15/3/08

Un día en Londres

Son as 23:34h e estou no Oxford Tube (un autobús) camiño de Oxford. Hoxe erguinme algo máis tarde das 5:30h para poder coller o autobús a iso das 6:30h, así que agardo que o cansazo, aínda que poida minguar a calidade da miña narración, polo menos non a impida.

Collín o autobús tan cedo porque hoxe vin a Londres para unhas conferencias sobre desenvolvemento de software: o QCon. As conferencias estiveron realmente interesantes. Había unha morea delas simultáneas, polo que tiven que escoller as que me parecían en cada momento máis interesantes e asistir a esas deixando outras que me parecían así mesmo moi interesantes. Como dixo un dos participantes na mesa redonda coa que pechou o QCon London por este ano, cando un vai a unha conferencia agarda saír delas máis “wise”, tendo sacado rédito dos cartos que pagou para asistir. Pero, ao mesmo tempo, como dicía o home este, agradece saír sentíndose “dummy” porque escoitou cousas que lle fixeron pensar que non sabía tanto como cría saber e lle moveron os cimentos de ideas que cría ter asentadas. Eu saín sentíndome bastante máis bobo que listo, pero máis contento ca unhas pascuas de poder ter asistido a unhas conferencias con tanto nivel.

O QCon tiña lugar no Queen Elizabeth II Conference Centre que, en si mesmo, non ten nada de especial. Seguramente o de Santiago estea tan ben coma este ou incluso mellor. O centro en si mesmo, como digo, non ten nada de particular... agás que miras polas fiestras dun lado e ves a Abadía de Westminster e miras pola do outro e ves o parlamento. Iso... iso si que non hai cartos que o paguen. Incrible.

Agora ben. O QCon rematou ás 18:15h e son xa as 0:05h do sábado. Que fixen no medio? Pois quedei deambulando por Londres (Victoria Street, Victoria Station, Hyde Park, Picadilly Street, Picadilly Circus...) para logo cear nun libanés cos meus benqueridos Aida e Juan (os padriños da miña aventura británica) e tres amigos seus de Alicante. Recoméndovos a comida e a compañía. Ambos inmellorables.

Un día en Londres. Unha día redondo.

No hay comentarios: