28/5/08

Hello!

Hoxe, que teño o día un chisco melancólico, vou a intentar escribir algo de novo, despois dunha boa tempada sen facelo pese a insistencia de Arturo, Anitiña e algúns outros dos que vos achegades a este meu balcón por ver se saio a tomar o sol e saber asi como me vai e poder botar un conto comigo.

Como, tal e como dixen, levo un tempo faltando a esta miña autoimposta obriga de vos contar a minha vida e pensamentos, intentarei nesta entrega poñervos mais ou menos ao día.

O primeiro de todo, dicirvos que vos boto moito de menos. Isto dígoo agora porque me acabo de poñer un pouco tristón, pero non é que non o sentise antes. Ultimamente, supoño que porque que o Albela estea no estranxeiro deixou de ser novidade, recibo menos correos vosos. Como non tiña tempo para escribir no blog tampouco recibía os vosos comentarios, e a verdade é que vos boto moito de menos. Non digo a quen. Vos xa sabedes quen sodes.

Despois... despois hai moito e pouco que contar. Nun post anterior falábavos de rutina, de cotidianeidade, como ben me apuntou Arturo nun correo, e nesas seguimos. Dáme a impresión de que as cousas se van pouco a pouco asentando, e iso non é malo, senón todo o contrario.

Do mais destacable é, quizais, que pouco a pouco comeza a medrar a nosa vida social aquí no UK. Hai coma un mes fomos cear a casa de Maxim e Antonina, os nosos benqueridos amigos rusos, que xa nos invitaran tempo atrás a dar un paseo con eles desde Abingdon a Oxford todo pola beira do Támesis. Pasámolo moi ben dando primeiro un paseo con eles para facer apetito e comendo logo a rica comida rusa que preparou Antonina.

Unha semana despois, máis ou menos, invitáronnos tamén a cear Noel e Nikki, os dous compañeiros do grupo de “Core Development” (ao que eu pertenzo) que están sempre comigo na oficina (os outros, meu xefe incluído, traballan maiormente desde casa ou na oficina dos US). Fomos ver a súa casa, que mercaron hai un ano, e tivemos que lle dar a razón a Manolo de Construcciones Cacheiras, o pai do noso amigo Héctor, que di que, sen lugar a dubidas, onde mellor se constrúe de todo o mundo e en Galicia. Pensar nas cantidades que se pagan neste país por estas casiñas de xoguete con paredes de plasterboard (cartón recuberto de xeso) que teñen fai que a un lle parezan moi pero que moi baratas as caras casas e pisos da nosa terra.

Outra fin de semana volvemos dar un paseo con Maxin e Antonina acompañados esta vez tamén de Dave, un canadense que estivo durante o mes de maio por Oxford para que Maxim lle botase unha man cunhas complicadas análises que el non sabía facer e nas que o noso amigo ruso é todo un experto.

E esta fin de semana, acabando o capitulo da vida social (que isto xa parece o Hello!), fomos... a unha voda!!!!! Si, si, eu tampouco mo cría cando Dave Baggot, compañeiro de Adeptra, me chamou para invitarme, pero o caso e que, tan so catro meses e uns días despois de virme para o UK, xa tiven a ocasión de asistir a unha voda inglesa. Que como é? Vos vistes a peli do Hugh Grant, esa de “Catro vodas e un funeral”? Pois así! Como as vodas, digo, por suposto. Aínda que, para ser sinceros, se as comparamos cunha voda galega hai cousas que se poden comparar cun funeral, porque a verdade é que o tema do baile do final sen pasodobres, nin salsa, nin merengue, nin unha muiñeira tocada co órgano electrónico, nin tódolos invitados facendo o tren... A verdade e que niso levámoslle moita vantaxe a estes inglesitos.

Pero, volvendo ao tema, a voda foi como vos conto. Cando chegamos, había dous ushers mesmo na entrada para recibir aos invitados. Os ushers veñen sendo os amigos mais amigos do noivo e son ese día os encargados de lle botar unha man con todo o relacionado coa voda: son os que guían aos invitados, son os que piden silencio se a xente se alborota, son os que lle mandan á xente erguerse cando chega a noiva, son os que che collen o abrigo e cho gardan, son os que se encargan de custodiar e entregar aos noivos os aneis, ou os que se encargan de que ao final non falte a cervexa, por exemplo. De entre eles, o Best Man é o equivalente ao noso padriño, pero non é o pai da noiva, senón o mellor amigo do noivo. Pola parte feminina están por suposto as damas de honra ou bridesmaid. Non sei se é sempre así, pero nesta voda había dúas: a chief bridesmaid e outra que era bridesmaid a secas. Finalmente están, por suposto, a Bride e o Groom, ou a noiva e o noivo, respectivamente, para que nos entendamos.

E despois deste inciso terminolóxico, vouvos a resumir polo aire en que consistiu a voda británica: cerimonia laica; saída do lugar onde se fixo a cerimonia; felicitacións aos noivos; pinchos e bebidas, escasos ambos, a modo de aperitivo mentres se sacaban as fotos; foto colectiva de toda a xente que asistiu a cerimonia, coa fotografa enfocándonos desde a fiestra dunha casa; entrada para o comedor previo saúdo tipo “bica-mans” aos noivos; discursos varios, uns emocionantes e sentidos, e outros cómicos e divertidos; comida rica pero so dous pratos e postre e, por suposto, nada de marisco; concurso entre as distintas mesas, con preguntas sobre os noivos, organizado pola irmá da noiva; e, finalmente, o baile, que como xa vos dixen, non tivo nin punto de comparación cos das vodas de Galicia, pero ao que lle sacamos todo o partido que puidemos. ;·)

Non estivo mal, certamente, pero a verdade é que me levei unha grande decepción coa voda inglesa: as mulleres non levaban pamela e ían todos bastante ben conxuntados. Eu tiña entendida outra cousa dos ingleses e as súas vodas. Estaranse volvendo europeos ???? :·P

A mesa na que nos sentamos os de Adeptra. O de pelo branco á dereita é o meu xefe, Jonathan.