3/11/10

O mundo é un pano

Pois si. Ás veces un pano precioso todo de cores e sentimentos positivos; outras de ensoño, con bordados e encaixe; ás veces un pano de traballados simple e sobrio onde secar o suor; e outras simplemento un asqueroso pano cheo de mocos. Pero o mundo é un pano ao fin e ao cabo.

Isto hoxe ven ao caso de que a pasada Semana Santa a miña Julia e máis eu fomos pasar unha fin de semana longa a Scotland e, vagando polas rúas de Stirling, recordo que vin nunha esquina unha serie de carteis anunciando empresas e un lía algo así como: anavallasuiza.com. Lembro que inmediatamente pensei “estes son galegos seguro, vamos”. Xa sei que non era moi difícil, pero non me enganei.

E o tema do pano ven ao caso porque, só uns meses despois, acabo aparecendo nun artigo de xornal coa causa de que ese cartel estivese alí, Xabier Cid, e cando busco a este home no Facebook, resulta que tamén é amigo (polo menos no Facebook) dunha boa amiga miña.

O dito: un pano.

2/11/10

Aquí estamos de novo...

Hai quen di que a clave do éxito non está en valer ou non valer, senón en coñecer á xente adecuada. Eu penso que iso non é só así: algunhas cualidades, aínda que sexan poucas, tes que ter para triunfar. O que si é certo é que moitas veces a diferencia entre coñecer á persoa adecuada/inadecuada ou non coñecela pode mudar por completo as túas circunstancias. E este é o caso.

É o caso porque, como coñecemos a quen coñecemos, resulta que este blogue vai saír mañá en Galicia Hoxe, e como aínda temos un pouco de “vergoña toureira” e sentido do decoro, non o vamos a deixar saír nun medio de comunicación sen polo menos engadir un pequeno post e facer propósito de enmenda e acto de contrición. A dor dos pecados xa a tiñamos, porque ben que sentín ter o blogue sen lle engadir unha historia nova por tanto tempo, pero o certo é que a miña vida, neste último ano e vinteún días que levo sen escribir nada neste meu caderno de bitácora, e en particular nos últimos sete meses, volveuse moito máis axetreada do que xa era.

O certo é que por falta de historias que contar non foi, pero entre a falta de tempo e o feito de que descubrín o Fasebú e me resulta moito máis cómodo contactar con moita xente por ese medio, entre outras cousas, este blogue quedou nun limbo que non era do esquecemento, pero que para o caso fixo o mesmo efecto.

Así que, con este impulso non solicitado que un amigo (para qué quere un inimigos con amigos así) nos deu, ao máis puro estilo dos pesados estes que empurran aos ciclistas nos portos de montaña, aquí iniciamos a “segunda tempada” de Mirando adiante.

Unha tempada que promete máis do mesmo: historias do Albela, contadas por el mesmo no seu particular estilo literario. Se unha fórmula funciona... porqué mudala? (esta é a parte enxeñeril do meu cerebro falando).

O propósito de enmenda é que intentarei, de agora en diante, poñer sequera un par de entradas novas ao mes para quen se queira asomar a este meu balcón a ver a paisaxe (inglesa, por suposto).

Como acto de contrición, quede aquí este meu primeiro post en moito tempo. E deixádeme un minuto que, aproveitando que o tren vai chegar tarde, comezo a traballar no segundo ;·)

Un ano e vinteún días despois... hai alguén por aí ?????