…en varios sentidos. Digo que aquí estamos de novo porque acabamos de chegar de pasar unha semaniña en casa e porque retomo a escritura do blog despois de telo unha boa tempada un tanto descoidado. Luís, Arturo e algún outro/a encargáronse de me dar un toque e preguntar que cando volvía a escribir algo, pero o certo é que ultimamente estiven demasiado liado, entre outras cousas lendo á Petite en Belgique, como para escribir no blog.
Outra das cousas que me manteñen ocupado é o deporte, ao que ultimamente lle dedico cada vez máis tempo e que me devolve a inversión en forma de benestar físico e mental. Xa dixen nun post anterior que vos tiña que falar das miñas renovadas ansias deportivas e remitinvos a un post futuro, pero tampouco será neste porque preciso un enteiro (e longo) para vos falar de todo iso.
Tamén a lectura toma boa parte do meu tempo ultimamente. Comecei a ler libros en inglés o ano pasado, cando Noel e Nikki me prestaron o fantástico Watching the English, de Kate Fox, de lectura obrigada para calquera que queira entender a idiosincrasia inglesa. Despois lin The Hours, que merquei por unha libra á porta dunha casa (aquí é relativamente frecuente que, cando alguén non quere algo, o deixe á porta da casa para que calquera que o queira o colla, xa sexa gratis ou pagando unha pequena cantidade). Logo lin Dreams from my father, o primeiro libro de Barack Obama, para intentar entender un pouco mellor ao noso novo emperador mundial. Por Nadal lin primeiro Memoirs of a geisha e logo The DaVinci Code e despois de Nadal, Who Rules Britain, the Robert Peston, o editor de economía da BBC. Agora mesmo divido o meu tempo entre unha lectura técnica, Test-Driven Development by example, e outra un pouco máis de placer, destinada a entender mellor como se poñer en forma: Fitness for Dummies :·P
Hai dúas semanas, algúns xa o sabedes, estivemos uns días de paseo por Andalucía. Teño que poñer orde nas fotos e tentar xuntar algún tempo para poñer algunhas no Flickr e poñervos aquí o enlace, pero que saibades que coincido plenamente coa opinión xeral de que Granada é unha cidade que realmente merece a pena. Estiven a correr algo por alí tamén, e é certamente todo un pracer poder correr por ese antigo lugar, intuír en cada esquina un cento de historias e botar a vista arriba mentres corres e ver alí, impoñente, a Alhambra.
Logo a Semana Santa foi curta. Os tres primeiros días pasámolos tanto Xulia coma eu practicamente metidos na casa traballando. Eu tiven que facer esporádicas escapadas ao dentista, e o mércores, despois de que eu fose doar sangue (cousa que fago cada vez que imos de visita se a a visita anterior foi hai máis de tres meses) e Julia pasase polo dépar, puidemos ir cear a Santiago con Juan, Raquel, Sergio, Mari e Pablo. Pasámolo pipa. Antes de nos dar de conta, eran as tres da mañá. Había tempo que non me pasaba o tempo tan rápido.
O xoves fomos pola tarde a cumprir cun dos motivos desta nosa viaxe de Semana Santa: coñecer a Carlos. Para os que non o saibades, Carlos é o fillo de Silvia e Miguel, compañeiros meus de CTAG. Os outros obxectivos eran coñecer a Sofía, a sobriña de Xulia, e botarlle un cabo a Albela e Pilara coas roscas, que foi a principal razón pola que fixemos esta visita agora e non noutro momento.
Cumprimos tódolos obxectivos, se ben nos quedamos coas ganas de botar máis tempo con Sofía, pero a semana non nos deu para todo !!! :·S
E agora, como xa dixen, estamos de volta.
Con moitas cousas por facer pero, fundamentalmente, agardando a que chegue o 1 de maio, cando o Sr. Enxeñeiro Coira e a súa fermosa Amparo nos van a agasallar cunha visita.
Por certo, van a estrear a habitación nova, a que o noso caseiro leva construíndo... desde xuño do ano pasado!!! e que lle está a quedar, hai que dicilo, moi cuca.
Alguén se anima a ser o/a seguinte en probala? ;·)
No hay comentarios:
Publicar un comentario