29/1/08

Comezando polo principio (e II)

Estendinme tanto no primeiro “Comezando polo principio”, que non sei se terei cousas que contar para este segundo... Vaia, vós coñecedes xa seguramente a miña capacidade de divagación (“Gerardo es un hombre de prosa extensa”, que diría Jordi), así que agardo non ter problemas.

Na anterior entrega quedeime en Heathrow, lendo unha mensaxe no móbil. A mensaxe lina na estación de bus, mentres que estaba agardando o que te leva cara a Oxford. Se mal non lembro, o “period return ticket”, que é o que che permite volver nun prazo duns tres meses, vale 21 libras. Hora e vinte minutos de camiño.

Por certo. Se algún día voades a Heathrow, procurade coller asento ao carón dunha fiestra da parte dereita do avión. Das dúas veces que vin eu e das dúas que veu Xulia desta volta, a aproximación fíxose de leste a oeste. No camiño, pasas a baixa altura sobre Londres deixándoo á dereita do avión e se che toca un día minimamente despexado (eu tiven esa sorte ambas veces), contemplaredes unha inmellorable panorámica da cidade. Pareceravos que tocades o Támesis e iredes recoñecendo ao seu carón os máis emblemáticos monumentos da capital británica.

Estaba agardando polo bus, digo, cando lin esa mensaxe, pero tamén outras que tiña xa no móbil. O recruiter que me conseguira o traballo cun contrato de 6 semanas cunha compañía chamada Adeptra, quería falar comigo. Eu tratara con el comezar a traballar o luns 21, pero a empresa quería que comezase... ¡o xoves 17, ao día seguinte de chegar ao UK!. Eu, contando que comezaba o luns, e con todo o traballo que tivera eses días en CTAG, deixara sen facer todo o papeleo necesario contando de facelo entre xoves e venres, e agora querían que comezase o mesmo xoves!.

O papeleo. Cóntovos. Resulta, que para traballar cun contrato temporal aquí no UK telo que facer ao través dunha Limited Company. Hai varias opcións. Unha, consiste en dar de alta a túa propia Limited Company, Albela Ltd. poñamos, na que ti es presidente, accionista e único empregado. Como unha especie de autónomo español. Ademais, hai varias formas xurídicas para este tipo de empresas.

Son estas o tipo de empresas que crean os profesionais realmente competentes aquí no UK (non é o meu caso). Xente, programadores por exemplo, con anos de experiencia profesional ás costas que se ofrecen ás compañías como “mercenarios” a contratar no momento en que estas o precisan. Cobrando unha pasta gansa, por suposto. Segundo Juan, un amigo meu que leva xa uns sete anos aquí no UK e que xunto coa súa muller Aida foron os padriños do meu desembarco nas illas (grazas por todo mil e unha veces máis), disque hai tipos destes que se levantan tal pasta que ao cabo do ano traballaron seis meses e estiveron de vacacións os outros seis.

A xente que só vai a traballar unha temporada cun contrato temporal, ou que directamente non se quere complicar a vida, pode empregar o que chaman “umbrella companies”. Estas son Limited Companies creadas por axencias para acoller a traballadores con este tipo de contratos. Ti pásaslle os teus datos e os da axencia á través da cal conseguiches o emprego, e ambas axencias póñense en contacto. A empresa para a que realmente traballas págalle a axencia á través da cal te contratou. Esta axencia (a de recrutamento) págalle á umbrella company, que é a que te ten realmente contratado e é que che paga a ti. Así, todos levan (levamos) cacho.

Para poderme meter na, chamémoslle a partires de agora compañía paraugas, tiven que lerme con coidado tódolos documentos que me pasaron (unha morea), asinalos, escanalos e mandarllos por correo electrónico (para axilizar o proceso) e por correo postal. E, por suposto, tiven que abrir unha conta nun banco do UK.

Como xa enredei moito co do paraugas ese, non me estenderei nisto. Só vos contarei que todo o mundo di que é moi difícil abrir unha conta no UK. A min resultoume tan complicado como ir a Barclays Bank, dicirlle que comezaba a traballar ao día seguinte e que precisaba unha conta bancaria, deixarlle que fixese copias do pasaporte, o DNI e o carné de conducir (estes ingleses, para non ter eles documento de identidade, pídenche todos cantos ti poidas ter...), e agardar os quince minutos que tardou Patricia Caixa, digo... Patricia Box en me completar todo o proceso. Vaia... e tiven que superar unha proba de coñecemento. Nun momento determinado durante o papeleo, a miña amiga Patricia Box tapou o meu pasaporte coa man e informoume que “for security reasons, I need you to tell me what was your mother’s surname before she get married”. ?????????? “González, Caixa, her surname is González... Before she get married and after that too…

Ingleses...


1 comentario:

Anónimo dijo...

Moi boa sorte na tua nova etapa.A miña dubida é: ¿e cal era o nome da solterio da nai da amiga Caixa?

Un saudo

Albino