8/2/08

Un bo día

Hoxe foi un bo día. Vamos, iso penso agora, ás 20:30h, sentado no tren de volta a Oxford despois de me tomar unha pinta de cervexa con sabor a laranxa e outra media pinta de sidra cos meus compañeiros de traballo...

Hoxe falei unha morea. Seguramente pouco para o que tería falado un día normal aí na terra, pero moito para o que teño falado no traballo desde que cheguei ao UK. Parveen, así se chama o rapaz indio que se acaba de incorporar a Adeptra, é por sorte un rapaz aberto e falador e, ao ser novo, aínda non ten tanto que facer coma o resto, que estiveron todos estes días a tope de traballo. Hoxe, para a que xa me preguntou o outro día ao ler o blog se chegaba sempre tarde ao traballo, cheguei ás 8:45h. Cando chegou Parveen xa se puxo a preguntarme se atopara máis victims que probaran o noso sistema o día anterior. Comezamos a falar un pouco, e uníronsenos un chisco Noel e Dave cando chegaron.

O resto do día fun facendo traballo e encadeando algunha que outra conversación con Parveen e Noel fundamentalmente e, á hora do xantar, esta vez non se apuntou ninguén a vir ao pub... salvo Parveen. E alá fomos os dous. El estívome a contar un pouco a súa historia, eu a el a miña, e foron unha mesa e unha sobremesa realmente interesantes.

A tarde transcorreu máis ou menos do mesmo xeito, traballando e encadeando de cando en vez unhas palabras e, tal como xa comentara Nikki (chámase realmente Nicola pero todos lle chaman Nikki) cando lle preguntei se non viñan a xantar ao pub, ao cabo da tarde fomos a tomar unhas pintas. Noel, Nikki (son parella), Olly, Parveen e o Albela (un servidor). Eles despois foron cear, pero eu só me quedei a dúas roldas e xa na primeira anunciei que pagaría eu a segunda, porque esta semana cobrei o meu primeiro soldo no UK e porque, ademais, hoxe facía tres semanas en Adeptra. O ecuador do meu contrato de seis.

Falamos moito, botamos unhas risas, contáronme cousas sobre a empresa e sobre eles, conteilles cousas sobre estas tres semanas...

Agora vou de volta no tren. Nun deses vagóns chamados “quiet zone” que hoxe, venres noite, ten bastante pouco de quiet. Dúas ringleiras de asentos adiante vai unha nai cun neno pequeno. Xusto enfronte de min, unha moza bastante xeitosa maquéase despois de falar por teléfono e dicir que chega a Oxford en vinte minutos (cousa que me tivo que preguntar a min). Tres ringleiras máis alá, un rapaz negro que fala por teléfono detén a conversación para librarlle o asento do lado e dicirlle que, se non está comigo, pode ir a acompañalo a el. A rapaza despois, como eu escribo no ordenador (ela non sabe que estou a escribir sobre o que alí pasa, que senón...), pregúntalle ao rapaz da mesa do lado se ten os ollos ben maqueados. El dille que non están moi simétricos, ela retócaos e el dálle a súa aprobación.

O Albela, feliz. Tecleando no portátil historias para a súa xente, contemplando as cousas que ante el suceden nun idioma estraño e sabedor de que, en Oxford, a apenas xa dez minutos de tren e outros dez de bicicleta, lle espera... Vamos, que o están agardando.

No hay comentarios: