir a esas deixando outras que me parecían así mesmo moi interesantes. Como dixo un dos participantes na mesa redonda coa que pechou o QCon London por este ano, cando un vai a unha conferencia agarda saír delas máis “wise”, tendo sacado rédito dos cartos que pagou para asistir. Pero, ao mesmo tempo, como dicía o home este, agradece saír sentíndose “dummy” porque escoitou cousas que lle fixeron pensar que non sabía tanto como cría saber e lle moveron os cimentos de ideas que cría ter asentadas. Eu saín sentíndome bastante máis bobo que listo, pero máis contento ca unhas pascuas de poder ter asistido a unhas conferencias con tanto nivel.

O QCon tiña lugar no Queen Elizabeth II Conference Centre que, en si mesmo, non ten nada de especial. Seguramente o de Santiago estea tan ben coma este ou incluso mellor. O centro en si mesmo, como digo, non ten nada de particular... agás que miras polas fiestras dun lado e ves a Abadía de Westminster e miras pola do outro e ves o parlamento. Iso... iso si que non hai cartos que o paguen. Incrible.

Agora ben. O QCon rematou ás 18:15h e son xa as 0:05h do sábado. Que fixen no medio? Pois quedei deambulando por Londres (Victoria Street, Victoria Station, Hyde Park, Picadilly Street, Picadilly Circus...) para logo cear nun libanés cos meus benqueridos Aida e Juan (os padriños da miña aventura británica) e tres amigos seus de Alicante. Recoméndovos a comida e a compañía. Ambos inmellorables.

Un día en Londres. Unha día redondo.

10/3/08

Cumpreanos feliz

Hoxe é o seu cumpreanos e, vóuvolo a confesar, non lle merquei un regalo. Si, si... xa sei que debera pero, por diversas razóns, non me vou a estender explicando cales, non o fixen. Teño aínda un ou dous ases na manga, pero polo de agora son só ases. Non teño regalo.

Así que aquí me tedes: ás 18:18h, despois do traballo, no tren camiño de Oxford, tratando de encadear unhas palabras con outras a xeito de improvisado e pequeno agasallo e, cando penso en qué dicir, só se me ocorre unha cousa: grazas.

O primeiro seu cumpreanos que celebramos xuntos foi o número dezanove. Este, é o trinta (somos da mesma quinta). No medio, desde que comezamos a ser mozos ata o día de hoxe, pasaron once anos, oito meses e dezasete días (as beiras que antes lle fixen non constan a efectos “oficiais”) que foron sen lugar a dúbidas os mellores e máis intensos da miña vida. A lista completa dos bos e os malos momentos, daqueles dos que un goza cando os rememora e daqueloutros dos que se avergonza e lle corroen os adentros... a lista completa só a temos nós e nosa seguirá sendo, porque aínda querendo é imposible facer unha relación de tódalas pequenas e grandes situacións, de tódolos momentos compartidos. Pero si quero que saibades que todo pagou e paga a pena. Que, como lle repito cada vez que podo, me fai tremendamente feliz e que hoxe, que pon un ano máis na súa particular conta e muda ademais o primeiro díxito, a vexo máis fermosa que nunca e non podo senón darlle grazas por deixarme, a pesar de todo, seguir a tentar devolverlle sequera unha milésima parte da felicidade e o amor que me da.

Grazas, amor meu, e que cumpras moitos máis.


PD: ao final si houbo regalo... ;·)

8/3/08

Zooglelandia

Adeptra está moi ben e ademais temos un billar e todo pero... eu quero irme a traballar aquí !!!!!!!!!!!!!!!!

2/3/08

Ruta Abingdon-Oxford pola beira do Támesis


O pasado sábado día 16 Xulia e máis eu decidimos aceptar a invitación de dous compañeiros seus do Plant Science Department, Maxim e Antonina, un matrimonio de rusos que ante a súa inminente mudanza de Abingdon a Oxford decidiron facer antes esa mesma ruta a pé todo pola beira do Támesis. Enviáronlle a invitación a todo o departamento, pero os únicos que a secundamos fomos Xulia, eu, e unha moza inglesa chamada Kate.

Coma da outra vez, déixovolas aquí.

Agardo que vos gusten e pídovos desculpas por ter tardado tanto en colgalas.