6/7/09

Maven

Aínda que soa a nome de cómic americano, coma algún dos que me regalaba a miña tía Milagros cando era eu rapás, Maven é unha ferramenta das que chaman open source ou de código aberto para automatizar o proceso do que os programadores chamamos build.

A traducción literal do verbo inglés to build é construír, pero do que falamos aquí é de tódolos procesos que teñen lugar cando queres pasar do código que ti escribiches a unha serie de programas que podes executar, estruturados nunha serie de directorios segundo ti precisas, probablemente executando unhas baterías de tests para comprobar que todo funciona acorde ao esperado, e incluso actualizando a versión do código no almacén central de código que nós chamamos repositorio, por exemplo.

Maven, dicía, é unha ferramenta que fai todo iso (e máis) enfocada a proxectos Java, que é a linguaxe de programación coa que eu máis traballo, e hoxe saín do choio sobre as cinco no canto das seis para poder ir ás seis e media a unha conferencia sobre Maven que daba un tipo chamado John Ferguson Smart na sede dunha empresa de Londres chamada Skills Matter.

Esta compañía dedícase basicamente a proporcionar servizos de formación a empresas e particulares. Normalmente, por suposto, os cursos son de pago, pero de cando en vez programan algún gratuíto.

Este ao que fun era gratis. Descubrín hai pouco que organizaban de cando en vez este tipo de eventos gratuítos e botei de contas que hai que aproveitar mentres que estamos aquí a unha carreiriña de can de Londres, con tódalas oportunidades que iso ofrece, así que comecei a botarlle un ollo de cando en vez á súa web a ver se ofertaban algún curso que me interesase, e apareceu este, así que decidín probar.

E o certo é que estivo bastante ben. Non foi o mellor curso/charla ao que teño ido na miña vida, pero eu non sabía nada de Maven (aparte da súa existencia) antes desta conferencia e agora pois teño unha idea do que fai, de como funciona e da funcionalidade que ofrece.

E así é que agora teño na cabeza un par de compoñentes do noso sistema que apenas toca ninguén aparte de min e onde podería comezar a experimentar en serio con Maven para probar realmente como funciona, ver o que da de si e aprender unha nova ferramenta que poñer co currículum que, aínda que agora mesmo non teño pensado sacalo a pasear, nunca se sabe cando fará falta pasealo de novo.

1/7/09

Noite de insomnio

Non sei porqué, pero ultimamente volvo a, como eu digo, “andar de maniobras” polas noites. A semana pasada sucedeume un par de veces. A noite do sábado 20 para o domingo 21 apenas durmín tres horas. Como non daba durmido e eu non podo estar esperto na cama sen facer nada, erguinme e apliqueime na lectura do libro que daquela tiña entre mans, Child 44 (xa vos falarei do libro noutro post).

Andiven de maniobras outro día máis na mesma semana, non me lembro exactamente cal, e logo esta fin de semana o certo é que durmín de marabilla, incluso remoloneando un pouco unha das mañás, cousa que había séculos que non facía.

Pero a noite do domingo para o luns volveume a pasar. Non sei porqué nin porqué non, pero espertei ás tres, fun ao baño, e cando volvín para cama non me daba durmido. Contribuíu un pouco a que non dese conciliado o sono que tiña bastante moquera, así que preparei un pouco leite quente con Cola-Cao e tomeino cunhas poucas galletas. Cando o rematei aínda notaba a gorxa non demasiado fina e seguía a ter mocos, así que preparei outro pouco leite con Cola-Cao e tomeino con outras poucas galletas. Pero aínda así notaba a gorxa rara, así que preparei outro pouco leite con Cola-Cao e tomeino bebido, esta vez sen galletas.

Co leite quentiño no bandullo, marchei de volta para cama a ver se me daba o sono: volta para aquí, volta para alá, volta para acolá... Calor, boto a perna fora; frío, meto a perna dentro; calor, bótoa para fora; frío, achégolle ós pés á Juliana...

Notaba a pel pegañosa (estes días fai moitísima calor, isto non parece Inglaterra) e iso facíame sentirme incómodo, así que decidín ducharme. Fun ao baño, pero logo dun anaco no váter, coa fiestra aberta e fresquiño, pensei que xa non estaba tan pegañoso e igual se ía para cama me durmía, así que alá fun.

Pero xa sabedes a canción: volta para aquí, volta para alá, pés dentro, pés fora, tapón (un só, o outro non o atopo) na orella que non está na almofada porque os paxariños cantan fora... Nada. Non durmo.

Son as cinco da mañá e sei que non vou a durmir, e sei que como non durmín cando volva da oficina non me vai a apetecer facer exercicio, así que poño un pantalón curto, unha camiseta das de correr de manga curta e outra de manga longa por enriba, collo o móbil e póñolle os auriculares, encho de auga a miña botella de correr (destas que teñen un burato no medio para poder collelas ben coa man), cálzome os tenis, collo as chaves... e bótome pola porta para fora a correr.

Ao ser un entrenamento improvisado e a esas horas da mañán, saín un pouco a ver qué pasaba: se me sinto ben corro máis, se me canso dou volta e vou para casa. Pero aínda así tiña xa na cabeza unha idea do que quería facer.

Saín cara ao norte por Woodstock Road, baixei por Elizabeth Jennings Way cara ao canal, e fun por Polstead Road e Aristotle Lane cara a Port Meadow. Crucei a ponte que hai no peirao e corrín todo pola beira do Thames ata que cheguei á ponte ao carón da cal está o Trout Inn, un dos pubs de máis sona de Oxford. Alí, normalmente, collo á dereita cara a Wolvercote para despois volver polo canal para casa, pero eu como vos dicía, tiña xa na cabeza unha idea de por onde ese día quería correr.

O pasado sábado fomos a dar un paseo con Maxim, Antonina e Josefina e viñeramos todo ao longo do río despois de ter cruzado Wytham Woods cara a Eynsham. O paseo foran dezaoito quilómetros, e eu nunca corrín tanto, pero a verdade é que estivera pensando que era unha boa ruta para facer un entrenamento longo, e nese momento atópome ben correndo, e penso que se me canso pois paro de correr e ando, porque aínda son só as cinco e media e teño tempo. Así que, no canto de torcer, tiro de fronte e sigo todo pola beira do Thames. Paso docks, campos con ovellas, monte... e chego a Einsham.

En Einsham hai unha ponte de peaxe, Swinford Tollbridge. Non pensedes que é unha ponte de autoestrada, non, é unha ponte de peaxe, estreita e situada nunha carretera normal. A peaxe custa 5 peniques para turismos e 10 peniques por eixo para camións. Parece ser que a persoa que cobra as peaxes vive nunha casa que está xusto ao carón da ponte. Por certo, está en venda e se tedes 1.6 millóns de libras podédela mercar.

Os prezos da peaxe en Swinford Tollbridge

O caso é que na ponte tiro pola carretera cara ao sur buscando a pista pola cal teño que me meter para Wytham Woods, que é un monte propiedade da Universidade de Oxford, no cal fan experimentos e no que necesitas un permiso para entrar.

O problema é que corro, corro, corro... e non atopo o camiño, así que cando xa levo tanto corrido que estou case seguro que me pasei do sitio, atopo a un biciclista, pároo, e pregúntolle se sabe por onde podo ir para Wytham Woods. O biciclista non está moi seguro, pero dime que siga de frente e que el cré que nun sitio chamado Hill End se mal non lembro, que está coma a un cuarto de milla, e que alí hai unha pista que pensa que leva ao monte en cuestión.

Así que sigo a correr. Paso unhas poucas pistas, subo incluso por unha un pouco, e finalmente convénzome de que ningunha é a que eu busco.

O caso é que son xa case as seis e media, estou a case quince quilómetros de casa polo camiño polo que vin, e non sei por onde carallo coller para Wytham Woods. Penso un pouco qué facer, e finalmente dou volta e comezo a correr de novo en dirección a Eynsham.

Corro ata que chego de volta a un sitio polo que xa pasara, Farmoor, e alí atopo nunha parada de bus a unha moza e unha señoriña maior, coma duns setenta e pico anos. Dígolles que estou buscando por onde subir cara Wytham Woods pero que non sei por onde é, así que pregúntolles se elas saben por onde teño que coller. Elas tampouco saben, así que dígolles que a ver se me poden indicar onde hai unha parada de taxis, porque teño que ir para Summertown e non teño cash, co cal un taxi é a única solución. Elas dinme que na estación de tren hai taxis (eu non sei porqué pensei na estación de tren de Eynsham, que é a vila de onde eu viña, pero elas falaban de Oxford, como despois me din conta), pero que ata a estación de tren hai unha boa tirada, así que que é mellor que colla o bus. Eu repítolle que non teño diñeiro, polo que non podo pagar o bus, pero que non se preocupe e me diga por onde é que eu vou correndo ata a estación e xa collo o taxi. E é entón cando a señoriña, amable a máis non poder, me di que non me preocupe... que me paga ela o autobús!

Eu por suposto dígolle que non, que non se preocupe, que eu vou correndo, pero ela insiste e eu dígolle que entón que vale, que me preste os cartos, pero que por favor me dea o seu teléfono para que lle poida devolver os cartos despois. Pero a señoriña di que non, que lle podería pasar a ela (perderse despois de saír da casa ás cinco da mañá e correr dezaseis quilómetros?, non creo que lle pase, señoriña, non creo...) e que se lle pasase tamén lle gustaría que alguén lle deixase os cartos, así que saca do bolso o peto, saca do peto dúas libras, e damas para que poida pagar o bus.

O bus levounos ata a estación de tren e, polo camiño, a señoriña contoulle a historia a outra señora que estaba no bus, e esa outra señora explicoume que Wytham Woods era propiedade da universidade (xa o sei señora), que a universidade facía experimentos alí (xa o sei señora), que se precisaba un permiso para entrar (xa o sei señora), e que a entrada ao monte non estaba permitida ata as dez da mañá (carallo!, diso non me acordaba eu!).

Así chegamos a estación de tren, onde tanto eu coma a señoriña das dúas libras baixamos, e eu lle din as gracias tres ou catro veces máis para logo poñerme de novo a correr de cara a casa. Eran xa as sete menos dez e a esa hora supúñase que eu tería que estar saíndo da cama cara ao baño, así que bulín todo o que puiden tendo en conta que xa estaba un chisco canso e en 15 minutos fixen os tres quilómetros que separan a estación de tren da nosa casa.

Rápido para a ducha, rápido a preparar a mochila para ir para o choio e, milagrosamente, despois de tanto bulir puiden logo saír con tempo máis que de abondo, esta vez na miña bicicleta, de novo cara á estación de tren.

E iso foi todo! Non sei se vos interesa ou non, pero é a historia de como, nunha noite de insomnio, corrín 19 quilómetros por primeira vez na miña vida e volvín a casa, en tempo para me duchar e marchar para a ofixina, coa axuda dunha marabillosa velliña que me regalou dúas libras para coller o bus.