8/1/09

Collendo ritmo

Segundo día de estancia na Inglaterra e por fin parece que imos collendo o ritmo necesario. A mañá foi destas de cerebro lento e torpe. Logo fun xantar, cousa que fixen en cuestión de quince minutos para volver rápido para a oficina, porque tiña que facerlle a tres compañeiros unha introducción a unha ferramenta de testing na que eu teño traballado (de feito son o xefe de proxecto do desenvolvemento desa ferramenta, que soa moi ben pero non vos vaiades a pensar que me pagan máis por selo). Non me apetecía un carallo dar a charla esa, pero o certo e que me salvou o día porque aparte de espabilarme coma é debido, me fixo sentir moi contento cando, ao sair da oficina camiño da parada de bus, me din conta de que probablemente por primeira vez na miña vida estiven falando en inglés case sen parar, explicando cousas e facendome entender de forma eu diría que máis que satisfactoria, durante dúas horas e media. Á saída da charla tiven que me unir a unha conferencia telefonica para falar duns problemas que houbo nun novo desenvolvemento no que participei o mes pasado. Os problemas non foran causados senón sufridos por min, pero aínda así tocoume facerlle caer da burra a quen os causou e aínda por enriba vaime a tocar corrixilos tamén. Despois diso, un compañeiro da oficina dos EE.UU. quixo que lle explicase unhas cousas por IM (IM ven de Instant Messaging ou Mensaxeria Instantanea, e basicamente quero dicir que empregamos unha especie de Messenger interno que temos, vamos) e a explicar chateando me dediquei outros quince minutos. Para rematar, outra compañeira quería que lle botase un ollo a unhas cousas que fixo e que lle dixese como facer outras e niso gastei outra media hora. Antes, como xa case me quería doer a cabeza de tanto desgaste mental, tomeille unha nice cup of tea que me deixou coma novo.

Para rematar o día, fun onda Jonathan, o meu xefe, que hoxe estivo na oficina e pregunteille se en caso necesario me podía coller de vacacións o 23 e 24 de febreiro, porque estamos a planear de ir a París nesas datas con Xulio e Amparo. Este mes casan Noel e Nikki, ata o día 20 de febreiro vou a ter que estar desempeñando o mellor que poida as funcións que Nikki habitualmente realiza con toda destreza, e Nikki ven de volta o 23 cando eu quero estar por París, polo que me ofrecín para, se era necesario, informar a Nikki por teléfono ese luns do estado no que quedaran as cousas, aínda que lle dixen que intentaría deixar todo por escrito á miña marcha para que non houbese problemas. Jonathan dixo que, vindo de min, cría que de seguro o deixaría todo perfectamente e por escrito. Non é raro que mo dixese porque adoito ser moi meticuloso coas cousas que fago e, se a ausencia de tempo material non mo impide, documento todo moi coidadosamente, co cal me creei a boa fama que probablemente conducíu a que confiasen en min para as funcións de Release Manager. Eu interpretei por suposto as súas palabras coma un cumprido e quedei ben contento, pero estiven agora pensando que, despois de que el dixese iso, xa non me vai a valer o de “bota fama e botate a durmir”. Máis ben, por botar fama, vou a ter que me botar a escribir, e vou a ter que facelo ben e con moito coidado, se non quero, ao tempo que perder a fama, ter que atender a esa chamada a que me ofrecín o día 23.

No hay comentarios: