30/1/08

Trains and bicycles...

Venres, 25 de xaneiro de 2008, 18:44h (GMT)

Creo que nunca collera tanto o tren como desde que vin para aquí. Tódolos días, a iso das sete da mañá érgome, pégome unha ducha, collo a bolsa que preparei o día anterior con algo de xantar, póñome o abrigo que me regalaron meus pais cando vin por vez primeira ao UK (ás veces poño outro de pano, máis estilo inglés, pero poucas), agarro a miña bicicleta e fago coma un buis, nuns quince minutos, as 2 millas que me separan da estación de tren de Oxford.

Unha vez alí, pido “a ticket to Reading, with today´s return, please”, pago doce libras e collo o primeiro tren que pasa cara ao chamado Silicon Valley do UK. Hainos cada quince minutos, máis ou menos. Uns que van directos e te poñen en Reading en vinte e un, vinte e dous minutos, outros que só paran en Didcot Car Park, e outros bastante máis lentos que van parando en cada pequena parada. “local stopping service” ou “slow train” lles chaman. Ao saír do traballo, por suposto, tren e bicicleta de novo.

Non é unha mala rutina. Se non fora polo caro que sae aquí o tren (12 libras ata Reading ida e volta), e porque ás veces tes que compartir asento con cada espécime que merecería estar nun zoolóxico, é unha marabilla que o primeiro que fas no día sexa algo de exercicio (coa bicicleta) e que despois (no tren) teñas como pouco vinte minutos para ti e o teu periódico; o teu ordenador (agora mesmo estou escribindo este artigo mentres volvo para Oxford); os teus pensamentos; ou simplemente para, como fixen esta mañá por un intre, repousar nun vagón semi baleiro contemplando unha paisaxe tipicamente inglesa mentres que o sol me daba na cara. Á volta, mirar pola fiestra xa non podes porque aquí nesta época do ano xa é noite pecha a esas horas pero, á volta, está aí sempre a miña bicicleta agardándome para que, xuntos, regresemos a casa a toda velocidade, sentindo unha fresca sensación de liberdade que nos bate na cara.


Luns, 28 de xaneiro de 2008, 8:37h (GMT)

“Sorry, is this the train to Reading?”. “Yes, the slow one, sir”. Que carallo, pensei, non teño tanta presa. E collino. O tren “lento” é o que vai parando en todas cantas paradas locais se atopan entre Oxford e Reading. Vai máis ao xeito, e dáche tempo de ver máis cousas.

Hoxe, nada máis subir, tomei asento e quedei mirando cara o vagón de atrás, no sentido contrario ao da marcha. Foi entón cando vin a unha moza que, ao través do cristal da porta, se despedía de alguén con bágoas nos ollos. Non atinei a ver de quen se despedía, así que podía ser calquera: o seu home, o seu mozo, un amigo ou amiga, ou varios... Non, non, tiña máis ben pinta de se despedir de alguén en concreto. Pero poderían ter sido mesmo seus pais, ou simplemente unha familia que a acolleu en Oxford mentres que pasaba uns días aprendendo inglés.

Chegas ao tren, ves a unha moza chorar e, automaticamente, a túa imaxinación convértese nun cataventos que en cada intre apunta na dirección das múltiples e pseudoaleatorias correntes eléctricas que se no teu cerebro se disparan...

Non sei de quen se despedía, vamos.

O feito é que contemplas esa imaxe e, de súpeto, te atopas a ti mesmo reconciliado coa especie humana, pensando que aínda somos quen de facer cousas boas, como botar moito de menos a alguén e chorar, impotentes, ante a consciencia de que sempre hai varios camiños posibles pero que só un se pode seguir, e de que ese camiño te achegará a uns e, irremediablemente, te separará (polo menos un chisco) de outros.

Iso non pasa se vas nun coche.

1 comentario:

Anónimo dijo...

Ese gaiteiro-requinteiro facendo Patria on Oxford!! Alégroume atoparte na rede Xerardiño. Mirando adiante, iso sempre!! (sobretodo cando vaias na bici jajajaja) Apertasas!