Así que aquí me tedes: ás 18:18h, despois do traballo, no tren camiño de Oxford, tratando de encadear unhas palabras con outras a xeito de improvisado e pequeno agasallo e, cando penso en qué dicir, só se me ocorre unha cousa: grazas.
O primeiro seu cumpreanos que celebramos xuntos foi o número dezanove. Este, é o trinta (somos da mesma quinta). No medio, desde que comezamos a ser mozos ata o día de hoxe, pasaron once anos, oito meses e dezasete días (as beiras que antes lle fixen non constan a efectos “oficiais”) que foron sen lugar a dúbidas os mellores e máis intensos da miña vida. A lista completa dos bos e os malos momentos, daqueles dos que un goza cando os rememora e daqueloutros dos que se avergonza e lle corroen os adentros... a lista completa só a temos nós e nosa seguirá sendo, porque aínda querendo é imposible facer unha relación de tódalas pequenas e grandes situacións, de tódolos momentos compartidos. Pero si quero que saibades que todo pagou e paga a pena. Que, como lle repito cada vez que podo, me fai tremendamente feliz e que hoxe, que pon un ano máis na súa particular conta e muda ademais o primeiro díxito, a vexo máis fermosa que nunca e non podo senón darlle grazas por deixarme, a pesar de todo, seguir a tentar devolverlle sequera unha milésima parte da felicidade e o amor que me da.
Grazas, amor meu, e que cumpras moitos máis.
PD: ao final si houbo regalo... ;·)
2 comentarios:
Felicita a Xulia da miña parte polo seu cumpreanos e por ser capaz de aguantarte dende hai 11...pobre rapaza!
PDT. Cada vez que leo una entrada me sube el azúcar! ;-)
Publicar un comentario