7/2/08

Adeptra

Cos meus compañeiros de traballo (non me gusta poñer o ex e non o farei), os meus amigos de CTAG, temos comentado algunha vez que é case tanto ou máis importante levarse ben cos compañeiros do choio que coa respectiva ou respectivo. A razón é simplemente matemática. Cos compañeiros de traballo, queiras ou non, tes que convivir oito, nove ou máis horas ao día. Pode ser que incluso teñas que facer con eles no ano una morea de viaxes aos máis insospeitados lugares, soportando esperas en aeroportos ou estacións de tren. Reunións, xantares de negocios, cursos... Cun pouco de mala sorte (ou boa, depende de para quen), pode ser que non esteas coa túa parella máis de unha ou dúas horas ao día, aparte das oito que pode ser que durmas con ela (se estás casado ou vives en pecado), e as fins de semana (se non resulta que cada un ten que tirar para un lado por calquera circunstancia). Se te levas mal coa xente coa que traballas, soportarás un inferno no que vivirás polo menos 8 horas ao día.

Certamente o traballo e a xente que nel te rodea son moi importantes para calquera, así que non podía, neste diario da miña singradura polos ríos da Inglaterra, non facer mención ao primeiro peirao ao que arrimei meu bou.

Adeptra Ltd. (Ltd. stands for Limited) está en Reading, unha vila en pleno Thames Valley que, pola concentración de empresas de ámbito tecnolóxico que nela se da lugar, é coñecida por algúns como o Sillicon Valley do Reino Unido.

O edificio no que está a empresa está xustiño ao carón da estación de tren, o que para min resulta realmente cómodo. Saes da estación, andas aínda non cen metros, abres unha porta con código, sobes ao terceiro piso (sempre polas escaleiras, para mover ben as pernas antes de pousar o cu na cadeira) e xa estás entrando á oficina, que é bastante grande. Desde logo, sobra para os habituais, que somos uns oito, xa que haberá uns dezaseis sitios desocupados, máis dúas oficinas, unha sala de reunións, unha cociña, un par de salas que albergan servidores e, ao fondo, un espazo o suficientemente amplo como para albergar unha mesa de billar. E non o digo simplemente para que vos fagades unha composición de lugar, eh?. Temos, efectivamente, unha mesa de billar americano na oficina.

Neste apartado regras propias ao respecto e, así, en Adeptra sempre se xogan as partidas ao mellor de tres. Fronte ao billar hai unha pizarra cunha lista de nomes e puntuacións. A primeira vez que xogas é de proba, e non te apuntan. A segunda anótante na pizarra e asígnanche cincuenta puntos. Se gañas, quítaslle dous ao teu opoñente. Se perdes, el quítache dous a ti. Eu xoguei dúas partidas (a primeira era de proba). Teño corenta e oito puntos.

Na oficina hai tan pouca xente porque a inmensa maioría traballan desde casa. Ao meu xefe, por exemplo, aínda non o coñezo, salvo por unha foto que vin pegada á pizarra das puntuacións. O mesmo ocorre con outros compañeiros programadores ou de QA (léase ‘kiú ei’, sendo as siglas de Quality Assurance) que están na delegación de Estados Unidos, cos de ventas, que están a maioría contratados pola oficina de Reading pero están en Francia, con outro programador polaco, ou co Array, que é como chaman ao grupo de chinos que programa tamén para Adeptra. Descoñezo porqué lle chaman así, pero non deixa de ser simpático. Imaxinade:

Chino[] arrayChinos = new Chino[20];

for (int i=0; i<arraychinos.length(); i++) {

arrayChinos[i].startProgramming();

}

(desculpen, os non programadores, o detalle friki e, os chinos, que me faga o simpático deste xeito, pero non o puiden resistir)

Dadas as circunstancias xeográficas de cada cal, as reunións son, evidentemente, por conferencia, neste caso telefónica, combinada ás veces con algún programa de webconference para que un poida contar algo e os outros todos ver na súa pantalla ao que se refire. Cando son só por teléfono, como nos Dev meeting, ou reunións semanais de programadores, eu maiormente non me entero de nada. Inténtoo con tódalas miñas forzas, pero é imposible. Aos americanos aínda se lles entende algo, pero aos británicos para min é moi difícil. Para colmo, claro, falan de sistemas cos que eu aínda non estou familiarizado e fan chistes sobre cousas que lles pasaron antes de que eu chegase, así que non hai maneira. Limítome a escoitar todo o concentrado que dou intentando aprender algo, ata que escoito algo parecido a “Llerardou” (que se supón é meu nome) ou tamén algo que se lle asemelle ao nome dalgunha das compañías españolas coas que me teño que entender e, entón, solto un monólogo acerca do estado do(s) proxecto(s). Como nese caso me fan preguntas sobre cousas que teño controladas, pois xa me defendo mellor...

Que facemos? Pois o máis doado é que vaiades á web da empresa e, se sabedes un mínimo de inglés, escoitedes os exemplos de son que hai alí pero, basicamente, a empresa ofrece a outras empresas, fundamentalmente bancos, pero tamén por exemplo algunhas grandes superficies, os seus servizos para realizar cobros por teléfono. Así, por exemplo, ti poderías ter activado este sistema co teu banco e, se che chega unha factura da compañía eléctrica, o banco pasaríanos os datos necesarios (tranquilos, nós usámolos, non os almacenamos) e nós chamariámoste ao teu móbil ou fixo, asegurariámonos de que ti es ti, e logo ofreceriámosche opcións como realizar o pago coa túa entidade bancaria habitual, pospoñer o pago uns días, pagar unha parte do importe, ou pagar cunha tarxeta doutra entidade, por exemplo. O mellor é que escoitedes os exemplos.

Eu dedícome ao das tarxetas, basicamente. Estoume a encargar dos contactos con algúns clientes españois e dos contactos con entidades financeiras españolas que dispoñen de pasarelas de pago e do traballo con esas pasarelas, para poder mandarlle a elas os datos da tarxeta do cliente e así realizar o cobro. Teoricamente o traballo non é complicado, porque as interfaces están pensadas para ser relativamente sinxelas, pero sorprenderiádesvos das animaladas que algúns lle deixan facer aos seus programadores e, sobre todo, da deficiente atención ao cliente dalgunhas empresas.

Hoxe pola tarde chamoume Dimitri, un do equipo de QA dos USA que é, xunto comigo, con Kristine e con outro rapaz novo indio que acaba de entrar e do que non sei escribir o seu nome, parte do grupo que é quen de practicar a fala hispana en Adeptra. Quería que lle axudase a buscar xente en España para probar sistema que lle estamos a desenvolver á rama española dunha entidade emisora de tarxetas de crédito. Dicía que se lle podía axudar. “Chamar os meus amigos, a conta da empresa, e poder falar con eles un bo anaco, saber que están ben, a cambio de enredar un pouco a algúns (os que poidan) para que proben o noso sistema, sabendo que a moitos ademais lles apetecerá facelo para saber a que carallo me dedico?”. “Mmmmmmmm... déixame pensalo, Dimitri...”. “Siiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiii” ;·)

PD: grazas a Xulio, Sergio e Mari, e José María, que nos axudaron (e moito) a depurar ese sistema. E desculpade o atraco. A Juan, Marta, Armando, meu irmán Santi, Coqué e Jordi, (salvo Juan, que xa marchaba do hospital e non ten teléfono fixo no piso e Jordi, que estaba en Italia, o resto non colleron o teléfono) dicirlles que outra vez será...

PD2: isto quedoume moi longo e, ao final, non vos falei case dos meus compañeiros. Queda pendente para outra.

1 comentario:

Anónimo dijo...

Ola Gerardo,

Penso que non te podes aburrir nun sitio como Adeptra. Tes que volver a xogar o billar para recuperar eses dous puntos, hai que intentalo!!! O que si non sei se acabaredes xogando os dardos, iso de poñer a foto do xefe o lado dos puntos do billar da que pensar!!! Tes razón, cando un esperta ou acordase dos soños e que non descansou moi ben, pero son moitos cambios e hai que ir os poucos. Sempre, sempre, boa sorte, por todo o que vivimos o día!! Dous puntos por argumentar o que é importante: mellor facer o que che gusta, os cartos non o compran todo, ainda que non sei se estes dous puntos podense engadir a pizarra do billar!! boa sorte!!!