30/11/08

Crisis NINJA

Xa descubrira hai tempo o blog deste home coa súa explicación das causas do que el bautizou como a "Crisis NINJA" que, de verdade, non ten desperdicio. A entrevista que Buenafuente lle fixo é unha boa introducción para intentar comprender as razóns que nos levaron a onde agora estamos. Seguro que vos gustará.


22/11/08

Un ano… non é nada?

“Veinte años no es nada”, cantaba Gardel. Si, xa sei que poñer o título desta canción é un recurso moi empregado e ademais afondar no tópico, pero é que me ven ao pelo para o que vos quero contar hoxe. Vinte anos non é nada, dicía eu que dicía el, e sen embargo levo xa unha tempada pensando no moito que che pode cambiar a vida simplemente dun ano para outro. Dun día para outro. Onte ía no tren e, aínda que andaba liado e moi concentrado (raro en min que adoito ter a cabeza en vinte sitios a un tempo) lendo cousas desas que lemos os que nos dedicamos a escribir o que logo leen os ordenadores, decidín recuperar esta miña autoimposta obriga de contar. Unha obriga que, hai que dicilo, algúns levades xa tempo botándome en cara que non cumpro. Se é que vos da un a man...

Pero xa me vou polos curutos de Cuspedriños, que xusto me acabo de inventar, xa que non sei que hai curutos en Cuspedriños, pero que soan moito máis galaicos que os Cerros de Úbeda. Pensaba dicía, desde hai xa unha tempada, no moito que a vida lle pode mudar a un en pouco tempo, e estes pensamentos veñen sendo máis asiduos na miña cabeza estes últimos días porque hoxe 22 fai un ano que me vin para Oxford de “vacacións”. O das vacacións poñoo entre comiñas porque, aínda que iso foi o que lles dixen a maior parte dos meus colegas e amigos do CTAG, cos que o ano pasado traballaba; e aínda que foi iso o que lle dixen por suposto ao meu por entón xefe, o meu amigo Jordi; o certo é que poucas vacacións tiven o ano pasado aquí. Vin para Oxford si, do 22 de novembro ao 13 de decembro, que ben me lembro. E fomos dar algún que outro paseo ata Londres Julia e máis eu nas fins de semana, e tamén é certo que demos algunha volta por Oxford si, pero o resto do tempo vacacións poucas. O obxectivo estaba claro e o plan xa en marcha. Para poder virme para onda Julia, precisaba un traballo aquí, e o plan non era outro que pelexar ata a extenuación para conseguilo.

O ano pasado a estas alturas levaba xa case mes e medio mandando currículos desde Galicia. Mes e medio revisando as páxinas web das multiples bolsas de emprego que aquí existen e “aplicando” (tradución libre, moi empregada polos españois que temos buscado choio aquí no UK, do “apply” inglés que se usa cando solicitas que te consideren para un emprego) a todas aquelas ofertas de traballo nas que eu pensaba que por estes ou estoutros dos meus coñecementos podia ter opcións.

Unha tolemia. Traballaba de oito e media a cinco e media (ou seis, ou sete, dependendo do traballo que houbese) e logo marchaba correndo para o meu piso ou para o de Xulio a revisar as ducias de correos, algúns con ata cen ofertas de emprego, que recibía todolos días. A tarefa remataba moitas veces á unha ou dúas da madrugada, e aínda así non foron un nin dous os días que, obsesionado, desistía de seguir na cama revisando correos imaxinarios nun estado de semiconsciencia e me erguía as tres ou ás catro da mañán para lle botar un ollo aos correos de verdade e mandar currículos e cartas de presentación se aparecía algunha oferta interesante.

Cando me vin de “vacacións” para Oxford, o que era o meu “hobby” de despois do traballo e noites de insomnio converteuse nun traballo a tempo completo. Tal e como a miña amiga Aida me dicía que lle pasaba co seu agora marido Juan cando ela se veu para o UK (el xa levaba aquí por aquel entón varios anos), a min pasábame tamén con Julia: levantábame antes ca ela, púñame a revisar ofertas e mandar currículos xa antes de que ela se erguese, estaba revisando ofertas e mandando currículos cando ela saía pola porta, e seguía revisando ofertas e mandando currículos cando ela ao cabo do día entraba de volta. Por suposto, logo de que ela xa estivese na casa, aínda seguía revisando ofertas e mandando currículos un bo cacho. Moitas veces ata que nos metiamos na cama.

Durante o día, as únicas paradas na rutina de revisar ofertas e mandar currículos eran para satisfacer as necesidades fisiolóxicas de reposición e disposición de fluídos e sólidos, para botar unha carreira ao longo do canal de Oxford e, por suposto, para atender chamadas de recruiters... cando as había. Para os que non o saiban, os recruiters son axentes de axencias de emprego. Nada que ver coas axencias de traballo temporal, por suposto. En España, xeralmente, mandamos os CVs ás empresas. En Galicia, en particular, aínda é do máis común ter un amigo, un familiar ou un coñecido que che mete o currículo na empresa para a que queres traballar de paso que di unhas palabras no teu favor. Aquí no UK móvese todo por axencias. As empresas non buscan xente pola súa conta, senón que recorren a axencias que son as que se encargan de, no medio de ás veces centos ou miles de currículos, seleccionar a unhas poucas persoas que a empresa entrevistará na procura da persoa que precisa. Se de entre eses a empresa contrata a un, a empresa pagaralle a axencia unha porcentaxe (normalmente segundo din entre o 10 e o 15 por cento) do que sera o teu soldo anual. Non e que cho desconten do teu soldo en absoluto. Simplemente o teu soldo anual da unha medida da valia da persoa que a empresa acaba de incorporar. En resume: se queres un choio, os axentes teñen que ter o teu currículo.

Con esta rutina, pois, os días viñan basicamente definidos pola cantidade de chamadas de recruiters recibidas e polas impresións recollidas das conversas con eles. Un día sen chamadas era un día sen esperanzas, un día malo. Un día con moitas chamadas era un día no que as portas parecían abrirse, no que o camiño a Oxford semellaba ter unha alfombra vermella. Un día no que chamaban poucos, e os poucos que chamaban aínda dicían que eu pedía moitos cartos (os meus queridos padriños no UK, Juan e Aida, dixeranme a cifra que lles tiña que pedir), que mirando ao meu currículo eu non tiña experiencia ningunha, que tiña que conformarme con ofertas que aquí no UK malamente dan para chegar a fin de mes, e que non me tirara da moto que había no mercado moitos, moito mellores ca min, era un día horrible.

O tema, en resumo, e que hai un ano o meu futuro era completamente indefinido. Tiña un traballo que me gustaba e no cal tiña practicamente asegurado un contrato fixo a medio prazo, pero quedarme nel supuña estar posiblemente dous anos lonxe da persoa á que quero. A miña situación económica resúmese en que despois de moito aforrar tiña uns catro mil euros na conta e que, se me decidía a virme para o UK aínda sen atopar choio, tiña que sobrevivir con iso (moi pouco, mirando aos prezos de aquí onde o aluguer máis barato non baixaba por aquel enton dos 900 euros ao mes) ata que atopase algo, que non sabia cando podia ser. Estaba a procura de traballo, pero non sabía que clase de traballo ía a atopar: que clase de empresa, que clase de xefe, que clase de compañeiros... Todo era indefinición, desasosego, incerteza... Sensacións que eu tomaba con toda a filosofía que podía e sempre por suposto procurando mirar adiante, pero que estaban aí. Ao final todo foi ben e a situación foi dun estremo ao outro.

Agora vivo todo contento coa miña Juliña aquí en Oxford e collo todo feliz a miña bicicleta todolos días (menos os xoves, que agora traballo desde casa) para ir ao choio, onde a verdade é que non me podo queixar de nada: o traballo gústame; o soldo, se ben non me vai facer rico, é considerablemente mellor que calquera dos que se poden atopar aí no noso querido e odiado país, e como tiven tanta sorte que atopei traballo xusto antes de vir, os meus catro mil euros de aí seguen na Caixa Galicia gardadiños (ou iso espero), e agora estan acompañados por unhas poucas libras que me teñen aquí gardadas os de Barclays; a empresa medra incluso agora que disque estamos en crise (cousa, o da crise, que non me acabo de crer, porque hoxe estivemos de compras aquí por Oxford e aquelo estaba inzado de xente a mercar coma descosidos); cada día somos máis na oficina, o cal axuda a facer medrar o meu nivel de inglés e hai alí xa algún que outro ao que creo que podo xa chamar amigo...

O que vos dicía: que vinte anos non serán nada pero a min, só este último ano, cambioume a vida unha morea. A mellor !!! ;)

6/11/08

1 year… and counting!!!

Fai un ano que cheguei a Oxford, eu, que non son o autor deste blog, senón segundo ás súas palabras a razón pola que estamos aquí. Hoxe róubolle este espacio ou máis ben, acepto a súa proposición para contar unhas palabras. A miña capacidade de síntese é bastante grande, así que non esperedes un relato como ó que estades acostumados, aínda que farei un esforzo.

Todos sabedes máis ou menos ás razóns polas que vin para Oxford, debido á miña teima por seguir a facer o que quero, aprender novas cousas e entender un pouco máis o que nos rodea. Entre outros moitos intereses científicos, unha das miñas principais preocupacións aquí é intentar entender por qué os sistemas sexuais das plantas con flor son tan diversos. Se estás interesado en coñecer algunhas das miñas motivacións sigue lendo a parte entre comiñas senón, salta esta parte e continúa máis abaixo.


As flores, as estructuras reproductoras das anxiospermas, presentan unha enorme variación en comparación coas mesmas estructuras noutros organismos, e isto ten suscitado un enorme interese no campo da bioloxía. Sen embargo, a pesares da atención prestada, aínda hoxe en día non está claro cales son as razóns polas que as plantas con flor teñen evolucionado de tan diversas maneiras para alcanzar unha mesma función, que se limita a reproducirse con éxito. Unha grande maioría das plantas con flor (anxiospermas) son hermafroditas, coa maioría das especies producindo flores que conteñen ambos órganos sexuais: masculinos (estames) e femininos (pistilos). En contraposición, so aproximadamente un 10% das especies, teñen flores unisexuais. Cando unha mesma planta presenta flores so masculinas e flores so femininas, o sistema sexual coñécese como monoecia, mentres que se coñece como dioecia o sistema sexual no que os sexos (flores masculinas e flores femeninas) están separados en plantas distintas. Pero combinacións máis complicadas son tamén posibles. Posto que as plantas non se poden mover, dispoñen de outras estratexias para reproducirse, como producir masivas cantidades de polen para ser transportado polo aire; pero tamén de formas mais eficientes, a través de principalmente insectos, que conquistan con perfumes, colores ou formas, e ós que ofrecen recompensas en forma de néctar. Ás orquídeas, por exemplo, son coñecidas por imitar á perfección certo tipo de insectos. Hai exemplos de plantas no que as flores non so imitan o aspecto da carne podre, con olor incluído, se non que ademáis son capaces de producir calor no interior da estructura floral facéndolle crer ó insecto que está entrando no interior dun cadáver en descomposición, e unha vez dentro non consigue máis que atopar os órganos femininos ou masculinos ós que contribuirá a polinizar. Pero ademáis de todo esto, as plantas teñen mecanismos en certas especies para recoñecer o seu propio polen, evitando así ser autofecundadas. Ademáis certas plantas son capaces de modificar á súa inversión ás distintas funcións sexuais, ou incluso cambiar de sexo ante certos factores ambientais. En xeral, asúmese que a función feminina é a máis costosa, porque ademáis de producir flores (ó igual que os machos) tamén teñen que madurar os froitos (aínda que con algunhas excepcións). Así, existe unha tendencia en certas especies dioicas a atopar ás femias nas mellores condicións (mais nutrientes, máis auga, etc) e os machos nas peores. Ademáis, debido ós diferentes costes reproductivos, machos e femias poden presentar diferencias na taxa de crecemento, na inversión ós diferentes órganos (raiz, follas, flores), aspectos morfolóxicos (ex. forma das follas) e mesmo fisiolóxicos (ex. fotosíntese). E vou parar aquí esta introdución “ó que fago”, que sempre é unha pregunta que me costa traballo responder, aínda que podería seguir falando do sorprendentes que as plantas poden chegar a ser, tanto que algúns investigadores falan da existencia de “intelixencia” vexetal, pola gran variedade de estratexias que usan para comunicarse con outras plantas, con insectos, ou para detectar futuros cambios nas condicións ambientais.


Un dos fans deste blog, preguntoume o outro día cal é o balance durante este ano en Oxford. Claramente o balance é positivo. Considérome unha privilexiada por ter a oportunidade de vivir esta experiencia, e estar nun sitio no que aprendo cousas novas tódolos días, e por ter asimesmo a sorte de que a miña outra metade tivese a valentía necesaria, e tamén a forza de vontade para acompañarme nesta aventura. Estou facendo o que quero e acompañada da persoa que quero, e iso é un privilexio, e síntome así cando son obxectiva, sen embargo, non é todo tan fácil, ou máis ben, eu son unha muller bastante complicada. A miña cabeza dalle moitas voltas ás cousas, ás veces demasiadas, e as presións profesionais, xúntanse cas emocionais, e as emocionais son múltiples e variadas. Isto resúmese en que ás veces, dependendo da cor con que mire o mundo ese día (que varía bastante a miúdo, como pode dar fe Xerardo), podo ter un barullo na cabeza interesante. Aproveito a ocasión para devolverlle os cumpridos a Xerardo, e dicirlle publicamente que eu tamén o quero moito, e que gracias por apoiarme, aturarme e estar comigo aquí. Non é cousa doada, e máis dunha vez o meu caos ten sufrido algún contratempo ca súa orde e perfección. Pero el xa sabe que, como dicía o abuelo, “as mulleres se non gañan empatan”. E finalmente non solo me “atura” (eu tamén o aturo a el ás veces) senón que tamén me agasalla con cumpridos e diversas sorpresas!!! tenme como se fose unha Raiña…

Outro tema interesante, é a volta. Algúns teñen intereses concretos, outros simplemente curiosidade. Ós que teñen intereses concretos, gustaríame que entendesen que na vida hai que tomar decisións, decisións que moitas veces (ou sempre) son o resultado da nosa experiencia vital. Eu tomei esta, e non por eso cambian os meus sentimentos, ou sufro de olvido permanente, ou me vou a quedar aquí de forma indefinida. Pero centrándonos no tema, a resposta a esta pregunta pode ser tan complexa como a vida mesma. Depende de moitos factores, pero sendo reductores, eu teño por un lado que estar fora de Galicia 24 meses, mínimo requerido para optar a futuras oportunidades e por outro lado, a miña financiación para estar aquí non é indefinida, e agora mesmo soamente teño unha prórroga de 6 meses da actual Bolsa que desfruto. Estou esperando a resolución de outras opcións que solicitei, e por suposto acepto proposicións de financiación, pero de momento, esto é TODO o que sei a día de hoxe. O futuro é incerto, e está en continuo cambio, cada decisión que tomamos por pequena que sexa, decanta a balanza cara un lado ou outro, secais de forma imperceptible no presente, pero con consecuencias tanxibles no futuro.

Outra anotación que me gustaría facer xa que teño a ocasión (e por se non me volven a deixar espacio neste blog) é recalcar o moito que se agradece na distancia as chamadas telefónicas ou polo interné, os correos con fotos ou con magníficas redaccións con todo luxo de detalles dos eventos máis significativos, as postais/regalos por correo ordinario, as visitas!!!! esas pequenas cousas que a algúns nos fan a “life easy”.

12/10/08

Felicidades, Pilara

Algunhas das súas clientas chámanlle Pilara, e a ela non lle importa, pero non lle gusta que eu llo chame, así que chámollo para chinchala. Tamén para chinchala ás veces non lle dou bicos cando mos pide, aínda que ultimamente, co conto de estar non só fora de casa, senón tamén lonxe e de vernos pouco (non sendo ao través do interné) como consecuencia, cando vou déixolle que abuse bastante de min, porque sei que os mimos lle gustan. Así a recordo desde sempre: mimosa e amorosa. Tanto a min coma a meus irmáns, sempre nos quería un bico, sempre nolo daba, sempre quería unha aperta. Aínda a quere.

Probablemente se dalgo naceu sobrada, é de amor. Sempre nos contaba con orgullo como, cando cobrou o seu primeiro soldo despois de traballar polo verán nunha pastelaría da Calderería, o dedicou a lle mercar un bo regalo (creo lembrar que unha vaixela) para os seus pais. Non nolo contaba coma unha forma de se gabar, nada máis lonxe da súa intención, senón coa de nos facer ver que quizais o valor máis grande dos cartos sexa o de poder con eles facer feliz á xente que queres. Que a maior recompensa ás horas que un pasa a diario gañándose o soldo é a de velo ben investido na felicidade dos que te rodean. Neste tema predicou sempre coa palabra e o exemplo, así que probablemente este verán, cando Isabeliña se foi para Formentera a buscar o financiamento para a súa aventura catalana e decidiu mercarlle un colar e uns pendentes e enviarllos por correo desde alá, viu o efecto das súas palabras e os seus actos reflectidos na súa prole e estou seguro de que non podía evitar sentirse orgullosa ao tempo que se dicía preocupada por “canto ghastaría esta nena nisto porque... é tan bonito! Moito lle tivo que custar. Esta rapaza...”. Por un lado orgullosa de ter ensinado tan ben aos seus fillos. Por outro, preocupada por ser causa de gastos para a súa filla, que marchara tan lonxe, a unha illa tan pequena, precisamente para non ter gastos e si ingresos e así xuntar cartos para financiar a súa aventura, o seu soño, de se ir a estudar a Barcelona.

Pilara naceu en Silleda, e andivo de casa en casa con seus pais e seus irmáns ata que recalaron definitivamente en Santiago, onde estudiou “nas Huerfanas”, coas monxas, das que recorda sempre as peliculas de Marisol e Rocio Durcal que lles proxectaban e como un día se lle desencaixou a mandíbula rindo e tiveron que colocarlla no sitio despois de se quedar un bo cacho, literalmente, “coa boca aberta”. Logo estudou enfermería, pero nunca chegou a exercer porque coñeceu a meu pai, un 15 de agosto na festa de Lestedo, casou con el con dezaoito anos, e por amor seguiuno ata o fin do mundo, que para ela veu quedando en Volteiro. Cunha casa da que se facer cargo, unha morea de traballo por facer, os tres fillos que vinhemos por sacar adiante e o pouco coidado que esta mulleriña ten de si mesma, a fermosa moza morena de longo pelo negro acibeche e cintura de avispa que aparece nas fotos foise pouco a pouco transformando na muller que hoxe moitas veces, cansada de traballar “coma un burro”, se deita a repousar no sofá, no canto de se ir a descansar para cama, para ao pouco seguir a traballar e traballar. O vale para o balneario que lle regalei hai dous anos gastouno pouco antes do cumpreanos do ano pasado. O que lle regalamos o ano pasado, se non me engano, está aínda sen gastar porque, a última escusa, “hai que vendimar” e “Mondariz queda tan lonxe e sempre hai traballo que facer” (a ver se son capaz de facer que me veña a visitar, porque Oxford queda máis lonxe que Mondariz). Non pide para ela, senón para os seus, e só a teño visto queixarse en momentos de absoluta desesperación. Con este currículo estou seguro de que o meu primo terceiro político Arturo, que é un home observador e metódico de método científico antropolóxico, probablemente a clasificaria, coa miña sogra, no apartado de “santas” no que creo ten xa un bo feixe de mulleres (e uns poucos homes) encadrados.

Hoxe está de aniversario e santo e probablemente, aínda que diga que está contenta porque seus fillos están ben e cada un está onde quere e que o peor sería que quixesen estar en tal ou cual sitio pero non puidesen porque estivesen enfermos ou porque as cousas non lle saisen ben, probablemente digo botará de menos que nos xuntemos todos para xantar, sacar do conxelador unha tarta de whisky, ponerlle unhas velas que soplar para a foto e tomala logo mollada en “control”. Eu estou cos ingleses, Isabeliña cos cataláns, e será moi probablemente unha das poucas veces que non nos teremos xuntado todos neste día (creo lembrar que tampouco estiveramos todos cando Julia e máis eu foramos de viaxe á Arxentina, pero non estou seguro). Eu tamén botarei de menos estar con ela, e o certo é que me sinto un pouco culpable porque pensamos en ir para este día, despistámonos de mercar os billetes e finalmente o prezo subiu moito e descartámolo. Seguramente a ela lle tería gustado moito que estivesemos alí, pero estou seguro de que tamén lle fará moita ilusión, agora que manexa o ordenador con destreza, atopar isto colgado do meu blog, leelo, probablemente ensinarllo ou comentarllo aos da familia, e despois darnos unha chamada cibernética para nos dicir que “mira ti o que me escribiron estes” e que “somos o diaño, que non dixemos nada e lle puxemos isto no interné”.

Cando eu tiña uns doce anos e meu irmán arredor de dez, uns veciños crearon unha asociación cultural para recuperar a figura do poeta e novelista Benito Losada-Astray, que viviu no s.XIX no que nos coñecemos como a casa "da Granxa”, xusto ao carón da capela do San Brais, a apenas cen metros da nosa casa, e convocaron un concurso de traballos escolares acerca del. Ela animounos varias veces a escribir algo para o concurso pero, ao se enterar o día antes de que pechara o prazo de que ningún dos dous escribiramos nada e de que non pasaba polos nosos plans facelo, púxose feita un basilisco, e díxonos que quen lle dera a outros rapaces ter a cabeza e mans sanas que nós tiñamos para poder escribir algo e así presentarse ao concurso, e que non nos moveramos de onde estabamos ata que tivesemos o traballo escrito, así que a min e a meu irmán non nos quedou outro remedio que poñer cabeza e mans á obra.

Sendo escritos nunha tarde os traballos non podían evidentemente ter moita calidade, pero logo entereime por un espía de que cando os tres premios estaban xa practicamente decididos o medico Portela, que formaba parte do xurado e parece ser que apartara o meu traballo para un lado despois de ler algo no que os outros non repararan, leu en viva voz o meu peche adicado ao rescate da memoria de Don Benito e ao traballo que a asociación estaba a facer nese senso. A lectura, din, foi saudada cun aplauso e, ao final, ese peche e a mala hostia de Pilara valéronme un terceiro premio dotado cun cheque para libros co que me comprei se mal non lembro un dicionario e a Crónica de España. Meu irmán non tivo tanta sorte, pero seguro que a lección lle veu tan ben coma a min.

Cóntovos esta historia porque me parece que merece a pena e porque, como en aquela ocasión co concurso, desta volta non tiña tampouco moitas ganas de me poñer a escribir nada e case ía a pasar. Logo recordei a súa lección daquel día e, como sei que lle vai a gustar probablemente máis que un bono para o balneario de Mondariz (que de todas formas non gastaría como mínimo ata o cumpreanos que ven), aquí me puxen diante do ordenador a escribir estas catro palabras onte pola noite xa a última hora e hoxe pola mañá a primeirísima. Esta vez non haberá xurado, non estará o médico Portela (en paz descanse) para ler un anaco de viva voz, e probablemente o texto, escrito de novo ás carreiras e coma quen di “nunha tarde” terá a mesma baixa calidade que aquel traballo sobre Benito Losada pero, polo menos, podo asegurar que terá o mesmo sentido ton daquel peche e, tan sequera, espero con el apañar outro terceiro premio (seguro que os meus dous irmáns se locen máis ca min) aínda que este veña non con cheque para libros senon con apertas diferidas da Pilara.

Felicidades, mamá.

26/9/08

Albela

Extracto dunha conversa cibernética esta mañá con Girish, o meu companeiro de Adeptra chegado da India hai apenas uns meses:

(10:25 AM) Girish Kamath: do u know what Albela means in hindi?
(10:25 AM) Gerardo González: no I don't
(10:25 AM) Girish Kamath: It means "Someone different in a special way"
(10:25 AM) Girish Kamath: u are special 

Bonito eh? ;)

Traducción para os que non entendan o inglés:
(10:25 AM) Girish Kamath: sabes o que significa Albela en hindi?
(10:25 AM) Gerardo González: non, non sei
(10:25 AM) Girish Kamath: significa "Alguén diferente dun xeito especial"
(10:25 AM) Girish Kamath: ti es especial 

10/8/08

Un día

Un, por sorte ou por desgracia, non escribe cando un quere ou cando o queren os lectores do seu blog, senón cando llo piden as tripas.

Cando todo vai ben, cando nada se sae do común e o sentimento non e de tristeza nin de ledicia, cando as follas da arbore non se moven, a un non lle soe dar por poñerse a vomitar palabras no ficticio papel que lle amosa a pantalla do ordenador. Pero hoxe non é un día normal, senón un deses nos que che parece que todo quere saír do revés e que vas a ter que coller ao día polos pes e darlle a volta para poder superalo. O sábado rompéronme dous radios da bici e, sen contalo, tiven que deixala no taller, co cal o luns tiven que traballar desde casa pese a que non tiña pensado facelo. Foi un día de moitísimo bochorno, e o certo e que botei de menos estar na oficina, coas miñas dúas pantallas enfronte e Noel ao outro lado agochado tamén tras das súas. Onte si fun a oficina pero, cheguei tardísimo porque o luns puxera o espertador para cinco minutos antes das oito no canto de cinco antes das sete. Ademais non me preguntedes porqué, pero tiña o día tonto e tiven que me pelexar durante toda a xornada cun problema que nun día normal resolvería en media hora.

Hoxe... Hoxe o día parecía que comezaba ben. Soou o espertador á súa hora, remoloneei dez minutos, fun ao baño e ducheime e acicaleime, e cando saín comprobei que quedaban aínda mais de dez minutos para as oito, co cal tiña tempo abondo para chegar ao tren das oito e dez. Botei colonia, collín a chaqueta e o móbil, dinlle un bico e unha aperta a miña Xulia, baixei, collín a bici e marchei paseniño cara a estación, a cal cheguei “plenty of time” para coller o tren.

Todo parecía ir ben ata que, despois de amarrar a bici co candado, metín a man no peto e me din conta de que deixara na casa os tíckets do tren e o bus. Bueno, Gerardo. Non pasa nada, díxenme mentalmente, pagamos uns para hoxe e ao carallo. Penso dous segundos, meto a man no outro peto e, efectivamente, tampouco hai carteira. Nese momento sentín o súpeto impulso de lle dar unha patada a bicicleta, pero botei de contas que se lla daba igual lle rompía outros dous ou tres radios, quedaría sen bicicleta ademais de sen carteira, tería que volver a traballar desde casa, e despois estaría máis cabreado aínda. Finalmente non lla dei, pero comprendede o conato de agresión ao meu vehículo, porque non sei se esta relacionado ou non coa cana que Xulia me atopou a semana pasada na cabeza, pero xa non é a primeira vez que me deixo os tíckets na casa, aínda que as outras veces me pasara nas fins de semana, cando imos a algures casualmente no tren, e non teño mecanizado o proceso de “vou á oficina, teño que coller os tíckets”. Eu son un home de rutinas que, unha vez deseñadas e asimiladas, adoitan funcionar e facerme a vida moito máis fácil. Isto dos tíckets e a carteira foi unha verdadeira mala xogada.

Descartada a patada a solución, pois, a única posible, consistiu en montar de novo na bicicleta, volver a casa, e coller tíckets e carteira. Así que iso fixen: volvín con calma para casa, como tentando calmar ao Gerardo da patada, collín tíckets e carteira, e fixen tamén unha parada técnica para lle dar aire as rodas da bici (porque na tenda mas deixaron con menos presión do que a min me gusta), antes de volver tamén con calma para a estación de tren. Nunca levo reloxo de pulso (a pesares de que me regalou un precioso miña madriña cando lin o proxecto fin de carreira) e tiña o móbil metido no peto que lle corresponde na mochila, así que non sabía con exactitude que hora era, pero eu pensaba que tiña tempo acorde ás miñas estimacións así que, a pesares de que pensei “agora o que me faltaría sería perder o tren polos pelos”, tamén pensei “xa sería demasiado, non pode pasar todo xunto no mesmo día”, así que baixei da bicicleta con calma, engancheina aos ferros de novo e dirixinme andando cara a estación.

Nada mais entrar pola porta, vin no anden 1 o que intuía era o meu tren. Mirei o reloxo da estación: 8:41. Hora de saída do meu tren: 8:42. Corrín. Saquei rápido o tícket do meu peto. Pasei a barreira. Corrín de novo. Cando estaba a dous metros delas, as portas do tren pecháronse e un dos empregados da estación, nun inglés cun ton nada educado dime: “Demasiado tarde”. Perdera o tren. Polos pelos.

Xurei nun par de idiomas polo menos pero, evidentemente, non me serviu de nada, así que puxen os xuramentos no mesmo caixón que a patada e senteime a agardar ao seguinte tren, que por sorte non tardou moito. Decidinme a vos contar isto cando xa dentro del me sentei, nun asento con mesa, fronte a unha señora sen pinta de coidar moito a súa dieta e que ía mollando os seus dedos con madalena nun vaso de cartón xigante contendo ata o mesmo borde unha especie de leite con Cola-Cao barato que seguramente pagaría a prezo de ouro e que non sei porque, porque eu non me mareo nunca, pero me está case a dar ganas de vomitar, ao tempo que me fai temer polo meu portátil e o do señor que se senta ao meu carón, enfronte á señora. E xa sería a hostia que agora, o leite con Cola-Cao...


PD: escrito o mércores 30 de xullo de 2008 e non publicado ata hoxe, domingo 10 de agosto, día do San Campio.

23/6/08

Andrés

Aínda que cando es pequeno che parece que os maiores non saben tanto como din (e seguramente é verdade), o certo é que logo te vas dando conta de que hai unha serie de cousas que só se aprenden co paso do tempo.

Cando es un neno queres medrar, ser coma os maiores: facer o que eles fan, levar a súa roupa, conversar de igual a igual con eles... Fáiseche longuísimo o tempo que tes que agardar por cada un dos pasos no teu camiño cara a túa “madurez”. Cara a un sitio do que moitos quererán logo escapar coa mesma intensidade coa que desexaron chegar.

Unha das maiores e máis importantes ensinanzas que calquera cos ollos abertos aprendera no camiño é que o seu camiño, coma todos, ten un final. Cando es un rapaz todo semella inmutable: os teus pais están ai cada día, os teus avós, tíos, primos... As modificacións á túa rutina diaria adoitan chegar en forma de adición e non de substración. Persoas novas, experiencias novas, aparecen na túa vida: outro irmanciño, novos compañeiros, andar en bicicleta, a escola.

Un día descobres que iso non e sempre así e, un día, no canto dunha persoa máis hai unha menos. A cousa cambia pero, de tódolos xeitos, a circunstancia mais habitual é que esa persoa sexa maior (se non o é, ti es un neno, polo que normalmente procuran ocultarcho) así que, simplemente, o asumes coma un paso máis, este aínda moi lonxano. Moito máis lonxano que calquera dos que tanto che tardan en chegar, dos che vai a levar tanto tempo dar. Non hai de que preocuparse.

Un día, tócalle o turno a alguén xoven. Pode ser simplemente non moi vello, como arredor dos cincuenta, pero o golpe de atención adoita ser máis efectivo se rolda a túa idade, e aquí si me deixa abraiado a capacidade de algúns para pechar os ollos e dicir para si mesmos: “isto non me pode pasar a min”. “Eu non tería ese accidente”, “eu bebo, si, pero controlo, a min iso non me pasa”, “tiña que ir despistado, porque el dominaba o coche moi ben, non sei como lle puido pasar iso nesa curva”, “eu como san e fago moito deporte, ela non se debía de coidar moito, porque aos seus anos non e fácil ter esa enfermidade”... Moita xente vive sen conciencia de que, un día, lles tocará a eles e iso impídelles ver máis alá do aquí e agora. Impídelle vivir a vida con intensidade e sen se preocupar por cousas que, se as miras coa debida perspectiva, non teñen maior relevancia. Un dos escritores e articulistas dos que mais gusto, Arturo Perez Reverte, ten sostido nas súas entregas en El Semanal que a nosa sociedade ten unha capacidade incrible para camuflar a morte e facer coma se esta non existise. Non está permitido que a morte apareza pola televisión e, como é sabido, se non aparece no televexo non existe. Ás veces, escoitando certos comentarios e observando certos comportamentos non me queda máis que lle dar a razón.

Todas estas reflexións e circunloquios véñenme á cabeza porque, desde o pasado martes día 10 as 6 da mañá, nos falta Andrés.

Andrés era, coma min, da quinta do 78 e eu coñecino na universidade. De feito, foi a primeira persoa á que coñeceu Juan, o meu amigo da alma, na escola de Teleco. Aquel primeiro día de clases de setembro do 96, no descanso despois da primeira, debían de ser sobre as cinco da tarde, eu xa estaba fora no pasillo completamente descolocado polo novo e complicado mundo no que me acababa de atopar, cando saíu Juan, con mais ou menos a mesma cara de circunstancias ca min, pero acompañado por un tipo alto e delgado, cunhas gafas de montura metálica enormes, cun sorriso de orella a orella e que se comunicaba a voces. “Este é Andrés”, dixo Juan, e chocamos as cinco.

Ese era Andrés, polo menos para min entonces, en poucas palabras, e falando do aspecto externo. Porque se falamos do resto eu, que non son precisamente a persoa que mellor o coñecía, teño que engadir polo menos tres cousas: constante, boa xente e xenial.

Xenial tiña que selo a narices aínda que só fose por como sacou a carreira: en pouco máis de cinco anos e cun expediente brillante repleto de matrículas e sobresaíntes. Teleco non é unha carreira doada e diso podo dar fe eu, que me levou unha punta de anos acabala, pero el tiña unha capacidade especial para visualizar os problemas e atopar as solucións. A el foi á primeira persoa á que lle escoitei falar de moitas das tecnoloxías coas que hoxe eu traballo.

Cando estaba xa a piques de rematar a carreira, xa só co PFC pendente, decidiu que, despois de ter deixado a carreira de piano a medio acabar ao entrar na universidade, quería rematala e converterse en concertista de piano. Decidiu que, despois de lle dedicar seis anos da súa vida a facer unha carreira coma Teleco, lle quería dedicar a súa vida á música. É ou non é unha decisión propia dun xenio? Por desgraza, logo decatouse de que para chegar a onde el pretendía non só precisaba traballo e esforzo (para iso tiña capacidade abondo) senón tamén soporte económico, polo que decidiu buscar un choio propio de telecos, pero non deixar de lado a musica, á que amaba.

Cos anos cheguei a vivir con el. Estabamos xa só Xurxo e máis eu no piso da rúa Canadelo Alto no que tantos anos pasamos e a el o noso piso quedáballe preto da oficina, polo que decidiu abandonar por vez primeira a casa de seus pais e virse a vivir con nós. Recordo perfectamente a tenrura coa que me contou que, cando marchara da casa, seu irmán lle dixera que, despois de toda unha vida xuntos, o ía a botar de menos. El botou unha risotada das súas e contoume cómo lle dixo a seu irmán “pero bueno, home, que me vou aí ao lado... que aínda ei vir pola casa máis que antes se te descoidas, xa verás!!!”. Logo, calou e quedou co semblante dubitativo, como evocando o momento, como pensando que el tamén botaría de menos a seu irmán.

A todo isto, non vos vou a mentir, Andrés non era o mellor compañeiro de piso que un se poida imaxinar. Polo menos, desde o meu punto de vista claro. Supono que el pensaría o mesmo de min... ;·) Andrés era todo vitalidade, todo entrega as cousas que lle gustaban ou que simplemente cría que debía facer. Era un xenio, xa o dixen, e os xenios son, ás veces, un caos. A min, que son un tiquismiquis en temas de gardar as cousas dentro dunha mínima orde, o seu deixar o fregadeiro cheo de louza sen lavar, ocupar dous tendais só coa súa roupa, ou o de usar como manteis os panos de cociña, que eu despois atopaba todos pringosos cando me ía a secar as mans, tenme posto de mala hostia máis dunha vez. Pero, claro, como carallo te vas a enfadar de verdade cun tipo coma Andrés? Por moi enfadado que estiveses con el, cando chegabas a casa e o escoitabas facendo os seus exercicios de canto, escala para arriba, escala para abaixo, co mal que cantaba o cabrón, non podías senón rirte. Porque o Andrés, constante como dixen que era, non só ía ao ximnasio cada dous días pola mañá cedo antes de ir ao choio, senón que saía do traballo na pausa de media mañá e ía ao piso a facer exercicios de canto durante 20 minutos, facía exercicios de canto a mediodía antes de comer, e volvía a facelos ao saír do traballo. E mira que cantaba mal (todo o contrario do ben que tocaba o piano), pero entregábase en corpo e alma para mellorar. Facía os seus exercicios coma se lle fose a vida niso, e o certo é que co tempo chegou a ser escoitable. Aínda así, eu non sei como os veciños nos puideron perdoar os seus exercicios de canto e os meus comezos co clarinete. Ás veces incluso coincidiamos os dous, cada un polo seu lado, a facer escalas e exercicios, como competindo a ver quen era capaz de emitir sons máis horribles! Pena dunha gravadora...

O de que era boa xente, para os que o coñecemos penso que non precisa explicación. En doce anos creo que non lle escoitei falar mal de ninguén. Andrés ía ao seu e non tiña tempo para perder en criticas ou cotilleos.

O pasado novembro detectáronlle un cancro de páncreas estadio 4 e unha vez máis, non sei porque nos sorprendemos, Andrés sorprendeunos a todos. Quixo sabelo todo sobre o seu estado, non quixo que ninguén lle ocultase a gravidade da súa enfermidade, e quixo compartilo ademais con moitos de nós. Cada semana, normalmente os sábados, enviábanos un correo no que nos contaba as súas peripecias con médicos, tratamentos, probas... e tamén o seu día a día: se durmía, se non durmía, os libros que lía, a música que escoitaba, os días de sol e sen demasiadas dores nin molestias que podía aproveitar para dar un paseo arredor do Parador de Baiona cunha moza fermosa.

Durante a súa convalecencia, Andrés demostrounos que era doutro mundo. Quizais daquel para o que agora se foi. Unha vez recibido o primeiro grupo de sesións de quimioterapia, os médicos dixéronlle que o tumor non remitía e que tiñan que decidir se o intentaban con outro tratamento distinto (máis forte) ou se, simplemente, deixaban que a enfermidade seguise o seu curso natural. Dixéronlle que, “chegados a ese punto” a decisión era unha cuestión de calidade de vida, que é o mesmo que dicirlle “non tes solución e isto é xa só cuestión de tempo, chaval”. Era a verdade, e el quería sabela. Nesa tesitura, na que calquera de nós nos teriamos cagado de medo, marchado para casa, e botado tres semanas chorando, Andrés díxolles que, para tomar unha decisión, precisaba de cifras, estatísticas, probabilidades. Supoño que o seu requirimento deixou á súa médico tan abraiada coma a min cando lin o seu relato da situación, porque lle pediu unha semana para debatelo co resto de oncólogos do servizo.

Un día, o luns 9 fixo tres semanas, Andrés mandou un correo contando que se atopaba mal: case non durmía e as dores e molestias eran cada vez mais fortes. Estou seguro que o correo nos deixou a todos os que o recibimos moi preocupados, pero foi peor o silencio posterior: unha semana, dúas semanas, tres semanas... Andrés faltou á súa cita dos sábados e o seu correo con información do seu estado non chegou a nós. O pasado día 9, a confirmación aos nosos temores chegou. Eu, e coma min os outros sete que conformamos a súa panda de telequenhos, recibimos primeiro un correo do meu querido Miguel (que estou seguro lle custou suor e bagoas escribirnos esas mensaxes) dicindo que a situación empeorara moito, que Andrés estaba sedado e que era cuestión de tempo. Ao día seguinte, pola mañá, un SMS no móbil de España non me presaxiaba nada bo. Lelo confirmou os meus medos e un calafrío subiu polas miñas costas.

Cando pasa algo así sempre penso en cal e a mellor maneira de honrar á persoa que falta. En qué lle gustaría a ela que eu fixese neses momentos. Normalmente, pero moi especialmente no caso de Andrés, unha resposta paréceme case sempre a máis axeitada: VIVIR. Ser consciente de que calquera día pode ser o meu día, de que hai poucas cousas tan importantes coma para enfadarse ou deixarse agobiar por elas, de que hai que aproveitar cada momento. Cando penso nel, cando recreo no meu pensamento a súa imaxe, véxoo sempre sorrinte, con ou sen as súas gafas, con ou sen melena, berrándome “ei, companeiro!!!”, facendo os seus exercicios de canto, falándome de musica... Véxoo hai anos sentado con Sergio nas gradas de Teleco, meténdose con Elena ou María José, de carallada con Miguel e Pablo, tirado no sofá do noso piso vendo a tele con Xurxo, discutindo cousas de programación con Armando, saíndo de clase con Juan aquel día de setembro do 96.

Véxoo e penso que Andrés soubo vivir os case 30 anos que lle deu a vida. Que os aproveitou e que, de seguro, tería moitas mais cousas por facer se lle deixaran. Penso que, se el puidese ter pedido un desexo nos seus últimos momentos tería sido ese, o de vivir un chisquiño máis, e por iso non se me ocorre maior homenaxe que, con el no recordo, mirar adiante e vivir: disfrutar cada momento, cada persoa, cada raio de sol, cada canción... Non se me ocorre nada mellor porque estou seguro de que el o tería feito por min e porque, tamén, será o que eu vos pida o día que me toque.

Deica outra, compañeiro.


PD: Non sei exactamente cando será pero, algún día, espero que a moito non tardar, os telequenhos volveremos a nos reunir para xantar ou cear xuntos. Creo que nunca, escusando as vodas, fomos capaces de nos xuntar realmente todos porque sempre faltaba un ou outro por unha ou outra razón pero, por suposto, esta vez será distinto... ou non. Desta volta, meus, non será como cando, na Coruña, despois da voda de Sergio, nos dixo que quedara cunha moza e que prefería ir con ela que ir xantar con nós (cousa totalmente comprensible). Desta volta estará con nós á mesa porque, de certo, estará no noso pensamento. Levantemos a copa, e brindemos: por Andrés!

PD2:
http://mcidor.blogspot.com/2008/06/andrs.html tamén sobre Andrés, máis curto, e a ben seguro máis brillante. Moitas apertas, Migueliño.