28/4/08

Preludio para outra aventura

Cando hai xa tres meses comecei a ceibar os meus pensamentos nesta caste de diario cibernético ao que algún angloparlante deu un día en chamar blog, fíxeno para lle facer chegar á xente que quero o que me pasaba nesta aventura que me trouxo á terra dos ingleses. Así, case indefectiblemente, os meus posts (que é como alguén, seguramente o mesmo que o que lle chamou blog ao blog, bautizou a cada unha das anotacións realizadas nestes diarios pendurados na rede) versan sobre as cavilacións e vivencias derivadas da tolemia que un día me levou a deixar un traballo que me facía feliz e atrás a case toda xente á que quero, e mercar un billete de avión rumbo ao descoñecido. Hoxe, como algunhas outras poucas veces, farei unha excepción e deixarei de falarvos da miña aventura para falarvos da de outra persoa, porque mañá cedo, coma tanta outra xente ao longo dos anos, coma min hai tan só tres meses, outra persoa marcha rumbo a onde a leva o destino. E, esta vez, esa persoa é miña irmá.

Isabel, Isa para todos os da casa, naceu o 22 de abril de 1985. Fixo disto o pasado martes xa 23 anos pero, e pese a que eu tiña daquela so 7, lembro coma se fose hoxe o momento, pola mañá cedo, no que meu pai entrou na habitación na que daquela eu e meu irmán durmiamos, cunha cara de felicidade que me quedou xa para sempre gravada alí onde se gardan os recordos, para nos espertar berrando “e unha nena!”. Un par de días despois, miña nai veu para casa traéndoa nos seus brazos e lembro que, ela que nunca paraba de traballar, foi desta volta para a súa habitación no canto de para a cociña ou a tenda. Sentou na cama, ensinóunola e recibiu a felicitación da miña avoa Carme. Ao pouco, díxonos que aínda non tiña nome e eu marchei a buscar un calendario no que consultei o santoral e fun subliñando e tachando nomes ata que, finalmente, lles propuxen un que me gustara e que todos aceptaron.

Non sei exactamente porqué, pero con miña irmá pasoume, nun grao maior, porque é miña irmá, o mesmo que un pouco máis tarde con miña prima Xiana. A Isa gustáballe estar comigo e a min con ela. Brincaba, saltaba, xogaba e sempre tiñamos un agarimo e un sorriso o un para o outro. Eu sentábame á entrada da tenda vella, na porta que había no grande estante de madeira que a configuraba, cos pés nun andel, as costas cara a madeira do marco, e o cu repousando nun pequeno saínte de apenas tres centímetros. Ela viña, sentaba nas miñas pernas estarricadas, e alí xuntos viamos a televisión mentres vixiabamos a tenda, na que algún cliente podía estar tomando un viño ou unha cervexa.

Vina medrar case desde o primeiro día. Desde aquel pequeno bebé que trouxo miña nai e ao que puxen nome, ata a muller valente e sensible que é hoxe, pasando pola nena que se chupaba o dedo mentres agarraba a súa mantiña, a que andaba sempre sucia e coas pernas cheas de feridas de non parar de xogar, ou a que choraba porque quería ir ao colexio antes da idade regulamentaria e estaba pendente de cando os nenos da escola saían ao recreo para se unir a eles.

Pouco a pouco, desde o momento en que eu marchei a estudar fora, a vida foinos separando fisicamente, pero o un sempre soubo que o outro estaba aí e, ao cabo, tiven a sorte de que confiase en min en moitos dos seus momentos de dificultade, ou de que me viñese a consultar que me parecían os seus deseños, consciente de que non lle regalaría un alago se eu cría que non o merecía, nin llo roubaría se me parecía merecedora del.

Agora vaise ela tamén. Unha parella de imbéciles e escuros decidiron que non lle querían renovar o contrato, cousa na que están no seu dereito aínda que se equivoquen, e foron tan covardes como para non avisala ata tan só quince minutos antes do seu vencemento. Lonxe de acovardarse, ela decidiu poñerse o mundo por monteira, mercar un billete de ida, e irse a procurar o seu soño (estudar deseño en Barcelona) alí onde a fortuna ven en forma de sol e praia pagados por turistas ingleses.

Ela, coma min, sabe que sairá ben. Sabe que, no peor dos casos, aínda que non atope traballo, ou que o atope e lle toque un xefe cabrón, ou que teña que soportar todo o día a idiotas vestidos de guiri, será toda unha experiencia da que de certo poderá extraer interesantes ensinanzas. Será algo que non esqueza e que só pode vivir se se arrisca e da o paso.

Eu estou certo de que sairá mellor. Penso que atopará traballo, que aprenderá moito, que se contaxiará do bo humor que produce ver día tras día un relucente sol no ceo, e que conseguirá os cartos que precisa para cumprir o seu soño, o cal non quita que seguramente teña que vencer as case inevitables dificultades iniciais, aquelas coas que todo aventureiro se atopa.

Pese a iso, pese a que estou seguro, quixen escribirlle este post para desexarlle boa viaxe e moita sorte aínda que, como lle dixo a súa amiga Nieves (á que por certo teño que coñecer, porque polo que conta miña irmá debe de ser un ceo de persoa), “a sorte vana a ter eles, miña nena, de terte alí”.


"Gerardito pop", por Isa Albela

No hay comentarios: