26/1/09

Birdcatcher

Antes de onte casaron Noel Evans e Nicola Jane Harris, que a partir de agora sera, por suposto, Nicola Jane... Evans.


Noel e Nikki, teño xa falado deles máis dunha vez aquí, son ambos compañeiros meus en Adeptra. Cando cheguei a oficina hai xa un ano e oito días, eles dous eran os únicos membros do meu grupo que estaban na oficina habitualmente polo cal nas reunións, como tamén xa dixen, estabamos normalmente os tres sós. A ambos lles teño que agradecer a súa paciencia en me explicar moreas de cousas, a súa confianza e a súa amizade. Podédesvos imaxinar, pois, que me fixo moita ilusion cando me dixeron que casaban e cando nos invitaron a sua voda.

Así que nada. O sábado pola mañá, despois de correr uns dez quilómetros, ducheime e puxen o meu traxe de Primark, a miña camisa lila de Emidio Tucci cunha corbata tamen mercada en Primark esta semana (a corbata que ía a xogo non a atopei na casa a pasada fin de semana e logo atopouna miña nai, que a “ordenara” meses atrás nun caixón da cociña) e os meus zapatos Clarks de “chupame la punta”. A Juliana puxo un vestido negro que lle quedaba moi ben, cuns zapatos (tamen Clarks) de tacón e punta redonda que mercou aquí non hai moito e lle son comodos e lle quedaban tamen ben e fixo uns poucos rizos no pelo coa plancha que lle merquei o outro día no Corte Inglés. E alá fomos.

Descrívobolo con tanto detalle porque son eu así “long-winded” e tamén porque nos deixamos a cámara na casa e non temos foto ningunha do evento. Intentarei conseguir algunha de outra xente que si tiña cámara, pero non prometo nada.

A voda foi en Reading, no Town Hall, que ven a ser coma a Casa do Concello, pero que non se parece en nada a Casa do Concello de Vedra, senon que tira máis ao Pazo de Raxoi. O certo e que é un edificio bastante bonito, adornado con bastante bo gusto, con teitos moi altos e luminosos, e que alberga entre outras cousas o salón no que se celebraron a cerimonia e o banquete, outro salón no que había un pequeno bar, outro cun auditorio/sala de concertos ben xeitoso e un museu, entre outras cousas.

Antes de ir ao Town Hall fomos a un pub cercano no que nos agardaba o groom, Noel. Chegamos, saudámolo, e fomos a barra a pedir algo de beber. Ese algo de beber... tivémolo que pagar.

Estivemos alí tan só vinte minutos, no transcurso dos cales primeiro chegou Girish, ao que invitei a unha cervexa, e logo contemplamos a cara de circunstancias de Noel despois de se tirar por enriba da chaqueta parte da sua bebida. Por sorte, houbo xeito de secalo sen que quedase mancha e non pasou nada.

Despois si que fomos para o Town Hall e, xusto ao chegar, atopámonos con Jonathan, o meu xefe. Entramos para o salón onde se ía a celebrar a cerimonia e sentamonos cara ao final xa que, como ben apuntou logo Tim, e onde se sentan os “naughty boys”.

A cerimonia foi cortiña e estivo ben. A nai de Nikki, unha muller duns cincuenta e tantos ou sesenta, delgada e moi elegante, leeu un texto moi bonito e axeitado facendo un alarde de declamación non ostentosa que me deixou abraiado unha vez máis. Non creo que sexa xenético así que ten que ser transmitido non sei se social ou academicamente, o caso é que me impresiona a cantidade de xente que hai aquí con capacidade para falar en público con moito xeito e mellor dicción. Poden ser moi pero moi tímidos cando de contacto persoal e directo se trata, e perden no canto esa timidez cando se teñen que enfrontar a un atento auditorio. Curioso, que diría Jordi.

Despois da cerimonia fomos todos ao salón de concertos para sacar unha foto de grupo e despois todos tamen aos Forbury Gardens, onde está o famoso león, para sacar alí máis fotos.

Logo de volta para o Town Hall, onde esta vez nos fomos cara ao bar. Alí, había unha rapaza que ofrecía zumo de laranxa (de cartón) e champán (de botella, por suposto). Aparte, estaba a barra. Na barra había de todo e, por suposto... había que pagalo. Cando chegou Noel preguntoume se a xente estaba a pagar as consumicións, eu estaba a piques de pagar a primeira e vimos que si, que había que pagar. El quedou un pouco sorprendido e parece que nas negociacións entendera que as consumicions non debían de ter que se pagar. Se fose en España montaríanlle un cisco aos da barra, pero Noel é inglés: encolleuse de hombros, puxo cara de póker e non lles dixo nada.

Hai un libro de cabeceira se un quere coñecer a personalidade inglesa, “Watching the English” de Kate Fox, que che explica que os ingleses son tal que así: se ven que alguén se lles mete diante na cola na que agardan o autobús indígnanse, carraspean, bufan, pero non teñen a suficiente capacidade de interacción social como para lle dicir “ei ti, espabilado! que eu estaba diante!”, como seguramente faría calquera nese noso país. Distintos pobos, distintos caracteres.

A iso das cinco e pico da tarde fomos de volta para o mesmo salón onde se celebrara a cerimonia, agora reconvertido en comedor. Tomamos asento, puxemonos en pé para recibir cun aprauso aos noivos, e escoitamos os discursos de rigor: o pai da noiva, bastante claro e divertido; o groom, Noel, moi formal e coa súa perfecta dicción; e o best man, Steve, un amigo de Noel desde a infancia, que fala moi baixiño cun acento a hostia de raro, e ao que lle collimos máis ou menos a mensaxe do que quería dicir porque se apoiaba en grandes carteis impresos con fotos de Noel. Eu, do que dicía, non lle entendín nin papa.

E, rematados os discursos... a comer. Primeiro prato: a escoller entre sopa ou salmón. Nós escolleramos salmón (cando che mandan a invitación danche tamen un papeliño para que escollas menú). O salmón era, literalmente unha peza de salmón de cinco por cinco  centímetros, frío, posto sobre unhas cantas follas de rucola. Segundo prato: a escoller entre canelóns vexetais e cordeiro. O cordeiro estaba moi bo. De postre, ou selección de queixos e froitas ou banofee. Noel dixo que o pedira porque entendía que banofee = banana + toffee, pero resultou que banofee = banana + coffee, e Noel odia o sabor a café. O certo e que non era tampouco marabilla ningunha. Por último cortaron a tarta nupcial e, cando estabamos xa bailoteando, distribuírona polas mesas en fontes. Eu paseime o resto da noite bailando e non a probei, así que non vos podo dicir como estaba.

E vaiamos ao tema do baile. Non me acordo agora se o comentei no post sobre a voda de Dave ou non, pero aqui teñen moito que aprender en temas de baile en vodas e similares. Os noivos abren o baile si, pero ábreno cunha peza de música moderna lenta que poden bailar agarrados balanceándose lixeiramente dun lado ao outro incluso sen ter moito ritmo. Iso non vale. En España todo quisque ten que bailar, mellor ou peor, un valse coma é debido. E logo o DJ (aquí non vin aínda dúos nin tríos nin cousas desas) dedicase a poñer música moderna e un pouco menos moderna durante toda a noite. Coma mostra, o outro día bailamos uns cantos exitos dos anos sesenta e setenta coma o famoso “Let’s twist again” ou o “Twist and shout” dos Beatles; música dos oitenta coma “Livin’ on a prayer” de Bon Jovi; e música dos noventa e xa do século XXI da que xa non me lembro.

En todo caso. De novo nin rastro de pasodobres, chacachá do tren, muiñeiras, jotas, coplas, merenges, salsa, etc. Eu tomeimo coma se fose unha das clases de Body Attack ás que imos ao ximnasio, apelei ao espírito da miña benquerida amiga e compañeira e profesora de inglés en CTAG Marta, e bailei toda a noite coma un descosido ata que decidimos que había que ir indo para casiña a iso das once e pico da noite.

E iso foi todo.

 

 

Supoño que a estas alturas e despois de ler todo o artigo, se lle prestastes un pouco de atención ao título vos estaredes preguntando: “e, con tanta voda, a que carallo viña iso de birdcatcher?”.

Pois esa foi a anecdota do día. Conteivos que a cerimonia foi no Town Hall e que nos nos sentamos atrás coma os nenos malos. Pois alí estabamos sentados xa tódolos invitados, estaban xa os funcionarios encargados de oficiar a cerimonia presentes, o noivo agardando e a noiva fora esperando tamén para entrar, cando fixo acto de presencia na sala un paxariño pequeno, marrón con peito branco que rapidamente se puxo a pelexar desesperadamente por intentar saír da sala batendo no seu desesperado intento  unha e outra vez contra os cristais das fiestras. Noel e Steve non sabían que facer e sinaláronllo ás funcionarias do concello que estaban alí e as funcionarias, logo de mirar un anaco para o paxaro tamen sen saber que facer, chamaron por walkie-talkie a outro funcionario, supoño que de mantenemento, que veu e quedou mirando para o paxaro sen saber que facer. Entre o funcionario e Steve, o best man, abríronlle a fiestra ao paxaro a ver se escapaba. O “único” problema era que as fiestras medían facilmente uns seis metros e pico de alto, o paxaro estaba abaixo de todo, e as fiestras abrían só por arriba, co cal o único que conseguiron foi meter frio na sala.

Cando estivo claro que o paxaro para arriba non ía a ir e que polos seus propios medios non ía a saír, ao funcionario non se lle ocorreu outra que ir buscar unha escoba para empurralo. A xente quedou dun barreno cando o viu co cepillo, pensando que ía a matar ao pobre paxaro. Cando tamen viu que non o daba botado para arriba, decidiu subir a unha silla para collelo. O tema e que o tipo parecía que tiña medo de que o pobre paxaro o mordese! E non era o único. O best man fixo igual: subiu a silla, fixo coma quen que lle botaba a man ao paxaro, pero coller non o collía, non fose a ser que o mordese. A nai da noiva fixo outro tanto do mesmo. A funcionaria que oficiou o casorio, subiu a silla pero nin sequera se atreveu a facer coma que lle botaba a man. E non pensedes que o paxaro lle escapaba. Revoloteaba, claro, pero non se movía apenas do mesmo sitio!

 

En fin. A min xa había un bo anaco que me fervía o sangue vendo ao fato ese de urbanitas asustados dun pobre paxariño, así que finalmente deille o abrigo a Julia, erguinme, fun ata adiante de todo de xeito que evidentemente quedou todo o mundo mirando para min, díxenlles que me deixaran a silla, puxena ben onde estaba o paxaro, subinme a silla e... Pois claro, collín o paxaro.

Xúrovolo: quedaron todos dun barreno. Alucinados. Soaron un “ooh” e incluso un tímido aprauso coma se coller un paxaro coa man fose unha proeza sen parangón. Os fotografos sacáronme fotos co paxaro, houbo varias persoas que me felicitaron pola miña fazaña e, ao remate, Nikki díxome que todo o mundo falaba de min e do do paxaro.

Eu saín a fora con el na man e por suposto devolvino á liberdade. Cando cheguei de volta ao meu asento, entre Julia e Lisa xa me puxeran apodo: birdcatcher.

23/1/09

Un ano despois

Parece mentira. Ou, como diría miña nai, “a quen se lle conte non o cré”. O pasado domingo 18 fixo un ano desde que comecei a traballar en Adeptra. Non fago un ano como empregado de Adeptra, porque comecei traballando para eles como o que aquí chaman “contractor” e que aí en España probablemente chamaríamos “autónomo”, pero un ano traballando para Adeptra ao fin e ao cabo. E parece mentira, dicía, o moito que cambiaron as cousas.

Hai un ano cheguei unha oficina “chea” (como moitos traballaban e traballan desde casa, a oficina nin estaba nin adoita estar moi chea) de estranos que teño que recoñecer me recibiron ben, pero aos que ao fin e ao cabo non coñecía de nada e que tiñan unha forma de ser completamente distinta a dos colegas que eu tiña en CTAG.

Cando me puxen a intentar facer o que se supuña tiña que facer atopábame unha e outra vez con que non sabía todo o que precisaba. Programar e programar, pero cada campo e un mundo, entre escribir software para sistemas para coches e escribilo para sistemas de banca hai un mundo. Incluso no mesmo campo, de compañía a compañía, as cousas podense facer de xeitos moi distintos. Esta situación, por suposto, creabame unha certa inseguridade. Todo parecía ir ben e todos parecían contentos co meu traballo, pero por suposto eu vía que ía máis lento que os demais, que era capaz de facer moito menos no mesmo tempo, que a min non me confiaban os traballos máis interesantes... Nestas situacións, por moito que un queira evitalo, sempre xurde a pregunta de onde estará o límite inferior no que o rendemento dun recén chegado pode estar na súa nova empresa para que non o chimpen. Un sempre se pregunta se o seu xefe realmente confía nel e se lle os seus compañeiros, a vista das súas capacidades, lle augurarán a un moito tempo na empresa ou se pensan que visto o malo que é durará dous telediarios.

O 18 foi un venres e o luns 21 tiven a miña primeira reunión de programadores, que non e reunión física senón case de espírito e ao través do teléfono (Jonathan desde a súa casa preto de York; Percy desde non sei onde; Attila desde Hungria; Anthony desde Canada; Dan, Veena e John probablemente desde a oficina dos EEUU ou desde as súas casas, non recordo; e Noel, Nikki e eu desde Reading). Nesa reunión entendín cando Jonathan me deu a benvida ao comezo da chamada e logo non me enterei de nada ata que dixo algo que se parecía ao meu nome. Nese momento dixen o que estivera intentando facer nese día e pico que levaba na empresa e volvín a non entender nada ata o final da chamada. E esa foi para min a tónica desas reunións durante un bo tempo.

 

Pero as cousas, en so un ano, mudaron moito. Un ano despois, podo chamar amigos a algúns dos que comparten espacio na oficina comigo, e teño unha curiosa relación de colegueo-amizade con algúns que traballan desde outros lugares. Dalgúns deles nin sequera sei que pinta teñen e a outros vinos unha ou duas veces diante, pero traballo con eles, pese á distancia “cóbado con cóbado”.

Un ano despois non o sei todo acerca do meu traballo (aburrido sería que non me quedase nada por aprender), pero xa me atopo respondendo a moitas preguntas das que os meus colegas (ás veces incluso algúns moi veteranos e competentes) non saben a resposta. Atópome ademais con que o xefe confía en min para facer de Release Manager por un mes e así substituir a Nikki na súa ausencia, e iso dígovos eu que é para min un piropo coma un mundo, porque Nikki é sen lugar a dúbidas unha das persoas máis competentes no seu traballo que teño conhecido.

Agora, ademais, xa non temos reunións de programadores coma ao principio unha vez á semana senón tódolos días. Agora, se son capaz de manter a atención (cousa que ás veces custa) xa case me entero de todo o que se di nelas. Hoxe, quince minutos antes da reunión, o xefe chamoume e díxome que el non ía a poder atender á mesma e que me encargase eu de dirixila, tomar notas de como ía avanzando cada un, e asignarlles algo que facer se alguen rematara tódalas tarefas que tiña asignadas.

O tipo este que escribe no blog un ano despois... é o mesmo???

8/1/09

Collendo ritmo

Segundo día de estancia na Inglaterra e por fin parece que imos collendo o ritmo necesario. A mañá foi destas de cerebro lento e torpe. Logo fun xantar, cousa que fixen en cuestión de quince minutos para volver rápido para a oficina, porque tiña que facerlle a tres compañeiros unha introducción a unha ferramenta de testing na que eu teño traballado (de feito son o xefe de proxecto do desenvolvemento desa ferramenta, que soa moi ben pero non vos vaiades a pensar que me pagan máis por selo). Non me apetecía un carallo dar a charla esa, pero o certo e que me salvou o día porque aparte de espabilarme coma é debido, me fixo sentir moi contento cando, ao sair da oficina camiño da parada de bus, me din conta de que probablemente por primeira vez na miña vida estiven falando en inglés case sen parar, explicando cousas e facendome entender de forma eu diría que máis que satisfactoria, durante dúas horas e media. Á saída da charla tiven que me unir a unha conferencia telefonica para falar duns problemas que houbo nun novo desenvolvemento no que participei o mes pasado. Os problemas non foran causados senón sufridos por min, pero aínda así tocoume facerlle caer da burra a quen os causou e aínda por enriba vaime a tocar corrixilos tamén. Despois diso, un compañeiro da oficina dos EE.UU. quixo que lle explicase unhas cousas por IM (IM ven de Instant Messaging ou Mensaxeria Instantanea, e basicamente quero dicir que empregamos unha especie de Messenger interno que temos, vamos) e a explicar chateando me dediquei outros quince minutos. Para rematar, outra compañeira quería que lle botase un ollo a unhas cousas que fixo e que lle dixese como facer outras e niso gastei outra media hora. Antes, como xa case me quería doer a cabeza de tanto desgaste mental, tomeille unha nice cup of tea que me deixou coma novo.

Para rematar o día, fun onda Jonathan, o meu xefe, que hoxe estivo na oficina e pregunteille se en caso necesario me podía coller de vacacións o 23 e 24 de febreiro, porque estamos a planear de ir a París nesas datas con Xulio e Amparo. Este mes casan Noel e Nikki, ata o día 20 de febreiro vou a ter que estar desempeñando o mellor que poida as funcións que Nikki habitualmente realiza con toda destreza, e Nikki ven de volta o 23 cando eu quero estar por París, polo que me ofrecín para, se era necesario, informar a Nikki por teléfono ese luns do estado no que quedaran as cousas, aínda que lle dixen que intentaría deixar todo por escrito á miña marcha para que non houbese problemas. Jonathan dixo que, vindo de min, cría que de seguro o deixaría todo perfectamente e por escrito. Non é raro que mo dixese porque adoito ser moi meticuloso coas cousas que fago e, se a ausencia de tempo material non mo impide, documento todo moi coidadosamente, co cal me creei a boa fama que probablemente conducíu a que confiasen en min para as funcións de Release Manager. Eu interpretei por suposto as súas palabras coma un cumprido e quedei ben contento, pero estiven agora pensando que, despois de que el dixese iso, xa non me vai a valer o de “bota fama e botate a durmir”. Máis ben, por botar fama, vou a ter que me botar a escribir, e vou a ter que facelo ben e con moito coidado, se non quero, ao tempo que perder a fama, ter que atender a esa chamada a que me ofrecín o día 23.

Freezing cold and darkness

Pois aquí estamos de volta, despois de botar tres semanas e dous días na terra, e a Pérfida Albión recíbenos con moito frío e escuridade. A escuridade agardábaa. Como vos contei a moitos en persoa este Nadal, aquí a estas alturas do ano faise de noite arredor das catro e media da tarde. Nese sentido, estar por Galicia foi coma estar no paraiso: despois de pasar todo o verán e o outono na Inglaterra vendo os días minguar, ter luz solar ata as sete da tarde foi coma ter días case interminables, nos que podías facer centos de cousas.

O frío agardábao tamén, pero non pensei que fose tanto. Onte facía frío, pero nada que non se aguantase, e a única cousa que me chamou a atención foi que cando chegamos a Summertown a iso das oito os coches que estaban aparcados diante das casas da nosa rúa estaban xa todos xeados. Hoxe cando me erguín e mirei para fora vin que o pavimento estaba semi xeado, coma se tivese nevado algo durante a noite, e efectivamente puiden observar unha pouca neve no sillín da miña bici. Prepareime para o peor, pero para a miña sorpresa a mañá era bastante menos fría que a noite anterior e, segundo dixeron as miñas orellas cando montei na bici, ambas eran moito menos frias que algunhas outras mañás que teño sufrido xa neste inverno.

Cando cheguei a Green Park (literalmente, Parque Verde, Green Park é o parque empresarial no que esta a nosa oficina), sen embargo, atopeime cunha boa sorpresa: o lago estaba completamente xeado. Green Park é unha especie de parque natural-artificial-empresarial. E algo difícil de explicar se non se ve, pero basicamente digamos que a zona debeu de ser en tempos algo semellante a unha braña sen ningún tipo de uso e agora foi adaptada a moderno parque empresarial que se vende coma unha alternativa verde aos habituais polígonos feitos todos de cemento.

Efectivamente Green Park, construído darredor dun lago que eu intúo semi-natural, ten moreas de espacios verdes, sendeiros, animais soltos (patos, gansos, cisnes, garzas, etc. e incluso algunha que outra ardilla, raposos e ata unha cría de cervo teño visto por alí). Hoxe, cando cheguei, o lago que antes das vacacións teño visto xa algunha vez con pezas de xeo soltas aquí e alá, estaba completamente xeado co que parecía unha robusta capa de xeo. Parei nun pequeno peirao que hai para lle sacar unha foto, e cando cun pé ben posto no peirao puxen o outro sobre o xeo e presionei para comprobar a súa resistencia, nada pareceu indicar que aquilo se fose romper. Aínda así, non me xoguei a saúde paseando enriba del, pero á hora do xantar si puidemos ver algún que outro valente comprobando a resistencia do xeo con pequenos paseos máis ou menos preto da beira e ningún deles se víu cos seus bravos osos na xeada auga.

Agora vou de volta no tren mentres que escribo isto, meu primeiro post de 2009, despois dun día no que, polo frío ou pola “inactividade” de dúas semanas de vacacións, o meu cerebro parecía ás veces case tan conxelado coma o lago. Terei que lle mercar uns patíns.



Este post foi redactado onte, Mércores 7 de xaneiro de 2009.

30/11/08

Crisis NINJA

Xa descubrira hai tempo o blog deste home coa súa explicación das causas do que el bautizou como a "Crisis NINJA" que, de verdade, non ten desperdicio. A entrevista que Buenafuente lle fixo é unha boa introducción para intentar comprender as razóns que nos levaron a onde agora estamos. Seguro que vos gustará.


22/11/08

Un ano… non é nada?

“Veinte años no es nada”, cantaba Gardel. Si, xa sei que poñer o título desta canción é un recurso moi empregado e ademais afondar no tópico, pero é que me ven ao pelo para o que vos quero contar hoxe. Vinte anos non é nada, dicía eu que dicía el, e sen embargo levo xa unha tempada pensando no moito que che pode cambiar a vida simplemente dun ano para outro. Dun día para outro. Onte ía no tren e, aínda que andaba liado e moi concentrado (raro en min que adoito ter a cabeza en vinte sitios a un tempo) lendo cousas desas que lemos os que nos dedicamos a escribir o que logo leen os ordenadores, decidín recuperar esta miña autoimposta obriga de contar. Unha obriga que, hai que dicilo, algúns levades xa tempo botándome en cara que non cumpro. Se é que vos da un a man...

Pero xa me vou polos curutos de Cuspedriños, que xusto me acabo de inventar, xa que non sei que hai curutos en Cuspedriños, pero que soan moito máis galaicos que os Cerros de Úbeda. Pensaba dicía, desde hai xa unha tempada, no moito que a vida lle pode mudar a un en pouco tempo, e estes pensamentos veñen sendo máis asiduos na miña cabeza estes últimos días porque hoxe 22 fai un ano que me vin para Oxford de “vacacións”. O das vacacións poñoo entre comiñas porque, aínda que iso foi o que lles dixen a maior parte dos meus colegas e amigos do CTAG, cos que o ano pasado traballaba; e aínda que foi iso o que lle dixen por suposto ao meu por entón xefe, o meu amigo Jordi; o certo é que poucas vacacións tiven o ano pasado aquí. Vin para Oxford si, do 22 de novembro ao 13 de decembro, que ben me lembro. E fomos dar algún que outro paseo ata Londres Julia e máis eu nas fins de semana, e tamén é certo que demos algunha volta por Oxford si, pero o resto do tempo vacacións poucas. O obxectivo estaba claro e o plan xa en marcha. Para poder virme para onda Julia, precisaba un traballo aquí, e o plan non era outro que pelexar ata a extenuación para conseguilo.

O ano pasado a estas alturas levaba xa case mes e medio mandando currículos desde Galicia. Mes e medio revisando as páxinas web das multiples bolsas de emprego que aquí existen e “aplicando” (tradución libre, moi empregada polos españois que temos buscado choio aquí no UK, do “apply” inglés que se usa cando solicitas que te consideren para un emprego) a todas aquelas ofertas de traballo nas que eu pensaba que por estes ou estoutros dos meus coñecementos podia ter opcións.

Unha tolemia. Traballaba de oito e media a cinco e media (ou seis, ou sete, dependendo do traballo que houbese) e logo marchaba correndo para o meu piso ou para o de Xulio a revisar as ducias de correos, algúns con ata cen ofertas de emprego, que recibía todolos días. A tarefa remataba moitas veces á unha ou dúas da madrugada, e aínda así non foron un nin dous os días que, obsesionado, desistía de seguir na cama revisando correos imaxinarios nun estado de semiconsciencia e me erguía as tres ou ás catro da mañán para lle botar un ollo aos correos de verdade e mandar currículos e cartas de presentación se aparecía algunha oferta interesante.

Cando me vin de “vacacións” para Oxford, o que era o meu “hobby” de despois do traballo e noites de insomnio converteuse nun traballo a tempo completo. Tal e como a miña amiga Aida me dicía que lle pasaba co seu agora marido Juan cando ela se veu para o UK (el xa levaba aquí por aquel entón varios anos), a min pasábame tamén con Julia: levantábame antes ca ela, púñame a revisar ofertas e mandar currículos xa antes de que ela se erguese, estaba revisando ofertas e mandando currículos cando ela saía pola porta, e seguía revisando ofertas e mandando currículos cando ela ao cabo do día entraba de volta. Por suposto, logo de que ela xa estivese na casa, aínda seguía revisando ofertas e mandando currículos un bo cacho. Moitas veces ata que nos metiamos na cama.

Durante o día, as únicas paradas na rutina de revisar ofertas e mandar currículos eran para satisfacer as necesidades fisiolóxicas de reposición e disposición de fluídos e sólidos, para botar unha carreira ao longo do canal de Oxford e, por suposto, para atender chamadas de recruiters... cando as había. Para os que non o saiban, os recruiters son axentes de axencias de emprego. Nada que ver coas axencias de traballo temporal, por suposto. En España, xeralmente, mandamos os CVs ás empresas. En Galicia, en particular, aínda é do máis común ter un amigo, un familiar ou un coñecido que che mete o currículo na empresa para a que queres traballar de paso que di unhas palabras no teu favor. Aquí no UK móvese todo por axencias. As empresas non buscan xente pola súa conta, senón que recorren a axencias que son as que se encargan de, no medio de ás veces centos ou miles de currículos, seleccionar a unhas poucas persoas que a empresa entrevistará na procura da persoa que precisa. Se de entre eses a empresa contrata a un, a empresa pagaralle a axencia unha porcentaxe (normalmente segundo din entre o 10 e o 15 por cento) do que sera o teu soldo anual. Non e que cho desconten do teu soldo en absoluto. Simplemente o teu soldo anual da unha medida da valia da persoa que a empresa acaba de incorporar. En resume: se queres un choio, os axentes teñen que ter o teu currículo.

Con esta rutina, pois, os días viñan basicamente definidos pola cantidade de chamadas de recruiters recibidas e polas impresións recollidas das conversas con eles. Un día sen chamadas era un día sen esperanzas, un día malo. Un día con moitas chamadas era un día no que as portas parecían abrirse, no que o camiño a Oxford semellaba ter unha alfombra vermella. Un día no que chamaban poucos, e os poucos que chamaban aínda dicían que eu pedía moitos cartos (os meus queridos padriños no UK, Juan e Aida, dixeranme a cifra que lles tiña que pedir), que mirando ao meu currículo eu non tiña experiencia ningunha, que tiña que conformarme con ofertas que aquí no UK malamente dan para chegar a fin de mes, e que non me tirara da moto que había no mercado moitos, moito mellores ca min, era un día horrible.

O tema, en resumo, e que hai un ano o meu futuro era completamente indefinido. Tiña un traballo que me gustaba e no cal tiña practicamente asegurado un contrato fixo a medio prazo, pero quedarme nel supuña estar posiblemente dous anos lonxe da persoa á que quero. A miña situación económica resúmese en que despois de moito aforrar tiña uns catro mil euros na conta e que, se me decidía a virme para o UK aínda sen atopar choio, tiña que sobrevivir con iso (moi pouco, mirando aos prezos de aquí onde o aluguer máis barato non baixaba por aquel enton dos 900 euros ao mes) ata que atopase algo, que non sabia cando podia ser. Estaba a procura de traballo, pero non sabía que clase de traballo ía a atopar: que clase de empresa, que clase de xefe, que clase de compañeiros... Todo era indefinición, desasosego, incerteza... Sensacións que eu tomaba con toda a filosofía que podía e sempre por suposto procurando mirar adiante, pero que estaban aí. Ao final todo foi ben e a situación foi dun estremo ao outro.

Agora vivo todo contento coa miña Juliña aquí en Oxford e collo todo feliz a miña bicicleta todolos días (menos os xoves, que agora traballo desde casa) para ir ao choio, onde a verdade é que non me podo queixar de nada: o traballo gústame; o soldo, se ben non me vai facer rico, é considerablemente mellor que calquera dos que se poden atopar aí no noso querido e odiado país, e como tiven tanta sorte que atopei traballo xusto antes de vir, os meus catro mil euros de aí seguen na Caixa Galicia gardadiños (ou iso espero), e agora estan acompañados por unhas poucas libras que me teñen aquí gardadas os de Barclays; a empresa medra incluso agora que disque estamos en crise (cousa, o da crise, que non me acabo de crer, porque hoxe estivemos de compras aquí por Oxford e aquelo estaba inzado de xente a mercar coma descosidos); cada día somos máis na oficina, o cal axuda a facer medrar o meu nivel de inglés e hai alí xa algún que outro ao que creo que podo xa chamar amigo...

O que vos dicía: que vinte anos non serán nada pero a min, só este último ano, cambioume a vida unha morea. A mellor !!! ;)

6/11/08

1 year… and counting!!!

Fai un ano que cheguei a Oxford, eu, que non son o autor deste blog, senón segundo ás súas palabras a razón pola que estamos aquí. Hoxe róubolle este espacio ou máis ben, acepto a súa proposición para contar unhas palabras. A miña capacidade de síntese é bastante grande, así que non esperedes un relato como ó que estades acostumados, aínda que farei un esforzo.

Todos sabedes máis ou menos ás razóns polas que vin para Oxford, debido á miña teima por seguir a facer o que quero, aprender novas cousas e entender un pouco máis o que nos rodea. Entre outros moitos intereses científicos, unha das miñas principais preocupacións aquí é intentar entender por qué os sistemas sexuais das plantas con flor son tan diversos. Se estás interesado en coñecer algunhas das miñas motivacións sigue lendo a parte entre comiñas senón, salta esta parte e continúa máis abaixo.


As flores, as estructuras reproductoras das anxiospermas, presentan unha enorme variación en comparación coas mesmas estructuras noutros organismos, e isto ten suscitado un enorme interese no campo da bioloxía. Sen embargo, a pesares da atención prestada, aínda hoxe en día non está claro cales son as razóns polas que as plantas con flor teñen evolucionado de tan diversas maneiras para alcanzar unha mesma función, que se limita a reproducirse con éxito. Unha grande maioría das plantas con flor (anxiospermas) son hermafroditas, coa maioría das especies producindo flores que conteñen ambos órganos sexuais: masculinos (estames) e femininos (pistilos). En contraposición, so aproximadamente un 10% das especies, teñen flores unisexuais. Cando unha mesma planta presenta flores so masculinas e flores so femininas, o sistema sexual coñécese como monoecia, mentres que se coñece como dioecia o sistema sexual no que os sexos (flores masculinas e flores femeninas) están separados en plantas distintas. Pero combinacións máis complicadas son tamén posibles. Posto que as plantas non se poden mover, dispoñen de outras estratexias para reproducirse, como producir masivas cantidades de polen para ser transportado polo aire; pero tamén de formas mais eficientes, a través de principalmente insectos, que conquistan con perfumes, colores ou formas, e ós que ofrecen recompensas en forma de néctar. Ás orquídeas, por exemplo, son coñecidas por imitar á perfección certo tipo de insectos. Hai exemplos de plantas no que as flores non so imitan o aspecto da carne podre, con olor incluído, se non que ademáis son capaces de producir calor no interior da estructura floral facéndolle crer ó insecto que está entrando no interior dun cadáver en descomposición, e unha vez dentro non consigue máis que atopar os órganos femininos ou masculinos ós que contribuirá a polinizar. Pero ademáis de todo esto, as plantas teñen mecanismos en certas especies para recoñecer o seu propio polen, evitando así ser autofecundadas. Ademáis certas plantas son capaces de modificar á súa inversión ás distintas funcións sexuais, ou incluso cambiar de sexo ante certos factores ambientais. En xeral, asúmese que a función feminina é a máis costosa, porque ademáis de producir flores (ó igual que os machos) tamén teñen que madurar os froitos (aínda que con algunhas excepcións). Así, existe unha tendencia en certas especies dioicas a atopar ás femias nas mellores condicións (mais nutrientes, máis auga, etc) e os machos nas peores. Ademáis, debido ós diferentes costes reproductivos, machos e femias poden presentar diferencias na taxa de crecemento, na inversión ós diferentes órganos (raiz, follas, flores), aspectos morfolóxicos (ex. forma das follas) e mesmo fisiolóxicos (ex. fotosíntese). E vou parar aquí esta introdución “ó que fago”, que sempre é unha pregunta que me costa traballo responder, aínda que podería seguir falando do sorprendentes que as plantas poden chegar a ser, tanto que algúns investigadores falan da existencia de “intelixencia” vexetal, pola gran variedade de estratexias que usan para comunicarse con outras plantas, con insectos, ou para detectar futuros cambios nas condicións ambientais.


Un dos fans deste blog, preguntoume o outro día cal é o balance durante este ano en Oxford. Claramente o balance é positivo. Considérome unha privilexiada por ter a oportunidade de vivir esta experiencia, e estar nun sitio no que aprendo cousas novas tódolos días, e por ter asimesmo a sorte de que a miña outra metade tivese a valentía necesaria, e tamén a forza de vontade para acompañarme nesta aventura. Estou facendo o que quero e acompañada da persoa que quero, e iso é un privilexio, e síntome así cando son obxectiva, sen embargo, non é todo tan fácil, ou máis ben, eu son unha muller bastante complicada. A miña cabeza dalle moitas voltas ás cousas, ás veces demasiadas, e as presións profesionais, xúntanse cas emocionais, e as emocionais son múltiples e variadas. Isto resúmese en que ás veces, dependendo da cor con que mire o mundo ese día (que varía bastante a miúdo, como pode dar fe Xerardo), podo ter un barullo na cabeza interesante. Aproveito a ocasión para devolverlle os cumpridos a Xerardo, e dicirlle publicamente que eu tamén o quero moito, e que gracias por apoiarme, aturarme e estar comigo aquí. Non é cousa doada, e máis dunha vez o meu caos ten sufrido algún contratempo ca súa orde e perfección. Pero el xa sabe que, como dicía o abuelo, “as mulleres se non gañan empatan”. E finalmente non solo me “atura” (eu tamén o aturo a el ás veces) senón que tamén me agasalla con cumpridos e diversas sorpresas!!! tenme como se fose unha Raiña…

Outro tema interesante, é a volta. Algúns teñen intereses concretos, outros simplemente curiosidade. Ós que teñen intereses concretos, gustaríame que entendesen que na vida hai que tomar decisións, decisións que moitas veces (ou sempre) son o resultado da nosa experiencia vital. Eu tomei esta, e non por eso cambian os meus sentimentos, ou sufro de olvido permanente, ou me vou a quedar aquí de forma indefinida. Pero centrándonos no tema, a resposta a esta pregunta pode ser tan complexa como a vida mesma. Depende de moitos factores, pero sendo reductores, eu teño por un lado que estar fora de Galicia 24 meses, mínimo requerido para optar a futuras oportunidades e por outro lado, a miña financiación para estar aquí non é indefinida, e agora mesmo soamente teño unha prórroga de 6 meses da actual Bolsa que desfruto. Estou esperando a resolución de outras opcións que solicitei, e por suposto acepto proposicións de financiación, pero de momento, esto é TODO o que sei a día de hoxe. O futuro é incerto, e está en continuo cambio, cada decisión que tomamos por pequena que sexa, decanta a balanza cara un lado ou outro, secais de forma imperceptible no presente, pero con consecuencias tanxibles no futuro.

Outra anotación que me gustaría facer xa que teño a ocasión (e por se non me volven a deixar espacio neste blog) é recalcar o moito que se agradece na distancia as chamadas telefónicas ou polo interné, os correos con fotos ou con magníficas redaccións con todo luxo de detalles dos eventos máis significativos, as postais/regalos por correo ordinario, as visitas!!!! esas pequenas cousas que a algúns nos fan a “life easy”.