6/2/08

Todo é relativo

Luns, 4 de febreiro de 2008

Hoxe espertei canso. Espertei dúas veces pola noite. Das dúas veces que espertei estaba soñando, o cal seguramente quere dicir que non estaba a descansar coma é debido. Cando me din duchado, peiteado e vestido, eran xa as oito e algo, o cal claramente indicaba que ía a chegar tarde.

Cando por fin collín a bicicleta notábame falto de forzas. Normalmente adianto aos outros ciclistas. Hoxe adiantábanme. Tamén me notaba torpe, e por iso, nos atascos que se provocan chegando á estación de tren de Oxford, non me metín por entre os coches coa mesma soltura que o resto dos días.

Cando por fin cheguei á estación de tren, o tren cara a London-Padington que pasa por Reading e o tren que vai ao dereito para Reading ambos ían con retraso. O que máis cedo chegaría faríao ás 8:56h, 8:59h, 9:09h, 9:06h. Despois do baile de horas de chegada, finalmente partimos de Oxford a iso das 9:06h.

Normalmente almorzo no traballo, xa diante do ordenador, cunha taza de chocolate (aquí chámanlle chocolat, pero é unha especie de Cacao-Lat, non vos enganedes) e unhas galletas, pero hoxe co tema do retraso merquei un “chocolat without cream” na estación de tren e comino, aínda que vos soe raro, cun cacho de pan e un plátano (en honor á miña Carolina).

Mentres, miraba a prensa. Un diario gratuíto chamado Metro que collo de cando en vez. Hoxe, a nova de portada era que as enfermeiras que traballan por contrato no Reino Unido estaban a cobrar... 120 libras por hora! Máis que moitos responsables de saúde, máis que os consultores e administradores contratados tamén de xeito temporal polo sistema de saúde, máis ca moitos médicos. “Enganeime de choio”, pensei. “Estudaba para enfermeiro, tres aniños namais, víñame para o UK e... a forrarme!”. Logo, se lías o artigo, só dúas enfermeiras, unha en Berkshire e outra en Chesterfield, chegaran a cobrar esa cantidade. O típico sensacionalismo periodístico, que fai da excepción a regra. En todo caso, si é certo que no UK, despois dun recorte considerable do gasto no sistema de sanidade público por parte do actual goberno, se están a deixar unha boa morea de cartos en contratar a persoal por medio de axencias igual que estou a traballar eu agora, para cubrir os déficits puntuais, pero cada vez máis frecuentes, de persoal.

E, en todo caso, que carallo ía a facer eu de enfermeiro se non é o que me gusta? Pagarían esas 120 libras por hora a sensación de estar facendo algo que non é o que quero facer, algo no que seguramente non me sentiría realizado? Non é cuestión neste caso da profesión de enfermeiro en concreto, de que sexa máis ou menos importante, non vos centredes niso porque non é ao que vou. O tema é saber qué poñemos diante, se os cartos ou estar a gusto co que un fai. Poñédevos no dilema: facer algo que de verdade che gusta e cobrar normal ou incluso tirando a mal, ou facer algo que realmente che desagrada e gañar moitos cartos. Canto pagariades da vosa saúde física e mental para engordar a vosa conta corrente?

Seguramente a enfermeira esta das 120 libras por hora estará toda contenta e feliz co seu salario e o seu traballo pero... e vós? Que fariades se tivésedes que escoller? Eu, creo que o teño bastante claro... ¿ou non?

Mércores, 06 de febreiro de 2008

Hoxe durmín bastante ben. Non sei exactamente porqué pero, desde que me vin para aquí, sempre esperto polo menos unha vez durante a noite. Érgome, vou ao baño, volvo para a cama e quedo durmido de novo (normalmente). Hoxe tamén, pero durmín ben. Erguinme cando soou por segunda vez o móbil (como de costume), ducheime, agarrei a bici e marchei para a estación. Fixen cola (pouca) e, cando ía a pagar... deixara a carteira na casa. “Sorry, I am not going anywhere. I left my pockt at home”, díxenlle ao vendedor de billetes, un simpático que un día me despediu cun “Buenos días, señor” cun acento británico máis pavero ca pouco. O homiño puxo cara de circunstancias.

Collín a bici, volvín a casa, collín a carteira, volvín para a estación e... unha longa cola me agardaba se desexaba mercar o meu billete. Agardei paciente, collín o billete e dirixinme aos andéns. Cando cheguei, o tren... ¡aínda estaba aí! ¡Rápido! Mete o billete na máquina!, corre!, “is this the train to Oxford, sir?”. “Late!!!, late!!!”. O xefe de estación abriu os brazos interpoñéndose entre o tren e eu e, quince segundos despois (dábame tempo de abondo, carallo de tipo este...), o tren partiu cara a Reading... sen min.

Facía bastante frío, pero xa non podía entrar de volta na estación. Unha vez que pasas ás platform, amiguiño, estás nas platform, non hai volta atrás. Dispúxenme a almorzar. Collera unha baguette pequena e dous plátanos. Collo o primeiro plátano e... espachurrado! Con tanta bicicleta e tanta hostia, espachurrei o plátano este. Tiro con el. Collo o segundo e... en fin. Tireino tamén.

Non podía, como digo, volver á estación a mercar sequera un chocolat e unhas cookies, de xeito que me dispuxen a comer o bocadillo de xamón serrano con tomate que hoxe levaba para o xantar.

Ao final, cheguei ao choio ás 9:45h. Hai días que un se levanta co pé... esquerdo?

(iso si, co pé que sexa, mirando sempre... adiante)

No hay comentarios: