10/3/08

Cumpreanos feliz

Hoxe é o seu cumpreanos e, vóuvolo a confesar, non lle merquei un regalo. Si, si... xa sei que debera pero, por diversas razóns, non me vou a estender explicando cales, non o fixen. Teño aínda un ou dous ases na manga, pero polo de agora son só ases. Non teño regalo.

Así que aquí me tedes: ás 18:18h, despois do traballo, no tren camiño de Oxford, tratando de encadear unhas palabras con outras a xeito de improvisado e pequeno agasallo e, cando penso en qué dicir, só se me ocorre unha cousa: grazas.

O primeiro seu cumpreanos que celebramos xuntos foi o número dezanove. Este, é o trinta (somos da mesma quinta). No medio, desde que comezamos a ser mozos ata o día de hoxe, pasaron once anos, oito meses e dezasete días (as beiras que antes lle fixen non constan a efectos “oficiais”) que foron sen lugar a dúbidas os mellores e máis intensos da miña vida. A lista completa dos bos e os malos momentos, daqueles dos que un goza cando os rememora e daqueloutros dos que se avergonza e lle corroen os adentros... a lista completa só a temos nós e nosa seguirá sendo, porque aínda querendo é imposible facer unha relación de tódalas pequenas e grandes situacións, de tódolos momentos compartidos. Pero si quero que saibades que todo pagou e paga a pena. Que, como lle repito cada vez que podo, me fai tremendamente feliz e que hoxe, que pon un ano máis na súa particular conta e muda ademais o primeiro díxito, a vexo máis fermosa que nunca e non podo senón darlle grazas por deixarme, a pesar de todo, seguir a tentar devolverlle sequera unha milésima parte da felicidade e o amor que me da.

Grazas, amor meu, e que cumpras moitos máis.


PD: ao final si houbo regalo... ;·)

2 comentarios:

mi dijo...

Felicita a Xulia da miña parte polo seu cumpreanos e por ser capaz de aguantarte dende hai 11...pobre rapaza!

mi dijo...

PDT. Cada vez que leo una entrada me sube el azúcar! ;-)