22/11/08

Un ano… non é nada?

“Veinte años no es nada”, cantaba Gardel. Si, xa sei que poñer o título desta canción é un recurso moi empregado e ademais afondar no tópico, pero é que me ven ao pelo para o que vos quero contar hoxe. Vinte anos non é nada, dicía eu que dicía el, e sen embargo levo xa unha tempada pensando no moito que che pode cambiar a vida simplemente dun ano para outro. Dun día para outro. Onte ía no tren e, aínda que andaba liado e moi concentrado (raro en min que adoito ter a cabeza en vinte sitios a un tempo) lendo cousas desas que lemos os que nos dedicamos a escribir o que logo leen os ordenadores, decidín recuperar esta miña autoimposta obriga de contar. Unha obriga que, hai que dicilo, algúns levades xa tempo botándome en cara que non cumpro. Se é que vos da un a man...

Pero xa me vou polos curutos de Cuspedriños, que xusto me acabo de inventar, xa que non sei que hai curutos en Cuspedriños, pero que soan moito máis galaicos que os Cerros de Úbeda. Pensaba dicía, desde hai xa unha tempada, no moito que a vida lle pode mudar a un en pouco tempo, e estes pensamentos veñen sendo máis asiduos na miña cabeza estes últimos días porque hoxe 22 fai un ano que me vin para Oxford de “vacacións”. O das vacacións poñoo entre comiñas porque, aínda que iso foi o que lles dixen a maior parte dos meus colegas e amigos do CTAG, cos que o ano pasado traballaba; e aínda que foi iso o que lle dixen por suposto ao meu por entón xefe, o meu amigo Jordi; o certo é que poucas vacacións tiven o ano pasado aquí. Vin para Oxford si, do 22 de novembro ao 13 de decembro, que ben me lembro. E fomos dar algún que outro paseo ata Londres Julia e máis eu nas fins de semana, e tamén é certo que demos algunha volta por Oxford si, pero o resto do tempo vacacións poucas. O obxectivo estaba claro e o plan xa en marcha. Para poder virme para onda Julia, precisaba un traballo aquí, e o plan non era outro que pelexar ata a extenuación para conseguilo.

O ano pasado a estas alturas levaba xa case mes e medio mandando currículos desde Galicia. Mes e medio revisando as páxinas web das multiples bolsas de emprego que aquí existen e “aplicando” (tradución libre, moi empregada polos españois que temos buscado choio aquí no UK, do “apply” inglés que se usa cando solicitas que te consideren para un emprego) a todas aquelas ofertas de traballo nas que eu pensaba que por estes ou estoutros dos meus coñecementos podia ter opcións.

Unha tolemia. Traballaba de oito e media a cinco e media (ou seis, ou sete, dependendo do traballo que houbese) e logo marchaba correndo para o meu piso ou para o de Xulio a revisar as ducias de correos, algúns con ata cen ofertas de emprego, que recibía todolos días. A tarefa remataba moitas veces á unha ou dúas da madrugada, e aínda así non foron un nin dous os días que, obsesionado, desistía de seguir na cama revisando correos imaxinarios nun estado de semiconsciencia e me erguía as tres ou ás catro da mañán para lle botar un ollo aos correos de verdade e mandar currículos e cartas de presentación se aparecía algunha oferta interesante.

Cando me vin de “vacacións” para Oxford, o que era o meu “hobby” de despois do traballo e noites de insomnio converteuse nun traballo a tempo completo. Tal e como a miña amiga Aida me dicía que lle pasaba co seu agora marido Juan cando ela se veu para o UK (el xa levaba aquí por aquel entón varios anos), a min pasábame tamén con Julia: levantábame antes ca ela, púñame a revisar ofertas e mandar currículos xa antes de que ela se erguese, estaba revisando ofertas e mandando currículos cando ela saía pola porta, e seguía revisando ofertas e mandando currículos cando ela ao cabo do día entraba de volta. Por suposto, logo de que ela xa estivese na casa, aínda seguía revisando ofertas e mandando currículos un bo cacho. Moitas veces ata que nos metiamos na cama.

Durante o día, as únicas paradas na rutina de revisar ofertas e mandar currículos eran para satisfacer as necesidades fisiolóxicas de reposición e disposición de fluídos e sólidos, para botar unha carreira ao longo do canal de Oxford e, por suposto, para atender chamadas de recruiters... cando as había. Para os que non o saiban, os recruiters son axentes de axencias de emprego. Nada que ver coas axencias de traballo temporal, por suposto. En España, xeralmente, mandamos os CVs ás empresas. En Galicia, en particular, aínda é do máis común ter un amigo, un familiar ou un coñecido que che mete o currículo na empresa para a que queres traballar de paso que di unhas palabras no teu favor. Aquí no UK móvese todo por axencias. As empresas non buscan xente pola súa conta, senón que recorren a axencias que son as que se encargan de, no medio de ás veces centos ou miles de currículos, seleccionar a unhas poucas persoas que a empresa entrevistará na procura da persoa que precisa. Se de entre eses a empresa contrata a un, a empresa pagaralle a axencia unha porcentaxe (normalmente segundo din entre o 10 e o 15 por cento) do que sera o teu soldo anual. Non e que cho desconten do teu soldo en absoluto. Simplemente o teu soldo anual da unha medida da valia da persoa que a empresa acaba de incorporar. En resume: se queres un choio, os axentes teñen que ter o teu currículo.

Con esta rutina, pois, os días viñan basicamente definidos pola cantidade de chamadas de recruiters recibidas e polas impresións recollidas das conversas con eles. Un día sen chamadas era un día sen esperanzas, un día malo. Un día con moitas chamadas era un día no que as portas parecían abrirse, no que o camiño a Oxford semellaba ter unha alfombra vermella. Un día no que chamaban poucos, e os poucos que chamaban aínda dicían que eu pedía moitos cartos (os meus queridos padriños no UK, Juan e Aida, dixeranme a cifra que lles tiña que pedir), que mirando ao meu currículo eu non tiña experiencia ningunha, que tiña que conformarme con ofertas que aquí no UK malamente dan para chegar a fin de mes, e que non me tirara da moto que había no mercado moitos, moito mellores ca min, era un día horrible.

O tema, en resumo, e que hai un ano o meu futuro era completamente indefinido. Tiña un traballo que me gustaba e no cal tiña practicamente asegurado un contrato fixo a medio prazo, pero quedarme nel supuña estar posiblemente dous anos lonxe da persoa á que quero. A miña situación económica resúmese en que despois de moito aforrar tiña uns catro mil euros na conta e que, se me decidía a virme para o UK aínda sen atopar choio, tiña que sobrevivir con iso (moi pouco, mirando aos prezos de aquí onde o aluguer máis barato non baixaba por aquel enton dos 900 euros ao mes) ata que atopase algo, que non sabia cando podia ser. Estaba a procura de traballo, pero non sabía que clase de traballo ía a atopar: que clase de empresa, que clase de xefe, que clase de compañeiros... Todo era indefinición, desasosego, incerteza... Sensacións que eu tomaba con toda a filosofía que podía e sempre por suposto procurando mirar adiante, pero que estaban aí. Ao final todo foi ben e a situación foi dun estremo ao outro.

Agora vivo todo contento coa miña Juliña aquí en Oxford e collo todo feliz a miña bicicleta todolos días (menos os xoves, que agora traballo desde casa) para ir ao choio, onde a verdade é que non me podo queixar de nada: o traballo gústame; o soldo, se ben non me vai facer rico, é considerablemente mellor que calquera dos que se poden atopar aí no noso querido e odiado país, e como tiven tanta sorte que atopei traballo xusto antes de vir, os meus catro mil euros de aí seguen na Caixa Galicia gardadiños (ou iso espero), e agora estan acompañados por unhas poucas libras que me teñen aquí gardadas os de Barclays; a empresa medra incluso agora que disque estamos en crise (cousa, o da crise, que non me acabo de crer, porque hoxe estivemos de compras aquí por Oxford e aquelo estaba inzado de xente a mercar coma descosidos); cada día somos máis na oficina, o cal axuda a facer medrar o meu nivel de inglés e hai alí xa algún que outro ao que creo que podo xa chamar amigo...

O que vos dicía: que vinte anos non serán nada pero a min, só este último ano, cambioume a vida unha morea. A mellor !!! ;)

No hay comentarios: