19/3/08

Pais

A min, para servos sincero, nunca me gustaron un carallo os días do pai, nai, etc. Se cadra si un chisco máis o día dos namorados pero, aínda así, moléstame toda a mercadotecnia que se desprega á busca e captura do consumidor. Si, si... o consumidor es ti, amigo, non mires cara aos lados. Ti e máis eu.

Hoxe, sen embargo, que disque é o día do pai, vou a celebralo aquí á miña maneira. Para gloria de Blogspot, que igual ten algunha que outra visita máis a conta do meu post, e desgraza dos Cortes Ingleses e Marses & Spencerces que non terán o pracer de sequera cheirar a miña tarxeta.

Eu, como non podía ser doutro xeito, falarei aquí de meu pai. Non sei se lle parecerá ben ou mal, pero xa mo contará por vídeo conferencia cando o lea aquí no blog porque... si, lestes ben, o bo do Albela senior está feito un fiera do internet e a computadora: conéctase para buscar coches de segunda man no Google, vai a clases de informática á biblioteca de Vedra, manda correos electrónicos, busca lugares no Google Maps, mira vídeos no YouTube, conéctase ao Messenger para chatear e falar e ver ao seu fillo emigrado...

Todo isto, acompañado case sempre por miña nai, coa que o pasado 11 de marzo cumpriu nada máis e nada menos que 35 anos de matrimonio e que, salvo cando Albela vai ás clases (ás que ela non vai) se lle pon sempre ao lado cando el fedella no ordenador, non vaia a ser que, con iso de chatear, se lle ocorra buscar moza cibernética (por moito que quixera, nunca ía a atopar unha mellor que ela).

E é que, falando de cifras redondas como a do seu aniversario, meu pai ten a inmensa sorte de, aos seus 60 aniños recén cumpridos, seguir aprendendo cousas e pasándoo coma un neno pequeno cando aprende. Se é o suficientemente listo, e eu creo que meu pai o é, darase de conta disto agora que o escribo eu aquí (se non se decatara el xa antes) e aproveitarao. El, que cando era un mozo se apuntou ao curso de electrónica a distancia “Radio Maymo” e aprendeu como funcionaban as válvulas e os transistores, e como estes facían funcionar radios e televisións, despois de toda unha vida de traballos ten aínda por sorte a saúde, o entendemento e as ganas para se pelexar co último en tecnoloxía. O mellor regalo que pode ter hoxe non llo vou a facer eu, senón que el mesmo se debería de facer ese regalo: decatarse do moito que ten aínda, non gastar o tempo en parvadas, e aproveitar cada minuto coma se fose o último.

Porque, se algún defecto ten meu pai, é ser cabezota e negativo, e perder o tempo e o sentido, gastar horas, días, semanas... inutilmente, cavilando sobre temas o deberan de preocupar o xusto. Isto igual non lle gusta que o escriba, pero que se aguante, porque vaille a facer ben lelo, analizalo, entendelo e corrixilo. Porque este homiño de Dios, con todo o listo que é, que igual che amaña un coche que unha instalación eléctrica, ou que te deixa abraiado coa facilidade e a soltura coa que manexa a masa ao facer o pan, é capaz de se amargar ata a enfermidade con tonterías que, se as analizas, poden ser para se preocupar 5 minutos ou para botar un día preocupado e punto, pero non para remoer nelas durante semanas.

O defecto, hai que dicilo no seu descargo, creo que lle ven de familia. Eu, pola miña parte, intentarei que non transcenda esta xeración de Albelas. E, se podo, intentarei que os meus fillos teñan de min o mesmo marabilloso recordo que teño de meu pai: con catro ou cinco anos, indo a durmir a sesta os dous xuntos nos días de verán; quedándome durmido coas fantásticas historias que para min se inventaba; e roubando ás caladas do moble bar, ao erguernos, aquelas saborosas cereixas do licor (dúas para el e unha para min) que colliamos cunha culler dun grande frasco de cristal.

Feliz día do pai, rapás.

No hay comentarios: