22/4/11

O corazón de Isabeliña

Creo que os que me coñecen un pouco, saben que eu son un tipo positivo. Os que me coñecen un pouco máis, sen embargo, saben que eu non son positivo, senón que sempre intento ser positivo. Os que me coñecen ben saben que o meu positivismo non é característica conxénita senón adquirida e que pelexei e pelexo ben duro, cada día, por mantelo nun nivel tan alto coma sexa posible.

Coma con todo o que fago, con moi contadas excepcións, a min as cousas non me saen de xeito natural, senón que me dan traballo (e moito) e só chego a lograr poder facelas a base de cabezonería (número un na lista de excepcións) e constancia. Algunha xente parece que a tiras de calquera xeito e cae de pé, pero eu para ben ou para mal non son deses. Tírasme e caio... coma lle cadre. Agora, iso si, caer caerei, pero levantar tamén me levanto. Levarame o que me leve e doerame o corpo enteiro... pero levantar levántome! Pero xa me vou (para variar) polos cerros de Úbeda.

Eu son un tipo positivo, dicía, pero ata eu, con todo o positivo que son, sei que hai cousas na vida que non se poden escoller. Se alguén vos quere dicir o contrario estavos a contar unha milonga. Sabe deus con qué intención.

Un dos exemplos típicos de cousas que un non pode escoller é a familia.

Un escolle aos seus amigos, din por aí con bastante razón (pódense contar centos de factores que inflúen e farían cuestionar a completa liberdade da nosa elección), pero non á familia. Esa ven dada. Esa éche asignada nunha lotería xenética na cal che pode tocar o gordo, un premio substancial, a pedrea, o “reintegro”... ou tamén te podes quedar con cara de parvo despois de te ter deixado o soldo do mes en billetes para o sorteo de Nadal para que non che toque nada ou, aínda peor, un premio que che acabe creando un cento de problemas.

A min, meus pais, meu irmán, sen lugar a dúbidas, hai hoxe 26 anos tocounos un premio dos grandes (non vou a dicir que nos tocou “a gorda”, porque ademais de non se axustar á realidade, probablemente lle sentaría mal): tocounos a Isabeliña.

Pero hai hoxe vinteséis anos, Isabeliña... non era Isabeliña.

Hai hoxe vinteséis anos, como xa contei noutro post, pola mañá cedo xusto cando tocaba erguerse para ir á escola, meu pai irrompeu na habitación na que meu irmán e máis eu durmiamos. A irrupción por si soa podía ser xa cualificada de excepcional, porque era sempre miña nai quen nos viña a erguer e vestir para ir á escola, pero máis excepcional aínda era o feito de que meu pai trouxese na súa faciana semellante sorriso de orella a orella (nunca vira nin vin a meu pai con tal expresión de felicidade na cara) cando entrou proclamando “é unha nena!!!”.

Para ser sinceros, non teño memoria de miña nai embarazada. Teño pola contra clarísima coma se fora hoxe a imaxe de meu pai entrando na nosa habitación, e diáfano é tamén o recordo de cando trouxeron á nena para casa. Miña nai por suposto non estará de acordo, pero a miña memoria dos acontecementos é que un día a nena, simplemente, apareceu. Coma os premios da lotería.

Claro é tamén o recordo de estar con miña nai ese día no que a nena chegou, os dous tirados sobre a colcha na cama de meus pais. Miña nai repousando e mirando para a nena, e eu cun almanaque consultando nomes de santas ata que, despois de mirar e mirar, suxerín que a nena aquela que meu pai proclamara ás catro paredes do noso cuarto e agora durmía na cuna na habitación de meus pais, fose chamada Isabel. Miñas tías rapidamente se encargaron de converter ese Isabel en Isabeliña, e outros (co tempo ela mesma) simplemente reducírono a Isa.

Ese día, cuxa data exacta eu non lembro pero que calculo sería arredor do 25, a nena converteuse en Isabeliña.


O día que meu pai entrou na nosa habitación tan contento eu contaba sete anos, tres meses e vinte días... situándome sen dúbida coma serio candidato ao Record Guiness de gañadores da lotería, o cal me fai pensar que non tería sido estraño que tivese desenvolvido unha ludopatía, ou afección semellante, tendo gañado un premio tan grande a unha idade tan precoz.

Non cabe dúbida que, ademais de positivo, son un tipo afortunado.

En todo caso (por favor non deixedes que me desvíe outra vez do tema), o certo é que sete anos e pico son unha diferencia de idade considerable e máis que suficiente para que exista iso que por aquí polas illas chaman generational gap. Certamente máis que suficiente para que dúas persoas que simplemente comparten carga xenética e viven na mesma casa, pero que poderían aparte diso non ter nada en común, puidesen coexistir na máis absoluta indiferencia mútua.

Pero quen coñeza un pouco a Isabeliña, sabe que iso con ela non é posible. Quen a coñeza un pouco máis saberá o porqué. E quen a coñeza ben preguntarase porqué non haberá máis Isabeliñas ciscadas polo mundo e pensará canto mellor nos iría se os políticos se preocupasen de incrementar o índice de Isabeliñas tanto como se preocupan por incrementar outros índice coma o do PIB.


Cando nena, era imposible que Isabeliña deixara indiferente a ninguén. Comezando polos nenos da escola de San Mamede, que supoño quedarían abraiados coa rapazola aquela que baixaba correndo, con zancadas máis longas do que ela mesma levantaba do chan, a xogar con eles na hora do recreo, e que para colmo dicía que quería ir á escola... moito antes de que por idade lle correspondese!

Isabeliña non paraba quieta un momento, era delgadiña, miúda, rápida coma unha centella.

Certo é que a Isa de hoxe ten o corazón máis inquedo do que as pernas, o que fai máis doado que poida pasar desapercibida se un non presta a debida atención. De seguro un pode percibir o movemento de extremidades (aínda que sexa difícil facelo con claridade cando estas se moven a velocidades coma as empregadas por Isabeliña cando baixaba ao recreo). Pero un tipo de visión ou sensibilidade distintos son requisito para percibir os movementos do corazón.

Son distintos si, pero o feito é que tanto as unhas coma o outro se moven, e o feito é que as cousas que tanto as unhas coma o outro nos permiten facer son certamente marabillas da nai natureza. A Usain Bolt as pernas permítenlle bater records do mundo (porque ninguén se molestou en cronometrar a Isabeliña cando baixaba ao recreo). A Isabeliña o corazón bátelle con tanta forza que lle resoa no peito, contraéndolle os músculos das fazulas non só a ela, senón tamén a aqueles que andan darredor e incluso a xentes situadas a grandes distancias. O sorriso que traía meu pai o día que anunciou a chegada da nena causábao con toda seguridade o corazón de Isabeliña, que ese día batía tan forte, recén chegado a este mundo como estaba, que desde o Xeral de Santiago lle puxo un sorriso a todos en Volteiro e media parroquia de San Mamede (unha porcentaxe insignificante da outra media queixábase de que Albela non cocese ese día).


O caso é que a min, que como sabedes vivo en Oxford e coñezo a investigadores facendo estudos sobre as cousas máis estrañas que vos poidades imaxinar, me estraña moito que ninguén aínda se decidise a lle dedicar unha tese doutoral a semellante fenómeno da natureza.

O outro día, sen ir máis lonxe, o corazón de Isabeliña, situado nada máis e nada menos que en Barcelona, provocou na miña faciana un cento de sorrisos consecutivos de orella a orella, seguidos estes por outras tantas réplicas, estando eu en Summertown, norte de Oxford.

Algúns destes académicos que fan traballos de investigación estranos quitaranlle importancia ao acontecemento. Dirán que os sorrisos non teñen a súa orixe no corazón de Isabeliña, senón na miña irracional reacción a un sobre cun par de anacos de papel escritos e unha foto metida nun envoltorio de plástico que chegaron nun sobre co nome de Isabeliña na parte de atrás. Pero eu ben sei que non: que foi o corazón de Isabeliña. Puiden sentilo! Supoño que será coma o que cré en Deus, que estás convencido de que existe, aínda que non o poidas explicar. A min pásame o mesmo con este fenómeno paranormal.

Alguén debería de poñer cartos para investigalo e intentar atopar unha explicación que permitise que o resto dos mortales aprendésemos a técnica, ou que fósemos se é preciso modificados para nos activar o xen do corazón reververante de Isabeliña, e puidésemos así actuar á súa imaxe e semellanza e esparcir sorrisos polo mundo.

A falla de estudos sobre o tema certamente non axuda, pero xa dixen ao principio eu son un tipo positivo, cabezón e constante, así que agora mesmo vou a comezar o entrenamento a ver se son quen de lle facer a Isabeliña o que ela a min. O discípulo intentando superar á mestra. Desde Bos Aires, ata Barcelona, intentando contraer músculos faciais con latidos de corazón. Cóncéntrate Gerardo! Ti podes!

Bum, bum, bum, bum, bum...

No hay comentarios: