6/7/09

Maven

Aínda que soa a nome de cómic americano, coma algún dos que me regalaba a miña tía Milagros cando era eu rapás, Maven é unha ferramenta das que chaman open source ou de código aberto para automatizar o proceso do que os programadores chamamos build.

A traducción literal do verbo inglés to build é construír, pero do que falamos aquí é de tódolos procesos que teñen lugar cando queres pasar do código que ti escribiches a unha serie de programas que podes executar, estruturados nunha serie de directorios segundo ti precisas, probablemente executando unhas baterías de tests para comprobar que todo funciona acorde ao esperado, e incluso actualizando a versión do código no almacén central de código que nós chamamos repositorio, por exemplo.

Maven, dicía, é unha ferramenta que fai todo iso (e máis) enfocada a proxectos Java, que é a linguaxe de programación coa que eu máis traballo, e hoxe saín do choio sobre as cinco no canto das seis para poder ir ás seis e media a unha conferencia sobre Maven que daba un tipo chamado John Ferguson Smart na sede dunha empresa de Londres chamada Skills Matter.

Esta compañía dedícase basicamente a proporcionar servizos de formación a empresas e particulares. Normalmente, por suposto, os cursos son de pago, pero de cando en vez programan algún gratuíto.

Este ao que fun era gratis. Descubrín hai pouco que organizaban de cando en vez este tipo de eventos gratuítos e botei de contas que hai que aproveitar mentres que estamos aquí a unha carreiriña de can de Londres, con tódalas oportunidades que iso ofrece, así que comecei a botarlle un ollo de cando en vez á súa web a ver se ofertaban algún curso que me interesase, e apareceu este, así que decidín probar.

E o certo é que estivo bastante ben. Non foi o mellor curso/charla ao que teño ido na miña vida, pero eu non sabía nada de Maven (aparte da súa existencia) antes desta conferencia e agora pois teño unha idea do que fai, de como funciona e da funcionalidade que ofrece.

E así é que agora teño na cabeza un par de compoñentes do noso sistema que apenas toca ninguén aparte de min e onde podería comezar a experimentar en serio con Maven para probar realmente como funciona, ver o que da de si e aprender unha nova ferramenta que poñer co currículum que, aínda que agora mesmo non teño pensado sacalo a pasear, nunca se sabe cando fará falta pasealo de novo.

6 comentarios:

Kirsten dijo...

Boas tardes!,
Polo que vexo o cursillo foi serio, ainda q non poidamos decir o mesmo da súa web, al menos da apariencia da súa home, non?
:-)

gerardoalbela dijo...

Botando un ollo á "súa web"... dirías que Google é unha empresa seria? ;·)

Kirsten dijo...

Google...ben pensado, ainda q estamos tan afeitos a vela, que xa nin reparamos neso.
Ainda que dos coloríns de google ata os debuxos manga eses hai un paso :-P

Que a web da empresa esa sexa "informal", non quere dicir q eles o sexan, ainda q unha home é a carta de presentación de calquera hoxe en día...

gerardoalbela dijo...

Home, a páxina de Google ten só coloríns... menos cando deciden que hai que celebrar algún evento en particular e entón lle poñen un debuxo de sabe deus qué.

Ti tes razón por suposto en que unha web é a carta de presentación de calquera hoxe en día, pero é que por iso precisamente esta páxina cumpre perfectamente o seu cometido. Os programadores non son (tería que dicir somos, pero eu son un representante moi 'light' dun colectivo moi 'freaky') precisamente un colectivo que se axuste ás "vellas regras de negocio" que requiren "corrección" no vestir, formas, etc.

Os executivos de empresas coma Google, por poñer só un exemplo representativo, xa non fan negocios en traxe, senón en roupa normal (ou máis ben informal), tirados en coxíns nunha grande sala repleta de xogos, con minigolf e todo; o proprietario de Facebook fai negocios descalzo e aparece así en tódalas entrevistas que concede; etc.

Unha cousa é a imaxe da empresa, que ten que se axustar aos clientes aos que se dirixe, e outra que a empresa sexa seria ou non (enténdase que cumpra a súa función e proporcione un produto de calidade). Baixo o meu punto de vista unha imaxe "seria" non quere dicir nada en absoluto. É máis, eu en certos contextos incluso descartaría algunhas empresas só por dar ese tipo de imaxe.

Kirsten dijo...

Un anécdota en liña co teu último comentario: a empresa do meu xefe antes ou mentras iniciaba a súa andaina, tivo unha reunión en París cos de BNP-Paribas (fai aprox. 10 anos) e tendo en conta esa informalidade propia dos "executivos" das "empresas de internet" nin corto nin perezoso presentóuselles en sandalias, pero cando salía da reunión e baixaba no ascensor, véndose no espello e tendo en conta o que vira arriba, déuse conta de q pese a esa "moda" pasárase de informalismo :-D

Kirsten dijo...

Bos días,

Volves a rachas de improductividade no Blog. Fas coma min no das "fotos-voda".

Co de Julia facendo buceo polos canais creo q xa tes "chicha" bastante ;-)

Saudos!!