Fixome chorar o moi cabrón.
Hoxe chameino ao saír da oficina. Téñoo pensado moitas veces, porque falar cos amigos, e con el especialmente, é unha das cousas que si que boto realmente de menos de estar aí. Unha chamada internacional non é igual ca unha nacional e iso ao final nótase. Pero hoxe era unha ocasión especial, así que chameino. Saín do edificio, puxen os cascos do mans libres e deille unha chamada (outra, porque xa o chamara antes desde o teléfono da oficina) ao Coira.
A ocasión merecíao, porque desde hoxe pola mañá o Coira xa non é ‘o Coira’, senón o Enxeñeiro en Telecomunicacións Coira. Así con tódalas letras. Eu, que sei o que iso significa en esforzo, desasosegos, agobios, nervios, tempo... sei o valor que iso ten e síntome hoxe tan feliz por el coma se fose por min mesmo... ou máis.
Pero eu... eu non estiven alí. E iso jódeme. Creo que el levaba dicindo case desde maio que lía ‘para o mes’, así que en máis dunha ocasión lle fun propoñendo datas para que cadrase cando eu estivese pola terra. Ao final non puido ser nunha data na que eu estivese xa aí, e agora remórdeme a conciencia por non ter ido a propósito. A data non era nada propicia para min, que ando agora cos agobios de facer coma que son o Release Manager da empresa, pero querer é poder e agora mesmo sinto que tería que ter forzado a máquina para ir e estar aí, ao carón de meu amigo, para poder darlle ánimos antes e unha forte aperta despois de se ter convertido en enxeñeiro.
Contoume que todo saiu ben e que todos tiveron un bo día. Que seus pais, e a súa irmá, e os pais de Amparo, choraron todos xuntos cando leron os seus agradecementos. Que despois se foron por aí a xantar (Amparo creo que non, porque tivo que volver para A Coruña a traballar), e cando o chamei por primeira vez acababa de chegar ao piso a Vigo e dispuñase a descansar despois dun día no que, seino por experiencia, acabas canso coma un burro pero cunha tranquilidade de espírito que só co paso do tempo chegas a apreciar todo o que merece.
Contoume que, ademais por suposto de Amparo e toda a familia, estiveron todos ou case todos alí: Raquel; o grandísimo Héctor (si, vaiche a quedar o de grandísimo, asúmeo); Jaime; José de Quempallou; Jordi, que chegou tarde...
Eu vou agora no tren camiño de casa e síntome tremendamente feliz por el, pero sinto ao mesmo tempo unha fonda tristeza froito da sensacion de que debera ter estado alí e que, de ter estado, estariamos agora os dous probablemente tirados de conto no sofá do seu piso, coma nos vellos tempos, pensando na cena rica que iriamos facer ou na que iriamos a degustar por aí nalgun garito deses que de cando en vez se sacaba da manga.
Pero estaba aquí, así que non puiden facer máis que, sucumbindo a tentación que tantas veces ten vido a min e á que outras tantas me tiña resistido, chamalo por teléfono desde Green Park.
Así, as seis e poucos minutos da tarde, mentres eu agardaba o autobús nunha non demasiado fría noite ao sur de Reading, no condado de Berkshire, o prea do Coira leume o terceiro párrafo dos seus agradecementos e fíxome chorar.
Noraboa e gracias, amigo. Eu tamén te quero.
2 comentarios:
Non sei a quen queres enganar, pero ti hoxe estiveche en Industrias ás 10:00, mentres preparaba o proxector, ás 11:30 cando comecei e falar e me tremia a voz e ás 12:30 cando rematou todo e nos puxemos tan contentos. Se non tiveras estado non tería ido todo como foi, pero ti mesmo... Despois nos pinchos si que che perdin a pista, pero supuxen que estarías sacando unha release ou algo e non me preocupei :P En fin, moitas gracias por vir e non te preocupes, que aínda nos agardan outras moitas mellores que esta. Co teu permiso vou escorregar un ratiño... Bicos.
Qué gran verdad eso de las llamadas internacionales. Yo también echo de menos llamar a más de uno...
Felicidades a Xuliño :)
Publicar un comentario