30/4/09

Hasta el cuarenta de Mayo...

...no guardes el sayo’, di o dito castelán, co cal eu cometín un grave erro cando hai cousa dun mes gardei cara ao fondo do armario unha abrigosa chaqueta verde que merquei o día de San Valentín en Londres.

Hoxe pola mañá collina de onde a deixara antes de me montar na bicicleta para ir á estación. As temperaturas de entre 6 e 14 graos que prometían para estes días non sei onde carallo quedaron...

En fin, mañán non é corenta de maio, senón primeiro, e se non hai novedade erguereime cedo para ir a escoitar o concerto que os nenos do coro darán ás sete da mañá desde a torre do Magdelaine College. Creo que tamén haberá Morris Dancers e similares, para celebrar a chegada do mes que precede ao verán. Xa vos contarei que tal.

Hoxe... hoxe estamos agardando a que chegue mañán, non só polo da celebración do primeiro de maio senón porque estamos... agardando a Coira (e a Amparito) ;•)


PD: Nikki acábame de facilitar a versión inglesa do refrán. Enjoy!

Question:

An old English saying goes, "Never cast a clout until May is out." Does that refer to the month of May or to May blossoms?

Answer:

"Ne'er cast a clout 'til May be out" refers to the month. Clout is from an Old English word for cloth or clothing, and the saying was a reminder not to be too quick to shuck the winter woollies before the chilly days of May were over.

(tomado de aquí)

29/4/09

Javier Ortiz

Desde hai unha tempada, e por recomendación de Isabeliña, inclúo ao diario Público na miña lista de páxinas web de medios de comunicación españois e estranxeiros a visitar, xunto con El Correo Gallego, La Voz de Galicia, El Mundo, El País, Vieiros, a Cadena Ser, ás veces ABC, The Guardian, The Times, The New York Times e a BBC, entre outros, como o AS ou o Marca, que non poden faltar. Durante a campaña presidencial nos EE.UU. cheguei a incluír na lista ao Anchorage Daily News, un xornal de Alaska, por iso do "fenómeno" Palin.

Pero hai un momento, dicía, acabo de abrir a páxina do diario Público e atopeime coa nova de que Javier Ortiz, columnista dese xornal, faleceu deixando escrito o seu propio obituario. Teño que confesar a miña ignorancia e dicir que Javier Ortiz me soaba... e punto. Certamente non é un xornalista do que soubese moito, pero esta idea súa de deixar o seu obituario por escrito no seu blog e a brilantez na sinxeleza (non van sempre xuntas?) dese mesmo obituario, fan que lle teña que rendir esta pequena homenaxe, deixándovos neste meu pequeno espacio público-particular, as ligazóns ao seu "último" texto.


Javier Ortiz Estévez, se era o que ti querías, descanses en paz. Senón... que deas moita guerra, alá onde esteas.



PD: calquera día sorpréndovos cun texto deste xénero da miña feitura. E vos poñades agora a dicir que son un mal agoreiro, porque se hai algo seguro nesta vida é que a do capuchón negro e a gadaña, un día ou outro, chegará. Ata entón... a vivir, que non queda outra.

28/4/09

Hollie Steel

Isabeliña mandoume a ligazón a un vídeo doutro super English talent. É incrible o ben que o fai a rapaciña esta (aínda que eu ao principio estiven a piques de pechar o navegador tal e o como o Simon Cowell estivo a punto de parala lle parar a actuación :·P):




Por certo que, como vedes, seguides tendo que ir directamente ao vídeo e sigo sen poder poñérvolo directamente no blog. Supoño que iso será para que teñamos todos que ir á páxina de YouTube e ver os seus anuncios. O tema é que parece ser que a productora do programa (a de Simon Cowell) e Google (propietario de YouTube) non dan chegado a un acordo sobre publicidade, e calcúlase que perderon unha boa cantidade de cartos xa co tema de Susan Boyle, porque todas esas visitas que tiveron os distintos vídeos dela presentes en YouTube (o que máis ten agora case 47 millóns de visitas) non se puideron traducir en cartos procedentes de publicidade.

25/4/09

A ‘mañana, mañana’ approach

Se hai algo que non me gusta nesta vida é perder o tempo. Conseguireino ou non, pero sempre intento sacar o máximo proveito do tempo que teño e é por iso que por exemplo cando vou a correr, ou cando vou ao ximnasio, ou cando vou e veño na bicicleta cara ou ao traballo, vou sempre cos cascos do teléfono móbil escoitando BBC Radio 4, intentando mellorar o meu ‘understanding’ da lingua inglesa, así coma o meu vocabulario.

O certo é que a min, que sempre me gustou moito escoitar a radio e cando estaba en Galicia me coñecía a programación da Cadena Ser de cabo a rabo, BBC Radio 4 paréceme o súmum do panorama radiofónico. Hai fantásticos programas de debate, como Any questions; ou de participación cidadán como o seu programa irmán Any answers; hai radionovelas coma The Archers, toda unha institución con case sesenta anos de historia; hai fantásticos documentais; ou programas divulgativos como In Our Time; e, por suposto, tes toda a fiabilidade e a valentía dos servizos informativos da BBC, onde os periodistas non se limitan a seguir un guión de preguntas preestablecidas e acordadas co entrevistado, como parece que fan as máis das veces en España, senón que son realmente incisivos incluso cos políticos máis prestixiosos tanto da oposición coma do goberno, que realmente teñen que facer auténticas piruetas (que ás veces lle saen ben e outras mal) para saír dos apuros nos que os periodistas os meten.

E así ía eu o outro día para a estación: na miña bicicleta disfrutando do fresco da mañán e dun soleado día de primavera en Inglaterra, escoitando o programa matutino, Today, no que estaban entrevistando a George Osborne, o shadow chancellor.

E aquí fáiseme obrigado facer un inciso para lle explicar, aos que non o saiban, que o chancellor ou chancellor of the exchequer é nin máis nin menos que o Ministro de Economía do UK. O chancellor é por suposto membro do cabinet, ou consello de ministros.

O que é fantástico, e a min se me antoxa case incluso poético, é o feito de que non só existe un cabinet, ou consello de ministros, senón tamén un shadow cabinet, que é o equivalente, pero da oposición. Así, non só hai un chancellor, ou Ministro de Economía, senón tamén un shadow chancellor, que é nin máis nin menos que o seu equivalente na oposición. E, como reza a Wikipedia:

The Shadow Chancellor of the Exchequer in the British Parliamentary system is the member of the Shadow Cabinet who is responsible for shadowing the Chancellor of the Exchequer.

É dicir, que o shadow chancellor é o encargado de seguir de preto (shadowing) a laboura do chancellor, ou Ministro de Economía. Noutras palabras: o shadow chancellor é a sombra do Ministro de Economía. É ou non poético?

A oposición ten no UK a todo un grupo de políticos de primeiro nivel dedicados a ser sombra de, a ser posible tamén a facer sombra a, o goberno da nación. Non digo que non sexa algo do que nos outros países carecemos, pero os nomes empregados para ese goberno na sombra do que a oposición exerce parécenme fantásticos.


Pero volvamos ao tema principal. Ía o outro día na bicicleta, dicía, e estaban entrevistando en BBC Radio 4 a George Osborne, o shadow chancellor, que ía falando do tema máis comentado esta semana, que foi nin máis nin menos que o budget, ou presupostos do estado, que Alistair Darling, chancellor of the exchequer, presentou esta semana ao parlamento.

E teño que me volver a desviar do tema para vos contar que, por tradición, cousa á que os ingleses son como xa sabedes moi afeccionados, o budget speech, o discurso no que se presenta o budget ou presupostos do estado, é transportado nunha maletiña encarnada (a budget box, red box ou budget briefcase) que o chancellor amosa aos xornalistas antes de se dirixir ao parlamento. 

O que ultimamente o goberno laborista non cumpre é coa tradición de impartir o budget speech nun martes de marzo, antes de que comece o ano fiscar que aquí, tamén por tradición, comeza en abril, seguindo o antigo calendario eclesiástico que establece que o ano comeza o 25 de marzo.

De novo, dicía, George Osborne estaba a ser entrevistado acerca dos presupostos de moi pouca credibilidade que Alistair Darling presentou e que incrementarán a débeda do estado ata un punto no que, de se cumprir as predicións do goberno laborista (que todo o mundo di non acertadas), o Reino Unido rematará de devolver a débeda non antes de algo así coma o 2020.

George Osborne replicou a isto que as decisións que estaba a tomar o goberno non eran para solventar os problemas senón para pospoñelos, máis concretamente ata despois das eleccións, que será cando entrarán en vigor tódalas subas de impostos que aparentemente están ocultas nos presupostos e, para a miña sorpresa, dixo:

"It was a kind of a 'mañana, mañana' approach and I don't think Britain can afford that these days."

Si, si. Eu ao principio freguei as orellas a ver se escoitara ben ou o meu subconsciente me traicionara, pero logo verifiquei no Guardian, o Herald e o Daily Mail que escoitara ben e George Osborne dixera “mañana, mañana approach”.

O meu primeiro pensamento foi que estes británicos nos toman aos de fala hispana por vagos e pensan que todos somos unha panda de pospoñedores natos. E... acabo de descubrir que pode ser que non ande moi desencamiñado. Vós... que pensades?





Letra (en inglés, por suposto)

23/4/09

St George's Day

Hoxe é San Jordi. Día do libro. Festa de libros e rosas en Cataluña. Aquí é St George’s Day. O día de San Xurxo, vamos.

Eu nin me tería enterado de non ser porque onte o poñía en uk.weather.com, a web na que sempre consulto o parte meteorolóxico para saber qué roupa me terei que poñer ao día seguinte, e porque hoxe, cando fomos á cantina na que tódolos días comemos, tiñan o mostrador inzado de bandeiras da Inglaterra.

A bandeira da Inglaterra (non confundir coa Union Jack, a bandeira do Reino Unido) é un simple fondo branco coa vermella cruz de St George. Nós, por suposto, asociámola maiormente con eventos deportivos. Non sei porqué, pero a min cando pensaba nela víñame á mente a imaxe de Beckham mirando ao ceo mentres soa o ‘God save the Queen’. Víñame á mente que Inglaterra respectaba e quería á súa bandeira.

A sorpresa foi que hoxe, mentres estabamos a xantar, dous compañeiros da oficina, ingleses ata a médula, se amosaron bastante contrariados pola aglomeración de bandeiras inglesas no comedor. Un dixo (en inglés claro) “non sei a que ven tanta bandeira por aí suelta” e o outro respondeu “é o día de St George home”. “E a min qué”, dixo o outro, “a min esa bandeira non me recorda nada bo de Inglaterra, senón máis ben todo o contrario”. “A verdade, eu para celebrar un día de Inglaterra escollería a revolución industrial ou as pontes, pontes e locomotoras de vapor”, volveu o primeiro.

A min sorprendeume ben isto e, por suposto, preguntei: “Qué é o que pasa coa bandeira inglesa logo?”. “Pois que eu a asocio aos tempos máis violentos de Inglaterra”, dixo un. “Eu asócioa tamén a violencia e a jamados nun campo de fútbol borrachos e berrando coma descosidos: é dicir, tamén a violencia”. “Se estivese a buscar casa e vise no vecindario unha bandeira destas colgada da fiestra dun veciño, procuraría buscar outra casa noutro vecindario, porque pensaría que o veciño, ou ben é un fanático dos deportes – que podería ser unha persoa fantástica e un moi bo veciño, pero eu preferiría non arriscar – ou podería ser un racista dos que din ‘Inglaterra para os ingleses e todos os outros fora de aquí’”.

Eu preguntei se esa opinión deles era unha opinión que crían extendida, ao que respostaron que si que o era entre xente coma eles (enténdase xente de arredor de trinta anos, fillos de xente de clase baixa ou media, con educación universitaria e gozando dunha posición social actual media-alta).

E así foi como aprendín, nun día de St George, día de Inglaterra, que a bandeira deste país non é tan respectada e querida coma eu pensaba.

21/4/09

Shaheen Jafargholi

Outro descubrimento realmente incrible para o programa. Esta vez... é un pequeno galés capaz non só de cantar de marabilla, senón tamén de soportar momentos de grande tensión:

18/4/09

Susan Boyle

Para os que non o saiban, 'Britain's got talent' (Bretaña ten talento, poderíamos traducir) é a sorte de 'Operación Triunfo' que teñen aquí. Simon Cowell, o señor que aparece no xurado sentado á dereita das imaxes, é o creador do programa (non só deste, senón de 'X-factor' tamén, 'Factor X' en España) e unha especie de gurú televisivo e productor musical de éxito que trasladou este programa xa a sitios coma os EEUU, onde tamén é un éxito.

O outro día comezaron a emitir as audicións que fan para seleccionar aos participantes e causou sensación unha señora escocesa de 47 anos que conquistou a todo o mundo coa súa forma de ser e de cantar. Diante de todo o mundo, o patiño feo converteuse en cisne sen necesidade de mudar de pluma: fíxoo con só abrir a boca.

Espero que vos guste.


Nota: ides ter que seguir a ligazón e ir a velo á páxina de YouTube, porque teñen desactivada a posibilidade de incorporar este vídeo en páxinas alleas. O vídeo de Susan leva xa máis de 24 millóns de visitas !!!



Por certo, que agora mesmo todo o mundo apunta a Susan como ganadora do concurso deste ano (as apostas que aquí toman como indicador destas cousas están moi ao seu favor). Para que vexades quen ganou nas anteriores edicións, aquí tedes o rapaz que ganou o ano pasado:


E ao incrible vendedor de teléfonos móbiles que acabou ganando a primeira edición:

15/4/09

Aquí estamos de novo...

…en varios sentidos. Digo que aquí estamos de novo porque acabamos de chegar de pasar unha semaniña en casa e porque retomo a escritura do blog despois de telo unha boa tempada un tanto descoidado. Luís, Arturo e algún outro/a encargáronse de me dar un toque e preguntar que cando volvía a escribir algo, pero o certo é que ultimamente estiven demasiado liado, entre outras cousas lendo á Petite en Belgique, como para escribir no blog.

Outra das cousas que me manteñen ocupado é o deporte, ao que ultimamente lle dedico cada vez máis tempo e que me devolve a inversión en forma de benestar físico e mental. Xa dixen nun post anterior que vos tiña que falar das miñas renovadas ansias deportivas e remitinvos a un post futuro, pero tampouco será neste porque preciso un enteiro (e longo) para vos falar de todo iso.

Tamén a lectura toma boa parte do meu tempo ultimamente. Comecei a ler libros en inglés o ano pasado, cando Noel e Nikki me prestaron o fantástico Watching the English, de Kate Fox, de lectura obrigada para calquera que queira entender a idiosincrasia inglesa. Despois lin The Hours, que merquei por unha libra á porta dunha casa (aquí é relativamente frecuente que, cando alguén non quere algo, o deixe á porta da casa para que calquera que o queira o colla, xa sexa gratis ou pagando unha pequena cantidade). Logo lin Dreams from my father, o primeiro libro de Barack Obama, para intentar entender un pouco mellor ao noso novo emperador mundial. Por Nadal lin primeiro Memoirs of a geisha e logo The DaVinci Code e despois de Nadal, Who Rules Britain, the Robert Peston, o editor de economía da BBC. Agora mesmo divido o meu tempo entre unha lectura técnica, Test-Driven Development by example, e outra un pouco máis de placer, destinada a entender mellor como se poñer en forma: Fitness for Dummies :·P

Hai dúas semanas, algúns xa o sabedes, estivemos uns días de paseo por Andalucía. Teño que poñer orde nas fotos e tentar xuntar algún tempo para poñer algunhas no Flickr e poñervos aquí o enlace, pero que saibades que coincido plenamente coa opinión xeral de que Granada é unha cidade que realmente merece a pena. Estiven a correr algo por alí tamén, e é certamente todo un pracer poder correr por ese antigo lugar, intuír en cada esquina un cento de historias e botar a vista arriba mentres corres e ver alí, impoñente, a Alhambra.

Logo a Semana Santa foi curta. Os tres primeiros días pasámolos tanto Xulia coma eu practicamente metidos na casa traballando. Eu tiven que facer esporádicas escapadas ao dentista, e o mércores, despois de que eu fose doar sangue (cousa que fago cada vez que imos de visita se a a visita anterior foi hai máis de tres meses) e Julia pasase polo dépar, puidemos ir cear a Santiago con Juan, Raquel, Sergio, Mari e Pablo. Pasámolo pipa. Antes de nos dar de conta, eran as tres da mañá. Había tempo que non me pasaba o tempo tan rápido.

O xoves fomos pola tarde a cumprir cun dos motivos desta nosa viaxe de Semana Santa: coñecer a Carlos. Para os que non o saibades, Carlos é o fillo de Silvia e Miguel, compañeiros meus de CTAG. Os outros obxectivos eran coñecer a Sofía, a sobriña de Xulia, e botarlle un cabo a Albela e Pilara coas roscas, que foi a principal razón pola que fixemos esta visita agora e non noutro momento.

Cumprimos tódolos obxectivos, se ben nos quedamos coas ganas de botar máis tempo con Sofía, pero a semana non nos deu para todo !!! :·S

E agora, como xa dixen, estamos de volta.

Con moitas cousas por facer pero, fundamentalmente, agardando a que chegue o 1 de maio, cando o Sr. Enxeñeiro Coira e a súa fermosa Amparo nos van a agasallar cunha visita.

Por certo, van a estrear a habitación nova, a que o noso caseiro leva construíndo... desde xuño do ano pasado!!! e que lle está a quedar, hai que dicilo, moi cuca.

Alguén se anima a ser o/a seguinte en probala? ;·)