26/8/12

Suíza


Esta mañá erguinme ben cedo, ducheime, e ás 6:20AM xa lle estaba dando un bico á Julia (que por suposto estaba aínda na cama) e saíndo pola porta cara a parada do autobús, tirando de dúas maletas no meu camiño. Mentres, alá no horizonte, o sol aínda se pensaba se era xa tempo de alborear ou se sería mellor imitar á Juliana, apañar de novo a almofada, e darse outra voltiña entre as sabas da cama que a el as nubes lle facían alá por detrás das montañas, do outro lado do Lehman.

Nesta tesitura estaba, dicía, cando o volvín sentir de novo despois de moito tempo. Seguín cavilando no tema mentres agardaba o 18; logo, unha vez nel, fun mirando pola fiestra coa mirada perdida dándolle voltas, estrutura e forma na cabeza; despois no metro de Flon á estación pouco tempo me deu para pensar, pero para cando me din metido no tren, estaba xa decidido e non había outra saída que non fose a de se doblegar a ese vello amigo que chegaba de novo: o desexo irrefrenable de escribir e contar batíame no peito e no sentido, e había que satisfacelo sen demora.

Fun sen embargo capaz de retelo o suficiente para papar o meu almorzo (ensalada de apio, cenoria, tomate, laranxa e fiambre de polo)... porque desexo irrefrenable si, vello amigo tamén, pero a vaquiña polo que vale e ata o desexo irrefrenable o hai que alimentar con algo!

O caso é que mentres daba eu boa conta do meu dejeuner, que é coma lle din ao almorzo neste país, que o de petit-dejeuner foi invento de parisinos ricos que se erguían tarde e, Francia aparte, os países que xa falaban a lingua de Voltaire antes que esa moderna costume metropolitana aparecese, aínda lle chaman a esa comida coma Voltaire o facía. Daba eu conta do meu dejeuner, dicía, cando a cabeza, consciente de estar sendo ben alimentada, lle daba xa voltas e máis voltas ás cousas que había que contar.

Pensaba tamén en se seguirían aí e aínda interesados, despois de tanto tempo, os máis fieis lectores desta miña enferrunchada bitácora, coma Arturo ou Amparito (hai outros lectores que xa asumo que me van seguir lendo!). E pensaba, tamén, que tiña que escribir este post porque, a non moito tardar, habería polo menos outro par deles que debería escribir antes de partir cara á prochaine arrêt desta nosa viaxe, Caerdydd.


Pero, coma sempre, xa me estou indo polos pre-alpes suízos, que son un anaco máis altos que os cerros eses de Úbeda.


Ao que máis lle daba voltas eu na miña cabeza esta mañá é a como pasa o tempo: parece que foi aínda o outro día cando alá a comezos de ano lle estabamos dando voltas á posibilidade de vir a Lausana; parece que foi ao día seguinte cando o un de xuño Julia colleu o avión cara alí deixándome en Oxford; un día e pico despois cando o primeiro de xullo o collemos os dous xuntos para nos vir cara ao noso novo fogar lausanés... pero estamos xa a finais de agosto, dentro dunha semana a estas horas estaremos xa facendo sitio no bandullo para compartir coa familia, coma é tradicional, o xantar dos Dolores na Casa Sánchez-Vilas; e unha semana e pico despois teremos a Isabeliña de primeira visitante, e uns días máis tarde a Anitiña cunha amiga de segundas. De aí a Nadal non hai nada, pero vai a haber que facer sitio para outra mudanza polo medio. O tempo pasa endiañadamente rápido.


E esta nosa estancia Suíza está a ser unha experiencia ben interesante, certamente desafiante en moitos aspectos, e moi diferente ás outras que temos tido antes, como probablemente cabía agardar.

Por un lado está o idioma. Irse para a Inglaterra foi unha experiencia que nos puxo a proba nese sentido, pero o inglés que eu falaba incluso naqueles primeiros meses dábame para unha comunicación algo máis que básica e medianamente fluída. Por desgracia, ese non é o caso agora co francés. Por suposto, naqueles comezos británicos un remataba a xornada esgotado do puñetero inglés. Desexando descansar un pouco o cerebro falando en galego ou, incluso mellor, estando en silencio por uns momentos. Faise por iso ben raro o feito de que a un agora lle resulte... infinitamente! máis doado se comunicar nunha lingua saxona ca nunha romance e que a susodita lingua saxona lle supoña un descanso para o cerebro. Faise ben raro, digo, pero o caso é que así é! Podo dicir en 5 segundos o que me ás veces me leva 5 minutos en francés, co cal, pese a que sempre que podo me forzo a falar francés, un ten a tentación de se explicar/pedir/conversar en inglés cando sabe que a posibilidade está easily available.

É de tódolos xeitos ben interesante se atopar de novo con esa sensación frustrante de que a un lle falle a gramática, o vocabulario e a capacidade de pronunciación. A miña benquerida Martiña acordarase a ben seguro cun sorriso daquel Gerardiño que ela coñecera naquelas primeiras clases de inglés en CTAG, frustrado e enfadado consigo mesmo por non ser capaz de se explicar e, sobre todo, por non entender nin papa dos listenings que ela nos puña na clase. A parte positiva de que pasaran xa... case seis anos! desde aquilo, é que agora, coa perspectiva que dan os anos e a experiencia, un pode pensar “si Gerardiño si... fode ben non ter as capacidades que un quere... pero xa estiveches nesta situación antes, ben que aprendiches despois, e xa verás como aprendes tamén agora!”. A pena é que a experiencia británica trouxo asociado un traballo no que había que falar inglés, mentres que esta experiencia suíza “arrastra” (e... ¡bendito arrastre!, pero arrastre é ao fin e ao cabo) aínda aquel traballo inglés e prívame polo tanto dunha posibilidade única de practicar o idioma, crear un círculo social francófono, etc., etc.


E esa é precisamente outra das grandes diferencias e outro dos grandes desafíos desta estancia suíza. O feito de que estou aquí, pero non estou. Legalmente son un turista regular, que por uns meses está a pasar máis tempo no país das montañas e os lagos que no da campiña, pero que aínda mantén alí a súa residencia legal, o seu traballo, etc. Aquí en Lausanne traballo eu só; ben desde casa; ben desde algunha das mesas que regularmente okupo nun espacio para estudantes de máster que hai no edificio onde traballa Julia; ou incluso, ás veces, desde algunha mesa ao aire libre no cámpus, mirando ás montañas, ou desde a nosa terraza tomando o sol e mirando ao monte.

Dito así soa moi bonito e moi bucólico, sobre todo coas dúas últimas opcións de emplazamento da oficina que vos acabo de describir, pero o certo é que é unha situación ás veces ben difícil, sobre todo cando un, que ao fin e ao cabo é fillo de taberneiro, ten unha certa inclinación-por e necesidade-de interacción social.

A miúdo se me ten feito o tema complicado pero, como a min me gusta (cando son quen) velo todo en positivo, supoño que se supero as dificultades que a situación me poida presentar terei aprendido algo máis de min e dado un paso máis en autocontrol e capacidade de superación!?


En todo caso, a experiencia está a ser certamente positiva e a Suíza estanos a deixar ós dous un moi bo sabor de boca.

A xente aquí é moitísimo máis cercana que a do sur da Inglaterra: fálanche sen te coñecer de nada, pregúntanche se falas inglés, ou castelán, ou portugués... ou galego por suposto! se ven que non te defendes en francés; sorrinche; os conductores de autobús espérante se te ven correndo para o pillar; os veciños páranse e ofrécense a te levar no coche a calquera lado... Todo un cambio, certamente.

O clima non ten nin punto de comparación! Por fin un verán con calor e sol de verdade despois de catro anos e pico!!!!! Non sabedes ben o que pode chegar un a botar de menos o sol! Non me quero nin imaxinar, o que será vivir nun país escandinavo, por exemplo. Estes últimos dous meses, foron todo un cambio: paseimos practicamente a diario en camiseta de manga curta, pantalón curto e chancletas. Tomando o sol á hora de comer; durmindo unha soneca despois de xantar nun parque en Evian-les-Bains, Yvoire ou Morges; pegándome un baño no lago con Sergio en Pully; xantando con Julia estomballados nun prado en Gruyères...

A luz fai toda a diferencia do mundo. Sempre dixen que a única cousa que realmente odiaba do Reino Unido era a falta de luz solar no inverno e, sobre todo, eses ingleses días grises nos que non hai nin unha puñetera sombra, nin ás doce do mediodía. A luz é marabillosamente dramática aquí na Suíza! O clima é dramático! Toda esa tontería do British weather non é máis que o resultado dunha das cousas que os británicos, os ingleses en particular, saben facer mellor: publicitarse a si mesmos, facendo coma quen que falan mal de si mesmos. Understatement, que lle chaman eles a esa arte súa.

Boa parte da diferencia está, por suposto, na xeografía do terreo: dun landscape plano coma o do sur de Inglaterra un non pode agardar senón un clima plano; dun paysage recortado, escarpado, cheo de altos, baixos, lagos, lagoas, rios, regueiros, coma o suízo, un obtén un clima no que pode haber unhas nubes pola mañá, corenta e tantos graos ao sol a mediodía, unha calor que non se para pola tarde, e unha refrescante treboada con raios, tronos, e unha boa chuvieira (not just English showers) pola noite. Ten que estar ben interesante o inverno aquí. Pena que nos vaiamos ir xusto antes de que chegue.


E non me entendades mal, porque o que menos quero é “por a parir” nin á Inglaterra, nin ao Reino Unido, nin ás súas xentes. Hai unha morea de cousas polas que lle estarei eternamente agradecido a este país que aínda hoxe me acolle e me da traballo pero... aí os seus días grises!


En Lausanne, nesta época, o sol érguese saíndo de detrás dos Alpes que un vé do outro lado do lago, facendo figuras e proxectando cores e sombras cando o tapan as nubes. Nubes que moitas veces están practicamente a altura do que as observa, o cal da unha dimensión de espacio completamente diferente da que un ten cando as nubes están alá no alto. Coas nubes xoga o sol tolo día se elas se prestan, e se non se prestan ao xogo e se ausentan, entón el dedícase a quencer o lago para que os veciños que o rodean se poidan bañar. Ao rematar o día, ponse por detrás do macizo do Jura, mentres que a Juliana e máis eu ceamos na terracita da nosa humilde pero cuca morada helvética.

En Lausanne, cando un corre cara ao ximnasio polas mañás, un pode ver alá en baixo o Lehman, que algúns chaman Lago Xenebra e algúns outros (que a ver se adivinades de onde son) bautizaron coma “a Ría de Lousán”. O Lehman alá en baixo, cos prealpes franceses e suízos detrás... e, ás veces, se un ten sorte e o día está claro, branco e relucinte, sacando a cabeza por detrás dos pequechos da clase, aparece o Mont Blanc.


Vou rematar aquí xa porque, despois de ano e pico sen escribir, non imos queimar a pólvora toda nun día, que iso xa o fan nos Dolores de Vedra entre o mediodía e a noite.


O resumo de toda esta parola é que estamos realmente contentos do feito de que vai a haber unha seguinte parada, a terceira neste ano. Moi, moi, moi pero que moi contentos do motivo que propicia esa seguinte parada. Expectantes ante as posibilidades que Gales encerra. Pero... imos botar moito de menos Lausanne cando teñamos que deixalo. Podedes imaxinar que o imos botar de menos polo que vos levo contado xa, pero... é que aínda non contei a mellor parte!

No hay comentarios: